Pacto sucesorio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pacto Sucesorio é o nome con que a historiografía moderna coñece un documento subscrito por Raimundo de Borgoña, conde de Galicia, e Henrique de Borgoña, conde de Portugal. Nese documento, Raimundo comprométese a recoñecer a Henrique unha serie de posesións feudais no reino de León. A cambio Henrique apoiaba a proclamación de Raimundo como rei cando morrese Afonso VI.

Existen moitas dúbidas acerca da autenticidade do documento. Con todo, case todos os especialistas no período (Bernard Reilly, Charles Bishko, Carmen Pallares, Ermelindo Portela ou Luís Carlos Amaral) admiten a súa autenticidade.

Así mesmo, descoñécese a data en que o texto puido ser subscrito. As datacións propostas van de 1085 a 1107.

O texto[editar | editar a fonte]

O texto orixinal do Pacto Sucesorio non se conserva. Coñecemos o seu contido a través do Spicilegium[1], unha obra en trece tomos publicada polo monxe beneditino francés Luc d’Achery entre 1655 e 1677. A obra compila documentos medievais de moi diversa orixe. O Pacto Sucesorio aparece no tomo III, publicado en 1659, entre outros documentos procedentes, segundo o autor, do arquivo da abadía de Cluny.[2]

Tradución do texto ao galego[editar | editar a fonte]

O texto orixinal está en latín. Esta sería a súa tradución ao galego:[3]

Ao señor e reverendísimo abade de Cluny, Hugo, e a toda a congregación de San Pedro, o conde Raimundo, o seu fillo, e o conde Henrique, familiar[4], desexan saúde e amor en Cristo. Ficade a saber, queridísimo Pai, que despois de vermos o voso legado, polo temor de Deus omnipotente e do benaventurado apóstolo Pedro e pola reverencia da vosa dignidade, o que nos mandastes facer nós fixémolo na man do señor Dalmacio Geret.

En Nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo. Garantía de íntegro amor polo cal o conde Raimundo e o conde Henrique, con este xuramento estabeleceran un Pacto de Amizade:

Eu Henrique, lonxe de calquera falsa pretensión de ruptura, a ti, conde Raimundo, xuro pola saúde dos teus membros e pola elevada estima da túa vida e que a túa prisión ocorrerá contra a miña vontade. Xuro tamén que, após o falecemento do rei Afonso, estarei preparado para, de calquera modo, como único señor, defender con fidelidade e aumentar para ti toda esta terra do rei Afonso contra calquera home e muller. Xuro tamén que, se vier a posuír o tesouro de Toledo antes de ti, dareiche dúas partes e conservarei para min a terceira. Amen.

E eu, conde Raimundo, a ti, conde Henrique, xuro pola saúde dos teus membros e pola elevada estima da túa vida, que a túa prisión ocorrerá contra a miña vontade. Xuro tamén que, após a morte de Afonso, dareiche Toledo e toda a terra que lle pertence; e toda a terra que recibes, soamente por min concedida, terala coa condición de seres a partir de agora o meu home e terala de min, o teu señor; e despois de tela dado, ti devolverasme todas as terras de León e Castela. E se alguén a min ou a ti quixer resistir e provocarnos inxuria, nós empreenderemos guerra contra el en conxunto ou individualmente, ata que pacificamente devolva aquela terra a min ou a ti e despois eu ofrecereicha. Xuro tamén que, se tiver o tesouro de Toledo antes de ti, dareiche a terceira parte e gardarei para min as dúas partes remanentes.

Garantía que o conde Raimundo fixo na man do señor Dalmacio Geret.

Se eu conde don Raimundo non puder dar Toledo a ti, conde Henrique, tal como prometín, dareiche a Galiza coa condición de que me axudes a conquistar toda a terra de León e de Castela; e só despois de eu aí dominar en paz, dareiche a Galiza, para que, despois de cha ter dado, ti me devolvas as terras de León e de Castela. Coa orde de Deus e tamén coa intercesión das pías oracións da Santa Igrexa de Deus. Amén.

Análise do texto[editar | editar a fonte]

De aceptarmos a súa veracidade, o Pacto sucesorio resulta un texto moi revelador para o tramo final do reinado de Afonso VI. En esencia, o pacto é un acordo de axuda mutua entre Raimundo de Borgoña e o seu parente Henrique, que se activaría na morte de Afonso.

Data e propósito[editar | editar a fonte]

As datas propostas para a sinatura do pacto van de 1085 a 1107.[5] Posto que Afonso nacera arredor de 1040, Raimundo e Henrique pretendían asegurar as súas respectivas posicións ante a súa previsíbel morte. Raimundo aspiraba, como marido de Urraca, a suceder a Afonso. Henrique comprometíase a soster os dereitos de Afonso ao trono leonés, a cambio de recibir Toledo en feudo ou, no seu caso, Galiza.

