Pardela de Cabo Verde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A pardela de Cabo Verde (Calonectris edwardsii)[2] é unha especie de ave procelariforme da familia Procellariidae que vive no océano Atlántico, nas augas da Macaronesia meridional. Cría unicamente no arquipélago africano de Cabo Verde.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Foi inicialmente descrita como especie en 1883 por Émile Oustalet. Posteriormente reconsiderouse a súa clasificación e tratouse como unha subespecie da pardela cincenta, ata que en 1995 Cornelis Hazevoet volveu asignarlle a categoría de especie de seu.[3]

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha ave mariña esvelta, coa cabeza e as partes superiores máis escuras que a pardela cincenta e o bico escuro. Comparada coa pardela cincenta é de menor tamaño, máis delgada e de formas máis angulosas.[4]

Distribución[editar | editar a fonte]

Esta ave só cría nas illas de Cabo Verde. As colonias máis grandes están nas illas e illotes Brava, Branco e Raso, aínda que tamén aniña en colonias menos numerosas noutras illas do arquipélago.[5] Aínda que os seus movementos e distribución en mar aberto non son coñecidos en profundidade, son avistadas con regularidade arredor das illas na estación de cría. Trala época de reprodución espállanse polas augas tropicais e poden ser avistadas na zona de surxencias de augas senegalesas, onde se concentra arredor dun 10% da poboación en outubro. Existen rexistros de avistamentos ata o Atlántico sur,[6] e un na costa oriental de Norteamérica.[7][8]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Tras unha ausencia de tres meses, os adultos chegan ás súas colonisas de cría das illas entre finais de febreiro e marzo, onde aniñan nos ocos dos cantís e entre as rochas costeiras. As femias poñen un só ovo, que incuban entre maio e xullo. Os pitos abandonan o niño desde finais de setembro a outubro. Despois de abandonaren o niño todas as pardelas permanecen no mar ata a seguinte estación de cría.[5]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Como o resto de pardelas aliméntanse pescando no mar pequenos peixes, luras e outros pequenos animais mariños.

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Estímase que a poboación total en 1993 constaba duns 20 000 adultos (10 000 parellas reprodutoras). Aínda que a especie está teoricamente protexida, os pitos son recolectados polos pescadores, nunhas cifras que se estiman nunhas 5 000 aves capturdas nos seus niños cada ano nos illotes Branco e Raso.[9] A súa poboación está en declive a causa do exceso de recolección de pitos e considérase que a especie está case ameazada.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2012). "Calonectris edwardsii". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2012.1 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. Pardela de Cabo Verde en Avibase. Consultado o 19 de novembro de 2012
  3. Hazevoet, C.J. (1995). The birds of the Cape Verde Islands. Tring, UK: British Ornithologists' Union (Check-list 13).
  4. "Magikbirds: Cape Verde Shearwater". Arquivado dende o orixinal o 03 de outubro de 2018. Consultado o 15 de agosto de 2018. 
  5. 5,0 5,1 5,2 BirdLife International. (2008). Species factsheet: Calonectris edwardsii. Downloaded from http://www.birdlife.org on 10/1/2009.
  6. Registros de la Pardela de Cabo Verde Calonectris edwardsii (Oustalet, 1883) en Uruguay (Aves: Procellariidae). Abreu M., Jiménez S., Domingo A. 2010. Boletín de la Sociedad Zoológica del Uruguay 19: 29-35.
  7. Hazevoet, C.J. (1997). Notes on distribution, conservation, and taxonomy of birds from the Cape Verde Islands, including records of six species new to the archipelago. Bulletin Zoologisch Museum, University of Amsterdam 15(13): 89-100.
  8. Curtis,W.F. (1994). Further South Atlantic records. Sea Swallow 43: 19-28.
  9. "BirdLife International: Cape Verde Shearwater: Threats". Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2009. Consultado o 15 de agosto de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]