Osijek

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización de Osijek

Osijek, cidade croata (en húngaro Eszék, en alemán Esseg), e a capital da rexión de Osijek e da Baranja e a cidade máis importante da Esclavonia. É sede universitaria.

Con 114.616 habitantes (2006), Osijek é o cuarto centro urbano de Croacia.

Osijek: Paseo ás beiras do Drava

Situación xeográfica[editar | editar a fonte]

Osijek está situada a 90 m s.n.m., na beira sur e dereita do río Drava, uns 25 km antes de que este río desaugue no Danubio. Sita no extremo nororiental da Croacia, dista 30 km da fronteira húngara e 20 da fronteira serbia.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi un asentamento militar romano a partir da primeira metade do século I, so a dinastía xulio-claudia. Aquí estiveron acuarteladas unidades auxiliares romanas pertencentes á Ala II Hispanorum Aravacorum, substituídas durante a dinastía flavia pola cohors II Alpinorum equitata, que permaneceu aquí até a época de Traxano. O nome latino do campamento romano era Mursa Maior, máis tarde convertido por Hadriano nunha colonia romana.

Durante a época das grandes invasións, Mursa foi destruída polos ávaros. As infiltracións paulatinas dos pobos eslavos, durante o século VII, provocaron a refundación da cidade, que tomou entón o seu nome actual. Ao longo da Idade Media o lugar non aparece reflectido na documentación até fins do século XII(1196). Tomada a cidade polos turcos en 1526, foi arrasada completamente por eles, aínda que a reconstruíron ao seu gusto.

Osijek foi recuperada para Occidente o 2 de setembro de 1687, ao ser tomada polo Imperio austro-húngaro. O novo goberno promoveu a construción dunha nova cidadela fortificada, denominada Tvrda, so a dirección do arquitecto Maximilian de Gosseau, que levantou un excelente conxunto barroco.

Centro da cidade coa torre da catedral no fondo

En 1809, Osijek acadou o status de Cidade Libre Imperial. Ao longo do século XIX converteuse no maior núcleo urbano de Croacia, desenvolvéndose cultural e economicamente conforme ás pautas que viñan de Viena e de Budapest. Froito do seu dinamismo, en 1877 inaugurouse o primeiro museo da cidade, mercé a doazóns de particulares.

A expansión da cidade continuou ao longo do século XX. Antes da guerra balcánica de 1991-1995, Osijek, bastante industrializada, alcanzou arredor dos 165.000 habitantes. Aínda que a cidade non foi demasiado afectada pola guerra, ao contrario do que sucedera coa próxima Vukovar, algúns bombardeos ocasionaran danos, sendo importantes os sufridos pola catedral de San Pedro e San Paulo. Mais a consecuencia principal da guerra foi a súa parcial decadencia industrial e a caída demográfica, moi visible na perda de cerca de 50.000 habitantes. Con todo Osijek continúa a ser centro dunha importante zona agrícola.

Comunicacións[editar | editar a fonte]

Osijek está excelentemente comunicada, pois está dotada de diversas vías comunicacións, tales ferrocarril, autoestradas, porto fluvial e aeroporto.

O aeroporto de Osijek, desde marzo de 2008, posúe ligazón internacional co de Colonia-Bonn en Alemaña. A autoestrada comunican a cidade coas principais autoestradas croatas e a través delas coa importante vía pan-europea 5c; estaba prevista a inauguración do enlace para novembro de 2008. O ferrocarril une Osijek coas principais cidades croatas, e cómpre indicar que hai servizos decote entre Budapest e Saraxevo que paran na estación da cidade. O seu porto fluvial é un dos máis importantes do leste europeo, dentro da conca do Danubio.

Internamente está provista dunha rede de tranvía, modernizada recentemente, que constitúe a única operativa de Croacia, xunto coa de Zagreb.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]