O pacto presenta a Afonso de Borgoña como vasalo de Raimundo, razón pola que a historiografía portuguesa ten desconfiado do documento. De aceptarmos esta vasalaxe, Afonso Henriques, fillo de Afonso de Borgoña, tería obrado contra os seus señores naturais ao se proclamar rei de Portugal.

Con todo, é certo que Raimundo de Borgoña, por estar casado con Urraca, a primeira filla lexítima de Afonso VI, debía de ser considerado na época como de superior categoría a Afonso de Borgoña. Ao cabo este casara con Teresa, filla ilexítima do rei. Así mesmo, Afonso era conde de Portugal, un territorio que na altura aínda se entendía como ligado ao reino de Galicia, aínda que baixo a acción de Henrique e Teresa viñese gañando singularidade.

A intervención de Cluny[editar | editar a fonte]

Por outro lado, o texto denota os fortes lazos que unían ao reino coa abadía de Cluny. A carta está dirixida a Hugo, abade de Cluny entre 1049 e 1109. Durante o seu goberno Cluny foi un referente para a cultura e a política da Europa católica. A colaboración entre a monarquía leonesa e Cluny comeza a mediados do XI, no reinado de Fernando I, e estreitarase durante os reinados de Afonso VI e Afonso VII.

O texto mostra a ansiedade de Cluny por asegurar o seu ascendente no reino de León e garantir unha sucesión ordenada ao trono. Durante o reinado de Afonso, a nobreza franca acadara un gran poder no reino. O pacto pode ser unha resposta á designación de Sancho, fillo de Afonso e Zaida de Sevilla, como herdeiro do trono leonés. Pola súa procedencia e por estar casado con Urraca, filla de Afonso e Constanza de Borgoña, Raimundo parecería a Cluny un candidato ao trono máis adecuado que o infante Sancho.

O pacto asínase ante Dalmacio Geret, emisario do abade. Este home ten sido identificado co monxe cluniacense, tamén chamado Dalmacio, que ocupou o bispado de Santiago entre 1094 e 1096. Esa identificación está lonxe de ser completamente segura, pois existen outras persoas do mesmo nome que actuaron como delegados de Cluny na Península durante os primeiros anos do século XII.

Repartición territorial[editar | editar a fonte]

No texto, o reino de Afonso percíbese como un conxunto de unidades políticas nitidamente diferenciadas. En concreto o texto fala de Galiza, León, Castela e Toledo. En suma, segue a división territorial consagrada trala morte de Fernando I, coa adición de Toledo, tomado en 1085 por Afonso VI. Como se deduce do texto, este era o territorio máis codiciado do reino, dada a grande cantidade de recursos económicos que achegaba á monarquía.

Segundo o texto, de non poder entregar Toledo, Raimundo cedería Galicia a Henrique. O texto non aclara se esta denominación incluía o que na altura eran os condados de Portugal e Coímbra ou se nesta época xa se tiñan por terrritorios diferenciados.

Controversia sobre a datación[editar | editar a fonte]

Dado que o texto conservado carece de data de suscrición ou referencia temporal precisa, tense suxerido un rango de datas que vai desde o 1085 ao 1107. Este rango de datas responde, como termo post quem, ao momento en que Raimundo e Henrique (nacidos arredor do 1070) se dispoñerían a viaxar á Península como parte das milicias capitaneadas por Eudes I de Borgoña. Como termo ante quem usaríase a morte de Raimundo, acaecida a finais do ano 1107.

Aínda hai tamén quen suxire que o texto podería ter sido subscrito en data temperá e renovado máis tarde, momento en que se tería introducido a cláusula final do documento.

Con todo, as datacións preferidas pola historiografía son os anos que están arredor do 1095 ou arredor do 1105. A primeira das datas pemitiría identificar ao Dalmacio do pacto co bispo compostelán e aínda entender que non se mencione a Henrique como conde de Portugal, posto que ese nomeamento non debeu de producirse até finais de ano, como moi cedo. Así mesmo, se o texto fose asinado antes do nomeamento de Henrique, entenderíase mellor a súa suxeición a Raimundo.

A hipótese de Charles J. Bishko sobre a datación[editar | editar a fonte]

Aínda que lonxe de pechar a cuestión, unha das hipóteses mellor fundadas sobre a datación do pacto é a do historiador Charles Julien Bishko, quen, nun artigo publicado orixinalmente en 1971, situaba a sinatura no verán de 1105[6].

