Muíño De Roos (Delft)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
De Roos
(muíño de vento)
O muíño De Roos nunha fotografía de 2005
Edificio
TipoMuíño de vento para a moenda de millo
Sistema estruturalMuíño de pedra redondo sobre alicerces de pedra exagonal
EnderezoPhoenixstraat, 112. 2611AK te Delft (Markt, 87)
Localización Delft
Holanda Meridional
Países Baixos Países Baixos
Coordenadas52°00′51″N 4°21′02″L / 52.014028, 4.350667Coordenadas: 52°00′51″N 4°21′02″L / 52.014028, 4.350667
PropietarioAsociación De Hollandsche Molen
Uso(s)Moenda de millo
Museo dos muíños de vento de Delft
Tenda de produtos de fariña
Construción
ConstruciónSéculo XIV
RemodelaciónSéculo XVIII
1990
editar datos en Wikidata ]

De Roos (en galego: "A Rosa"), é o derradeiro muíño de vento dos quince que noutrora estiveron sobre as murallas da cidade neerlandesa de Delft, na Holanda Meridional. O muíño, que foi declarado en 1967 monumento nacional des Países Baixos (rijksmonument) funciona aínda con regularidade moendo gran.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

Vista do muíño De Roos desde a torre da Igrexa Nova de Delft

A primeira mención a un muíño, situado na actual rúa Phoenixstraat, remóntase a 1352, coa denominación de Gasthuismolen. Naquel momento dispuña dunha parte superior de madeira, que foi posteriormente substituída pola pedra no século XVIII.

Descoñécese en que momento o muíño adquiriu a súa fisionomía actual, aínda que, en todo caso, tivo que ser con anterioridade a 1727.

A súa actividade reduciuse moi notablemente en 1929, por mor das escavacións producidas nas murallas da cidade cara ao norte do muíño, con motivo das obras da liña 1 do tranvía a través da rúa Phoenixstraat. Desde esa data ata os anos oitenta apenas mantivo a súa actividade de moenda de gran.[3]

Restauración[editar | editar a fonte]

Nos anos 80 descubriuse que o muíño pandeaba por mor da súa actividade de moenda e polas condicións do lugar. A fundación Molen de Roos ("Muíño A Rosa") comezou entón unha colecta de fondos para a restauración, que durou tres anos. Tras os traballos de restauración, o muíño foi reinaugurado o 28 de setembro de 1990 polo Príncipe Claus, marido da raíña Beatriz.

Na parte superior do muíño áchase a exposición permanente Delftse Windmolens ("Muíños de vento de Delft"), así como unha tenda de produtos feitos á base de fariña.

Construción do túnel baixo o muíño[editar | editar a fonte]

Debido á construción dun túnel para o tráfico ferroviario, a titularidade do muíño De Roos transferíuselle en decembro de 2009 á empresa ProRail, titular das infraestruturas ferroviarias dos Países Baixos. Inicialmente, nesa operación reforzouse a base do muíño cunha base de formigón armado sustida sobre 45 columnas de aceiro. O 4 de xullo de 2012, o muíño elevouse un metro mediante estas columnas e extraeuse o chan por debaixo da lousa de formigón, para fabricar a estrutura portante do túnel; é dicir, o seu teito. O 12 de decembro de 2012 o muíño foi baixado e pasou a estar asentado sobre o teito do túnel. O 4 de setembro de 2013, ao remate das obras do túnel, a titularidade do muíño volveu novamente á asociación de defensa dos muíños holandeses De Hollandsche Molen ("O muíño holandés"), que é a súa propietaria desde 1926.

Visitas[editar | editar a fonte]

As visitas, cunha duración recomendada duns 30 minutos, pódense realizar os luns (de 13:00 horas a 18:00 horas), de martes a venres (de 9:00 horas a 18:00 horas) e os sábados (de 9:00 horas a 17:00 horas). Os domingos permanece pechado ao público.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha de inscrición do muíño no Rijksmonumentenregister Arquivado 01 de decembro de 2017 en Wayback Machine. (en neerlandés
  2. Características do museo na súa ficha da Nederlandse Molendatabase. (En neerlandés)
  3. "Toen in Delft: Molen de Roos". En Indebuurt.nl. (En neerlandés)
  4. Horarios actualizados de visitas e contacto para reservas Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine.. (En inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]