Papiniano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papiniano
Nacementomarzo de 142
Lugar de nacementoHoms
Falecemento211 e 212
Lugar de falecementoRoma
Causadecapitación
NacionalidadeRoma Antiga
Ocupaciónxurista
editar datos en Wikidata ]
Papiniano.

Emilio Papiniano (en latín, Aemilius Papinianus), tamén coñecido simplemente polo nome de Papiniano, nado en Siria en 142 e finado en Roma no 212, foi un xurisconsulto romano, magister libellorum e prefecto do pretorio do emperador Septimio Severo. Foi discípulo do xurista Quinto Cervidio Escévola.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pouco se sabe sobre a vida persoal de Papiniano. Supúxose que naceu en Emesa (Siria), ou en África ao redor do ano 150, e que era parente por afinidade de Septimio Severo.

Iniciou o cursus honorum baixo Marco Aurelio, xunto a Septimio Severo, do cal foi íntimo amigo. Ao converterse Septimio Severo en emperador, nomeouno magister libellorum, prefecto do pretorio (cargo que desempeñou ata a morte deste último en 211), e membro do Consilium do emperador. Antes do seu falecemento o emperador encomendoulle especialmente aos seus dous fillos, Xeta e Caracalla.

Papiniano intentou manter a paz entre os fillos de Severo, pero ambos só pensaban en eliminar ao outro para quedar co poder. Finalmente, Caracalla asasinou o seu irmán no ano 212 e ordenou a morte de Papiniano, ao parecer, por non querer xustificar o asasinato ante o Senado.

Este feito daría orixe á frase «É moito máis fácil cometer un parricidio que xustificalo» (non tam facile parricidium excusari posse quam fieri), aínda que a autenticidade histórica desta frase é bastante dubidosa. Os detalles do ocorrido varían segundo a fonte, pero está practicamente fóra de discusión que existiu unha relación entre o fratricidio de Xeta e a morte Papiniano, que ocorreu no ano 212.

Obras[editar | editar a fonte]

As súas obras máis importantes foron as Quaestiones en 37 libros, escritos antes de 198 (que corresponde máis ao tipo de literatura denominada Digesta, por contemplar o estudo dogmático e os casos consultados e resoltos polo autor) e as Responsa (comentarios a casos reais) en 19 libros, escritas entre 204 e a data da súa morte.

Ademais redactou dúas obras co mesmo título: De adulteriis, dous libros de Definitiones e un texto en grego, en que expoñía as obrigacións dos maxistrados e funcionarios da policía urbana (aínda que se sospeita que este é unha colección posclásica, que reproduce fragmentos das Responsa). No Digesto consérvanse 596 fragmentos de Papiniano.

Importancia[editar | editar a fonte]

Polo seu talento xurídico e vida pública, unido á súa heroica morte (como un mártir pola xustiza), Papiniano é tradicionalmente considerado un dos «príncipes da xurisprudencia romana» e practicamente o xurista por antonomasia; por exemplo, para Mommsen era o maior dos xurisconsultos romanos.

Entre as súas calidades como xurista destacáronse, entre outros trazos, a súa independencia de criterio e o afán pola procura de solucións equitativas, criterio diverso ao seguido polos seus predecesores (que eran tecnicamente rigoristas).

A lei de citas de 426, que regulaba a recitatio das obras dos xuristas ante os tribunais (ou sexa, que xuristas podían ser invocados e os criterios para a decisión do xuíz ante opinións diversas destes) concedeulle a preeminencia entre os xuristas romanos clásicos, ao establecer que, se non existía maioría nun sentido ou había empate entre Gaio, Paulo, Ulpiano, Herenio Modestino e el, prevalecía a súa opinión. En caso que non se manifestou sobre o particular, o xuíz quedaba libre de elixir entre as opinións presentadas polas partes.

Ademais, dentro do Dixesto de Xustiniano, as súas obras forman parte da denominada masa papiniana, é dicir, dunha das catro agrupacións de textos utilizados na súa redacción.

Tal importancia tivo Papiniano no Dereito, que as dúas máis importantes compilacións lexislativas que impuxeron os bárbaros aos romanos, o Breviario de Alarico, dos visigodos, e a lei romana dos borgoñóns, tiveron senllos capítulos nos que recompilaban textos deste importante xurisconsulto. Tan importante foi Papiniano para os borgoñóns, que a lexislación imposta por estes foi coñecida como O Papiniano, por facer alusión ao xurisconsulto en mención.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Paricio, Javier (1999). Los juristas y el poder político en la antigua Roma. Granada: Editorial Comares, S.L. ISBN 84-8151-865-4. 
  • Giuffre. Papiniano, fra tradizione et innovazione, << ANRW >> 11-15, 632ss

Outros artigos[editar | editar a fonte]