No seu estudo, o pacto foi resultado dos hábiles movementos de Henrique de Portugal e da ameaza que o infante Sancho supuña para os dereitos dinásticos de Raimundo e a súa muller Urraca. Se, como parece, o infante Sancho naceu contra o 1093, estaría chegando á idade en que podería ser asociado ao trono. De feito, desde 1103 é constante a súa presenza como confirmante dos documentos de seu pai.

A argumentación de Biskho fíxase nun documento do 30 de xaneiro de 1105 polo que Henrique cede ao mosteiro de San Isidro de Dueñas, abadía dependente de Cluny, os réditos de certas propiedades súas na área da Seabra.

A doazón é confirmada por unha longa lista de nobres laicos e eclesiásticos. Vinte e seis deles proveñen dos condados de Portugal e Coímbra, outros quince do territorio leonés. En opinión de Bishko, coa doazón Henrique pretendía marcar unha posición propia na sucesión de Afonso VI. Por un lado, buscaba reforzar a súa alianza con Cluny. Por outro, quería sumar aliados para a súa causa entre a nobreza leonesa oposta ao infante Sancho pero aínda non comprometida coa causa de Raimundo de Borgoña.

Ao tempo, percíbese que Henrique buscaba ampliar cara ao leste os territorios controlados polos condados de Portugal e Coímbra. Por outra banda, esta foi unha constante do seu goberno, imposibilitado como estaba de estender os seus territorios cara ao sur, ante a fortaleza dos almorábidas.

Na hipótese de Bishko, a relevancia política desta doazón alarmou a Raimundo. Sendo o preferido dos cluniacenses, solicitou a mediación do abade Hugo. Do estudo dos diplomas das chancelarías de Afonso, Raimundo e Henrique, Bishko conclúe que os dous nobres borgoñóns se uniron á corte do rei en Burgos, entre mediados de maio e finais de setembro. Este sería o momento máis plausíbel para a sinatura do pacto. Amais, é case seguro que nesa altura naceu o primeiro fillo varón de Raimundo e Urraca, Afonso Reimúndez.  

O debate sobre a autenticidade[editar | editar a fonte]

A primeira noticia do texto corresponde á súa publicación por Luc d’Achery en 1659. Nunca se atopou o texto orixinal, un feito que pode explicarse en que non houbo ocasión de levar a cabo o acordo e na destrución sufrida por Cluny no século XVI, durante as guerras de relixión en Francia, e, sobre todo, nos anos que seguiron á Revolución Francesa.

Como xa se dixo, a historiografía portuguesa ten impugnado o texto por presentar a Henrique como vasalo de Raimundo. Esta tese foi lanzada xa no século XVIII polo frade José Barbosa no seu Catálogo Cronológico, Histórico, Genealógico e Crítico das Rainhas de Portugal e Seus Filhos, editado en 1727.

Ademais de considerar inadmisíbel a vasalaxe de Henrique, o frade sinalaba que o texto obviaba a condición de conde de Henrique como conde de Portugal. Con todo, esta dificultade salvábase se o texto era anterior ao seu nomeamento ou tamén tendo en conta que o uso do título é irregular na propia chancelaría condal. Desta maneira, as dúbidas sobre a falsidade do documento ficaron arrombadas.

O historiador Abel Estefânio retomou a tese da falsificación nun artigo do 2011. Comentando a estrutura do texto, Estefânio sinala que, aínda que a súa estrutura se corresponde coa propia dun documento da época, carece dun apartado fundamental: a indicación do lugar de sinatura, do notario e dos confirmantes e testemuñas presentes.

Outra das cuestións sospeitosas sobre as que se detiña o artigo era a da presenza do abade Hugo como inspirador dun pacto que non podía ser tomado por Afonso VI máis que como unha traizón. Porén, recentes investigacións a cargo de Julia Montenegro teñen revelado que a relación entre ambos xa podía estar moi deteriorada á altura do 1090, o que explica que o abade se arriscase a indispoñerse co rei.

Na súa opinión, o documento sería un falso histórico creado ao fío da Guerra da Restauración (1640-1668). Trataríase dun dos múltiples intentos da diplomacia de Filipe IV por negar a lexitimade do duque de Bragança, proclamado rei de Portugal como Xoán IV.

Neste mesmo estudo, Estefânio recoñecía que as súas conclusións estaban lonxe de seren concluíntes. Nun novo artigo de 2014 inclinouse por aceptar a veracidade. En primeiro lugar, sinalaba algunhas peculiaridades lingüísticas do texto. O redactor usou Leon en lugar de Legione para se referir á capital do reino. O propio Estefânio sinalaba que, aínda que fose un uso infrecuente para a época, documéntanse outros exemplos contemporáneos co mesmo uso.  

