Ponte de Carlos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 50°05′11″N 14°24′40″E / 50.08639°N 14.41111°E / 50.08639; 14.41111

Ponte de Carlos
Prague charles bridge night.jpg
Río Moldava
Concello Praga
Provincia Praga
Data Século XV
Lonxitude 516 m
Ancho 10 m
Gálibo
Tipo Ponte gótica
Material Pedra
A Ponte de Carlos e a Cidade Vella de Praga
A Ponte de Carlos vista dende a Petřínská rozhledna (torre de observación).

A Ponte de Carlos (en checo: Karlův most) é a ponte máis vella de Praga, e atravesa o río Moldava da Cidade Vella á Cidade Pequena. É a segunda ponte máis antiga existente na República Checa.

A súa construción comezou en 1357 co visto e prace do Rei Carlos IV, sendo rematado a comezos do século XV. Dado que nese entón constituía a única forma de atravesar o río, a Ponte de Carlos transformouse na vía de comunicación máis importante entre a Cidade Vella, o Castelo de Praga e as zonas adxacentes ata 1841. A ponte foi tamén unha conexión importante para o comercio entre a Europa Oriental e Occidental.

Orixinalmente, esta vía de comunicación foi chamada a Ponte de Pedra (Kamenný most) e a Ponte de Praga (Pražský most), pero leva a súa denominación actual dende 1870.

A ponte ten unha lonxitude de 516 metros, e o seu ancho é de case 10 metros, á vez que se atopa apoiada en 16 arcos. Está protexida por 3 torres distribuídas entre as súas dúas cabeceiras, dúas delas en Malá Strana e a restante no extremo situado na Cidade Vella. A torre localizada na cabeceira da Cidade Vella é considerada por moitos como unha das construcións máis impresionantes da arquitectura gótica no mundo. A ponte está decorada con 30 estatuas situadas nos seus lados, a maior parte das cales son de estilo barroco e foron construídas ao redor do 1700.

Durante as noites a Ponte de Carlos é unha testemuña silenciosa dos tempos medievais. Pero durante o día, a súa faciana muda completamente e transfórmase nun sitio moi transitado. Artistas e comerciantes tratan de facer diñeiro a expensas do importante fluxo de turistas que todos os días visitan o lugar.

Historia[editar | editar a fonte]

Construción da ponte[editar | editar a fonte]

A necesidade dunha nova ponte xurdiu logo de que a vella Ponte de Judith fose destruída por unha inundación en 1342. Esta ponte de estilo románico fora bautizada en honor á dona do rei Ladislao I.

Astrólogos e numerólogos determinaron que Carlos IV debía asistir ao asentamento da pedra fundamental ás 5:31 AM do 9 de xullo de 1357. Este preciso intre pode ser enunciado como 135797531, e conforma unha secuencia capicúa de díxitos impares ascendentes e descendentes, que se atopa gravada na torre da Cidade Vella. A construción foi supervisada por Peter Parler, e liderada por un "magister pontis", Jan Ottl.

A ponte foi construída con arenita de Bohemia. Existe unha lenda segundo a cal utilizáronse ovos para enriquecer o morteiro usado ao momento de tender os bloques, co obxectivo de facelo máis duro. Malia que isto non pode ser verificado directamente, análises recentes confirmaron a existencia de ingredientes orgánicos e inorgánicos no mortero.[1] A construción da Ponte de Carlos estendeuse ata principios do século XV. Para soster economicamente a obra cobrábanse peaxes, tarefa que inicialmente estivo a cargo da orde relixiosa dos Cabaleiros da Cruz con Estrela Vermella, e logo da municipalidade da Cidade Vella (ata 1815).

Historia ata o século XX[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa historia, a Ponte de Carlos foi testemuña de numerosos acontecementos, á vez que sufriu danos en varias ocasións. En 1432, unha inundación destruíu tres dos seus alicerces. En 1496, o terceiro arco (contando dende a beira da Cidade Vella) esborrallouse logo de que un dos alicerces descendese debido á erosión na súa parte inferior. Nesta ocasión, os traballos de reparación duraron ata o ano 1506.

Un ano logo da Batalla da Montaña Branca, logo da execución dos 27 líderes da revolta anti-Habsburgo o 21 de xuño de 1621, as cabezas dos rebeldes foron expostas na ponte para disuadir aos checos da posibilidade de novos alzamentos. Cara fins da Guerra dos Trinta Anos, en 1648, os suecos ocuparon a ribeira occidental do Moldava e no seu intento de avanzar cara a Cidade Vella, a batalla máis importante produciuse sobre a ponte. Durante o combate, a torre ao lado da Cidade Vella sufriu graves danos nun dos seus lados (o que mira cara ao río) e a maior parte dos ornamentos góticos deberon ser retirados.

Durante o século XVII e comezos do XVIII a ponte adquiriu a súa aparencia actual, ao instalarse unha serie de estatuas barrocas sobre os alicerces do mesmo. Durante unha gran inundación acontecida en 1784, cinco alicerces foron danados considerablemente e, aínda que os arcos non se romperon, o tránsito pola ponte debeu ser restrinxida por un tempo.

