Nailon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nailon
Densidade 1150 kg/m³
Condutividade eléctrica(σ) 10-12 (mohm)-1
Condutividade térmica 0.25 W/(mK)
Nailon 6 (abaixo) e nailon 6,6, mostrando a dirección dos enlaces peptídicos, única diferenza estrutural entre eles.

O nailon ( do inglés: nylon) é un polímero artificial que pertence ao grupo das poliamidas. Xérase formalmente por policondensación dun diácido cunha diamina. A cantidade de átomos de carbono nas cadeas da amina e do ácido pódese indicar detrás das iniciais de poliamida. O máis coñecido, o PA6.6 é polo tanto o produto formal do ácido butandicarboxílico (ácido adipínico) e a hexametilendiamina.

Por razóns prácticas non se utiliza o ácido e a amina senón solucións da amina e do cloruro do diácido. No límite entre as dúas capas fórmase o polímero que pode ser expandido para dar o fío de nailon.

Un polímero parecido é o perlon que se forma por apertura e polimerización dunha lactama, xeralmente a caprolactama. A diferenza reside en que no nailon as cadeas están formadas por polímeros da fórmula xeral (..-NH-C(=O)-(CH2)n-C(=O)-NH-(CH2)m-...) mentres que no perlon as cadeas teñen a secuencia (..-NH-C(=O)-(CH2)n-NH-C(=)O-)-(CH2)n-...).

O descubridor do nailon e quen o patentou primeiramente foi Wallace Hume Carothers. Á morte deste, a empresa Du Pont conservou a patente.

Os Laboratorios Du Pont, en 1938, produciron esta fibra sintética forte e elástica, que substituiría en parte á seda e o raión.

O nailon é unha fibra téxtil elástica e resistente, non a ataca a couza, non require pasarlle o ferro e utilízase na confección de medias, tecidos e teas de punto, tamén porcas e sedelas. O nailon moldeado utilízase como material duro na fabricación de diversos utensilios, como mangos de cepillos, peites, etc.

Con este invento, revolucionouse en 1938 o mercado das medias, coa fabricación das medias de nailon. As primeiras partidas chegaron a Europa en 1945.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

En contra dalgunhas crenzas o seu nome non é un xogo de palabras, xa que non fai referencia a dúas cidades (Nova York e Londres), que conxugadas en idioma inglés dan como resultado NyLon, senón que segundo John W. Eckelberry (DuPont), "nyl" é unha sílaba elixida ao azar e "on" é en inglés un sufixo de moitas fibras.

Outra versión di que o nome debería ser "non-run", indicando que as medias feitas por este material non se rompían con facilidade pero por razóns xurídicas foi cambiado a Nylon.

Outra lenda atribúe o nome a abreviacións de exclamacións como Now You Lousy Old Nipponese? (ou Now You Look Old Nippon?) en contra dos xaponeses, ao tratarse dun substituto da seda que se importou de China ocupada polos xaponeses na segunda guerra mundial.