Pedro Álvarez de Toledo y Leiva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pedro Álvarez de Toledo y Leyva,
Capitan Xeneral de Galicia (1631-1637)
15º Vicerrei do Perú (1639-1648).

Pedro (Álvarez) de Toledo y Leiva, nado en Úbeda en 1585 e falecido en Mancera de Abajo (Salamanca) o 9 de marzo de 1654, foi un nobre, político e militar español.

Primiros anos[editar | editar a fonte]

Fillo de Luis de Toledo y Rojas, IV señor de Mancera y Cinco Villas, comendador de Alange na Orde de Santiago, capitán dunha compañía de Gardas Vellas, e da súa segunda esposa, Isabel de Leiva y Mendoza, filla dos señores de Leiva, Ameyuga y Bozo, desde moi novo serviu a bordo das galeras, e con 15 anos xa estaba combatendo en Italia (1600) e, un ano despois na campaña de Alxer baixo o mando do príncipe Andrea Doria. Ao mando de cinco galeras participou na defensa do estreito de Xibraltar (1607), atacado polos mouros. Despois exerceu cargos de goberno: como membro do Consello colateral de Nápoles durante o vicerreinado de Antonio Zapata e Cisneros, e chegou a ser Tenente xeneral das galeras de Sicilia (1622).[1]

Trasladado á corte, recibiu o título de Marqués de Mancera (17 de xullo de 1623) e pasou a integrar o Consello de Guerra. O 4 de agosto de 1631 foi nomeado Gobernador e Capitán Xeneral de Galicia, cargo que ocupou até 1637. A súa xestión mereceu os eloxios da Xunta do Reino de Galicia que, o 15 de abril de 1637 solicitaba a Filipe IV que "no removiera del oficio de Capitán general y gobernador deste Reino al señor Marqués de Mancera pues dello se le sigue grande servicio y utilidad a sus vasallos". O rei atendeu a petición, pero o marqués acabou enfrontándose, a causa do programa de fortificacións, cos correxidores da Coruña, aos que ordeou deter o 19 de novembro de 1638.[2]

Vicerrei do Perú[editar | editar a fonte]

Posteriormente foi nomeado Gobernador de Orán e, finalmente, o 24 de febreiro de 1638 recibiu o cargo de Vicerrei do Perú; despois de gastar máis de un ano nos preparativos da viaxe, saíu de Cádiz o 20 de maio de 1639, tomando poseión do cargo o 18 de decembro de 18 de decembro de 1639, entregándoo a García Sarmiento de Soutomaior, II conde de Salvaterra, o 20 de setembro de 1648, de modo que rexeu os destinos do Perú durante oito anos, nove meses e dous días.

Ante as frecuentes incursións dos piratas, e aconsellado pola súa experiencia militar, dispuxo a fortificación do Callao (1640) mandando levantar unha muralla de 4 km de longo, a erección de fortalezas en Arica e Valdivia e aínda a defensa de Buenos Aires.

Favorábel á "conservación, buen tratamiento y alivio de los indios", recoñeceu que estos tiñan por inimigos a correxidores, curas e caciques, "atentos a enriquecer de su sudor", e que ningunha preocupación mostraban por obedecer as providencias ditadas para amparalos. De volta na corte, retirouse ao seu palacio de Mancera, onde morreu o 9 de marzo de 1654.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Virreyes de Nápoles, de José Raneo con anotaciones de Eustaquio Fernández Navarrete, págs. 408-417, incluido en la "Colección de documentos inéditos para la historia de España", vol. XXIII.
  2. Pedro II de Toledo y Leiva (1585-1654), I conde de Mancera

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]