A Ponte de Carlos cedo pola mañá, co Castelo de Praga ao fondo.
Vista da Ponte durante as inundacións de 1872.

A escaleira orixinal que descendía desde a ponte cara á Illa Kampa foi substituída por unha nova en 1844. Ao ano seguinte, unha nova inundación ameazou a integridade da ponte, aínda que finalmente non se rexistraron danos de consideración. En 1848, durante os días da Revolución, a ponte escapou ilesa aos canonazos, aínda que algunhas das estatuas foron danadas. En 1866, instaláronse as luces de estilo seudo gótico (inicialmente a gas, aínda que máis tarde serían substituídas polas eléctricas) na balaustrada da ponte. Na década de 1870 o primeiro servizo regular de transporte público (autobús) comezou a funcionar sobre a ponte, o cal sería substituído tempo despois por un tranvía tirado por cabalos. Tamén foi en 1870 cando a ponte recibiu a denominación actual de Ponte de Carlos. Entre 1874 e 1883, as torres foron sometidas a unha restauración minuciosa.

Entre o 2 e o 5 de setembro de 1890, outra inundación de proporcións catastróficas afectou a Praga e causou importantes danos á Ponte de Carlos. Centos de embarcacións, troncos e outros materiais flotantes vidos de augas arriba comezaron a formar unha barreira a medida que se amoreaban contra a ponte. Como consecuencia da presión exercida, tres dos arcos da ponte foron derribados e dous dos seus alicerces colapsaron debido á erosión xerada pola auga. Xunto co quinto alicerce, dúas das estatuas construídas por Ferdinand Brokoff (as de San Ignacio de Loyola e San Xavier) tamén caeron ao río. Os traballos de recuperación demandaron dous anos (a ponte foi reaberta o 19 de novembro de 1892) e custaron 665.000 coroas.

Dende o século XX ata a actualidade[editar | editar a fonte]

A Ponte de Carlos nun día de inverno, vista dende a Torre na beira da Cidade Vella

A comezos do século XX, o tráfico a través da Ponte de Carlos aumentou de xeito pronunciado. O 15 de maio de 1905 foi o derradeiro día no que circulou o tranvía tirado por cabalos, sendo substituído por un eléctrico que funcionaría ata 1908, e por autobuses logo dese ano. Ao finalizar a Segunda Guerra Mundial, construíronse unha barricada na entrada á ponte situada baixo a torre da Cidade Vella.

Entre 1965 e 1978, leváronse a cabo importantes obras de mantemento na ponte, grazas á colaboración de varias entidades científicas e culturais. Reasegurouse a estabilidade dos alicerces, substituíronse todos os bloques de pedra que estaban danados, quitouse a capa asfáltica que recubría a ponte e prohibiuse todo tipo de tránsito con excepción do pedestre. Dende a finalización destas obras, cuxo costo roldou os 50 millóns de coroas, soamente pódese acceder á ponte a pé.

miniatura

Na década de 1990, xurdiron críticas ás obras de mantemento e reconstrución que se realizaron, xunto con propostas para que se volvan a realizar tarefas de restauración.

A comezos do século XXI, a maior parte dos expertos estaba de acordo en que as derradeiras obras realizadas non estiveran exentas de erros, pero cuestionaban a necesidade de volver a interferir na ponte. Con todo, logo das desastrosas inundacións de 2002 (que en si mesmas só ocasionaron danos menores á ponte), decidiuse realizar traballos de reparación e estabilización en dous dos alicerces (o oitavo e o noveno) situados na beira de Malá Strana. Trátase dos únicos alicerces que non foran reparados logo das inundacións nos anos 1890. As citadas inundacións de 2002 incrementaron o número de persoas que sinalan a necesidade dunha restauración máis minuciosa e, cara 2005, considerábase que a reparación dos dous alicerces representaba a primeira etapa dun plan de obras estendido, que incluiría entre outras cousas a inclusión dun sistema protector de hidroillamento. Todas as obras levaranse a cabo gradualmente, sen necesidade de pechar á ponte ao público, e espérase que se conclúan no ano 2007.

Estatuas na ponte[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Estatuas da Ponte de Carlos.

As 30 estatuas que se atopan ao longo da Ponte de Carlos, na súa maior parte pertencen ao estilo barroco, estas forman unha combinación de estilos única xunto co gótico que prevalece na ponte propiamente dita. A maior parte das esculturas foron realizadas entre 1683 e 1714, e representan a varios santos e santos patróns venerados nesa época. Entre os artistas que decoraron a ponte coas súas obras atopábanse os máis prominentes de Bohemia: Matthias Braun, Jan Brokoff e os seus fillos Michael Brokoff e Ferdinand Brokoff, entre outros.

Entre as esculturas máis notables, cóntanse as de San Luthgard, o Crucifixo e o Calvario e a de San Xoán Nepomuceno. Tamén é coñecida a estatua do cabaleiro Bruncvík, malia que non se atopa en ningunha das dúas fileiras principais a ambos os dous lados da ponte.

A partir de 1965, todas as estatuas foron substituíndose con réplicas, sendo exhibidas as obras orixinais no Museo Nacional.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Ponte de Carlos

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]