Michael Ende

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Michael Andreas Helmut Ende, nado en Garmisch-Partenkirchen (Baviera) o 12 de novembro de 1929 e finado en Stuttgart o 28 de agosto de 1995, foi un escritor alemán.

Biografía[editar | editar a fonte]

Foi o fillo único do pintor surrealista Edgar Ende e a fisioterapeuta Luise Bartholomä.

Sendo estudante participou na agrupación anti-nazi "Frente Libre Bavarian", pero debeu suspender os estudos para servir no exército alemán. Tempo despois mudouse coa súa familia a un barrio de artístas en Münich, o que lle supuxo unha grande influencia. En 1947 entra na escola antroposófica do filósofo Rudolf Steiner, en Stuttgart. En 1948 entra na Escola de Teatro de Cámara, de Otto Falckenberg, en Munich.

Comezou a escribir relatos de corte infantil e xuvenil a principios da década de 1950. Traballou como actor, guionista de espectáculos de cabaret e como escritor de críticas cinematográficas.

En 1964 casou coa cantante Ingeborg Hoffman, que coñecera en 1949, e coa que foi vivir a Roma. Ingeborg faleceu en 1985 debido a un cancro de pulmón, e Michael Ende casou de novo en 1989 coa xaponesa Mariko Sato.

Michael Ende morreou con 65 anos, debido a un cancro de estómago que se lle diagnosticara o ano anterior.

Obra[editar | editar a fonte]

A súa obra enmárcase no xénero fantástico.

En 1947 escribiu a súa primeira obra de teatro, dedicada á matanza de Hiroshima.

Logrou popularidade no seu país coa obra Jim Knopf und Lukas der Lokomotivführer ("Jim Botón e Lucas o Maquinista"), publicada en 1960, unha novela fantástica que lle supuxo o premio Deutscher Jugendbuchpreis como mellor libro alemán do ano para público infantil. En 1962 publicou a segunda parte, Jim Knopf und die Wilde 13 ("Jim Botón e os 13 salvaxes").

Momo foi publicada en 1973 con grandes dificultades, debido á dura crítica social que entraña. Foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Xuvenil.

Die unendliche Geschichte ("A historia interminable") foi publicada en 1979, e supúxolle o Premio Janusz Korczak.

Museo Michael Ende[editar | editar a fonte]

En 1998 inaugurouse na Bibliothek für internationale Kinder- und Jugendliteratur (Biblioteca internacional de literatura infantil e xuvenil) de Múnich o Museo Michael Ende. Nel consérvanse obras do autor en diversos idiomas, manuscritos, pinturas do seu pai, libros da súa biblioteca privada, e obxectos persoais de especial valor. Ende era un coleccionista de figuras de tartarugas feitas de toda clase de materiais.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Michael Ende