Así mesmo, dá conta de ter atopado o manuscrito que serviu para a edición impresa do documento por parte de D’Achery. Este manuscrito foi realizado por Anselme Le Michel, un relixioso beneditino da congregación de San Mauro –como D’Achery– que copiou numerosos documentos de Cluny en 1645.

Inclinándose a considerar o documento verdadeiro, Estefânio sinalaba que a pasaxe "Raimundus Comes eiusque filius” do texto orixinal ten por forza que interpretarse como unha referencia ao fillo varón de Raimundo, o futuro Afonso VII. O seu nacemento, que Estefânio dá por seguro o 1 de marzo de 1105, sería a razón fundamental que impulsaría ao pacto entre os dous condes. Entendendo que Raimundo asinou numerosos documentos até poucos días antes da súa morte, Estefânio consideraba que o pacto podía ter sido subscrito en calquera momento entre 1105 e 1107.

Resultados do pacto[editar | editar a fonte]

Fose ou non un pacto verídico, o certo é que non chegou a ter ningún efecto histórico. Raimundo morreu en 1107 e un ano despois o infante Sancho. Urraca e, seguramente, o seu neto Afonso, foron designados para a sucesión por Afonso VI, que morrería a inicios do verán de 1109.

O Pacto da Amizade entre Urraca e Teresa[editar | editar a fonte]

Un texto semellante ao Pacto sucesorio é o Pacto da Amizade, subscrito entre as esposas de Raimundo e Henrique, Urraca e Teresa. Datado seguramente a finais de 1110, o acordo concede á Teresa numerosas prazas no territorio leonés e castelán (Zamora, Salamanca, Ávila, Talavera...) en troca de protección militar.

Como sucede co Pacto sucesorio, non hai consenso sobre a veracidade do documento, pois só se coñece unha copia, conservada no Liber Fidei da catedral de Braga. Como sucedeu co Pacto sucesorio, as cláusulas do Pacto da Amizade nunca se chegaron a facer efectivas.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Estefânio, Abel (Xullo-Decembro 2011). "O "pacto sucessório" revisitado: o texto e o contexto". Medievalista (10). ISSN 1646-740X. doi:10.4000/medievalista.239. 
  2. Achery, Luc d'; Billaine (Paris), Louis (1659). Veterum aliquot scriptorum, qui in Galliae Bibliothecis, maximè Benedictinorum latuerant spicilegium: Tomus Tertius ... (en latín). apud Dionysium Bechet & Ludovicum Billaine bibliopolas. 
  3. Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). Teresa. A condessa-rainha. Tradución propia sobre a tradución ao portugués do Doutor Manuel Francisco Ramos a partir do texto latino recollido en Documentos medievais portugueses, de Rui Pinto de Azevedo. Temas e Debates. pp. 331–332. 
  4. A expresión latina empregada no texto orixinal ("HENRICVS Comes eius familiaris") pode tamén traducirse como "o conde Henrique, vasalo seu".
  5. Estefânio, Abel (Xullo-Decembro 2011). "O "pacto sucessório" revisitado: o texto e o contexto". Medievalista (10): 7. ISSN 1646-740X. doi:10.4000/medievalista.239. 
  6. Bishko, Charles Julian (1984). "Count Henrique of Portugal, Cluny, and the Antecedents of the Pacto Sucessório". Spanish and Portuguese Monastic History, 600-1300. Variorum Reprints. 
  7. Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). Teresa. A condessa-rainha. Temas e Debates. pp. 178–182. 

Referencias externas[editar | editar a fonte]

  • Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). Teresa. A condessa-rainha (en portugués). Lisboa: Temas e Debates. ISBN 9789896446086.
  • Bishko, Charles Julian (1984): "Count Henrique of Portugal, Cluny, and the Antecedents of the Pacto Sucessório", pp. 155-188, en Spanish and Portuguese Monastic History, 600-1300 (en inglés). Variorum Reprints. ISBN 9780860781363. Dispoñíbel en rede en https://libro.uca.edu/monastic/monastic.htm. [Consultado o 1/11/2022].
  • Estefânio, Abel (2011): “O “pacto sucessório” revisitado: o texto e o contexto”. Medievalista [Em linha]. Número 10, (Xullo de 2011). [Consultado o 2/11/2022]. Disponível em http://www2.fcsh.unl.pt/iem/medievalista/MEDIEVALISTA10\estefanio1002.html. ISSN 1646-740X.
  • Estefânio, Abel: “Proposta de aclaração do “pacto sucessório” à luz de novos dados”. Medievalista [Em linha]. Número16 (Xullo - Decembro 2014). [Consultado o 6/11/2022]. Disponível em http://www2.fcsh.unl.pt/iem/medievalista/MEDIEVALISTA16\ ISSN 1646-740X.