Partido Verde de Inglaterra e Gales

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Green Party of England and Wales (GPEW)
Plaid Werdd Cymru a Lloegr
Partido político de Inglaterra e Gales
Líder Caroline Lucas
Fundación 1973
Sede Waterlow Road, 1. Londres N19 5NJ
Ideoloxía Ecoloxismo
Socialdemocracia
Euroescepticismo
Representación 2 deputados no Parlamento Europeo
Filiación internacional Partido Verde Europeo
Mocidades Young Greens
Páxina web www.greenparty.org.uk/

O Partido Verde de Inglaterra e Gales (en galés: Plaid Werdd Cymru a Lloegr, en inglés: Green Party of England and Wales) é un partido político ecoloxista británico fundado en 1973. Non ten representantes no Parlamento de Westminster, mais si no Parlamento Europeo e a nivel local. Mantén boas relacións co Partido Verde Escocés e co Partido Verde de Irlanda do Norte. A súa líder é Caroline Lucas.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

De xeito paralelo a outros grupos ecoloxistas e ambientalistas, ven de promover un manifesto para unha sociedade sostíbel. Tamén se opoñen á experimentación con animais e á mutación xenética dos alimentos, dando tamén apoio á ratificación do convenio de Quioto e se opón ao uso da enerxía nuclear. Tamén mantén correntes de representación interna de diversos colectivos, como o LGTB.

Drogas[editar | editar a fonte]

O partido sostén que a prohibición das drogas non funciona. Apoia a legalización da posesión, comercio e cultivo do cánnabis. Despenalizaría a posesión de pequenas cantidades de drogas recreativas como o MDMA e legalizaría de xeito gradual tódalas drogas recreativas. Con isto agardan "retirar o comercio de drogas do control criminal e colocalo nun marco legal regulamentado e controlado"[1] e cita estudos que amosan como nos países onde o cannabis está despenalizado, o seu uso é moito menor que no Reino Unido[2]. O partido tamén quere prohibir a publicidade de marcas de alcohol e tabaco[1].

Benestar animal[editar | editar a fonte]

O Partido Verde oponse á toda experimentación con animais e avoga por substituíla por alternativas non animais. Quere rematar tamén coa gandaría intensiva. Apoia a prohibición das exportacións de animais vivos, da manipulación xenética, dos deportes sanguentos, dos circos, dos zoolóxicos (agás cando sexa en beneficio do animal) e das ropas de pel[1].

Goberno[editar | editar a fonte]

O Partido Verde quere "modernizar e descentralizar" o actual sistema gobernamental de Inglaterra e Gales. Quere rematar coa monarquía británica e substituír a Casa dos Lords por unha segunda cámara elixida[3].

Historia[editar | editar a fonte]

Foi fundado en 1973 como o PEOPLE Party, en 1975 trocou o seu nome polo de Ecologic Party, en 1985 por Green Party e en 1990 adoptou o nome actual. Nas eleccións europeas de 1999 obtivo 2 eurodeputados (Caroline Lucas e Jean Lambert), que mantivo nas eleccións europeas de 2004.

Non tivo éxito nas eleccións á Asemblea Nacional de Gales de 2007, nin nas eleccións ao Parlamento do Reino Unido de 2005, nas que non acadou representación, pero si nas da Asemblea do Grande Londres, onde teñen 2 de 25 membros (Darren Johnson e Jenny Jones).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Young Greens (youth section of the Green Party of England and Wales) Policy Website
  2. cite="http://www.greenparty.org.uk/policies/health.html"
  3. Government and Democracy: Politics for People, Green Party, (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]