Momo (novela)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Momo (novela)
Autor/aMichael Ende
OrixeAlemaña
Lingualingua alemá
Xénero(s)Fantasía e romance infantil
Data de pub.1973
editar datos en Wikidata ]

Momo (título orixinal en alemán MOMO oder Die seltsame Geschichte von den Zeit-Dieben und von dem Kind, das den Menschen die gestohlene Zeit zurückbrachte, "MOMO ou a estraña historia dos ladróns de tempo e da nena que lles devolveu o tempo aos homes"), é unha novela de Michael Ende, publicada en 1973.

Sinopse[editar | editar a fonte]

Nas ruínas dun anfiteatro, situado preto dunha cidade italiana vive Momo, unha nena coa habilidade extraordinaria de saber escoitar á xente. Axuda a quen se acerca a falarlle, non só atopando respostas aos problemas, senón tamén facendo amizades e inventando xogos. No barrio, é común a frase Vai ver a Momo. Ademais dos nenos da veciñanza, lévase moi ben con Beppo o Varredor e con Gigi, que fai de guía turístico e a quen lle gusta cantar.

Mais esa atmosfera pracenteira remata coa chegada dos Homes Grises, estraños individuos que representan ao Banco de Tempo e difunden entre a poboación a idea de aforrar tempo (tempo que poden depositar no Banco e reclamalo despois, con intereses). Pero en realidade, fan que a xente esqueza todo agás a obsesión por aforraren todo o tempo posible para un hipotético uso posterior. Gradualmente, a sinistra influencia dos Homes Grises afecta a toda a cidade: a vida muda por completo: déixase de facer todo o que se considera perder o tempo, coma a arte, a imaxinación ou mesmo durmir. Os edificios e as roupas fanse exactamente iguais para todos e o ritmo de vida faise atarefado. E o tempo que as persoas invisten, é consumido polos Homes Grises en forma de cigarros, feitos de flores do tempo, sen os que non poden existir.

Momo, pola súa especial personalidade, convértese nun obstáculo para os planos do Banco de Tempo. Os Homes Grises intentan infrutuosamente desfacérense dela, pero Momo, xunto coa tartaruga Casiopea (que se comunica con ela mediante mensaxes luminosas no seu cacho) enfróntase á ditadura dos Homes Grises e termina con eles, contando coa axuda do señor Hora, quen concede o tempo a todos os homes.

Idea principal[editar | editar a fonte]

A obra pode interpretarse coma unha crítica ao consumismo. Amosa o perigo de verse seducido polos intereses ocultos de empresas que contan co suficiente poder como para influír no estilo de vida da xente. No mesmo sentido, é tamén unha profunda crítica ao modelo racional de concibir o tempo, un modelo economicista que olvida os pequenos momentos e sensacións que, sen ter valor económico, e polo tanto poden parecer superfluas, son realmente importantes na vida humana.