Partido Socialcristián (Austria)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido Socialcristián
Christlichsoziale Partei
Dirixentes e organización
LíderKarl Lueger e Ignaz Seipel
Historia
Fundación1893
Disolución1934
Posicións políticas
IdeoloxíaConservadorismo [1]
Catolicismo político[1]
Nacionalismo[2]
Antisemitismo[3][4]
Populismo
Corporativismo[1]
Outros datos
SedeViena

O Partido Socialcristián (en alemán, Christlichsoziale Partei, CS ou CSP) foi un partido político austríaco de orientación dereitista, activo no período que vai de 1893 a 1934, durante o Imperio Austrohúngaro e a Primeira República austríaca. Trala súa fundación, medrou rapidamente até se converter nun dos partidos máis importantes da monarquía. Durante a Primeira República estivo presente en tódolos gobernos federais até 1934 e, dende 1920, de xeito xeral, ostentaba a Chancelería federal e dende 1928, tamén, a Presidencia federal. Os seus cargos máis importantes facilitaron a transición ao réxime autoritario do estado corpotativo ("austrofascismo"), despois de cuxo establecemento se disolveu.

É considerado un antecedente do actual Partido Popular de Austria (ÖVP).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cartel antixudeu do Partido Socialcristián para as eleccións de 1920. A inscrición reza: Cristiáns alemáns, salvade Austria!.

O seu precursor foi o Movemento Social Cristián en Austria creado por a partir do semanario católico Wiener Kirchenzeitung, de Sebastian Brunner, publicado en 1848, como pioneiro da prensa católica e das asociacións católicas fundadas polo cardeal Anton Gruscha en 1852.[5] Posteriormente, outros grupos fusionáronse no CS, como os "conservadores católicos", os "demócratas", os "reformadores comerciais", a "Asociación Libre de Oficiales católicos de política social" de Liechtenstein ou, o máis importante, a "Asociación Cristiá de Traballadores Sociais" fundada en 1892 por Leopold Kunschak.[5]

O partido propiamente, foi fundado en 1893 por Karl Lueger. A súa orientación era burguesa e católica; había moitos sacerdotes no partido, incluído o chanceler Ignaz Seipel. Isto atraeu moitos votos da poboación rural conservadora e da burguesía urbana: artesáns, funcionarios e comerciantes. O seu apoio á monarquía austrohúngara tamén lle trouxo unha gran popularidade entre os nobres.

O antisemitismo do partido social-cristián baseábase en concepcións relixiosas propias da época e non en principios racistas. Até a década de 1890, as asociacións electorais arredor de Lueger tiñan nome como "antisociais e sociais cristiás" ou só "antisemitas".[6]

A actitude deste movemento foi exacta e sistemática cando obtivo o apoio das masas porque os seus líderes sabían que deste xeito era máis doado acadar os seus obxectivos. Ademais, intentaron evitar o máximo posible calquera controversia relacionada con institucións relixiosas; a consecuencia deste comportamento foi que gañou o apoio dunha organización tan poderosa como a Igrexa. Por outra banda, os líderes do partido cristián-social sabían a importancia da propaganda e baseándose nela aproveitaron as circunstancias actuais para influír no estado de ánimo dos seguidores ou adeptos.

De 1907 a 1911, foi o partido máis forte da cámara baixa do Reichsrat, pero máis tarde perdeu esta posición ante o Partido Socialdemócrata Austríaco (SPÖ). Durante a Primeira guerra mundial apoiou ao goberno, pero despois do remate da monarquía en 1918 votou a favor da creación dunha república e da adhesión de Austria a Alemaña (Anschluss).

De 1918 a 1920 formou unha coalición co SDAPÖ. Despois das eleccións de 1920, nas que foi elixido como o partido máis forte, formou unha coalición co Partido Popular da Grande Alemaña e o Landbund. Todos os chanceleres austríacos desde 1920 foron membros do Partido Social Cristián, e o mesmo ocorreu coa presidencia austríaca de 1928 a 1938. A partir de 1929, o partido intentou formar unha alianza co movemento Heimwehr. Debido á inestabilidade desta coalición, a dirección do partido decidiu restablecer a coalición co Landbund e co Partido Popular da Grande Alemaña para as eleccións de 1930.

No proceso de instauración da ditadura austro-fascista, o chanceler social-cristián Engelbert Dollfuß transformou o Partido Social Cristián na Vaterländische Front (en galego, Fronte Patriótica) en 1933. Despois do Anschluss de Austria ao Terceiro Reich, o partido foi prohibido en marzo de 1938 e deixou de existir. Despois da Segunda guerra mundial, o partido non se volveu fundar, pero a maioría dos seus partidarios e membros decidiron, porque o nome do partido seguía estreitamente ligado ao austrofascismo, fundar o Partido Popular austríaco.

Personalidades do partido[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Lewis (1990), pp. 102–103.
  2. Spohn (2005), p. 51.
  3. Pauley (1992), pp. 152–158.
  4. Payne (1995), p. 58.
  5. 5,0 5,1 Czeike (1995), pp. 495-496.
  6. Eminger (2008), p. 400.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]