LCROSS

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
LCROSS / Lunar Crater Observation and Sensing Satellite
Representación artística de LCROSS
TipoSonda espacial
OrganizaciónNASA
Contratistas principaisNorthrop Grumman
Data de lanzamento18 de xuño de 2009[1][2][3]
Foguete portadorAtlas 5[2][4]
Sitio de lanzamentoCentro de Lanzamento de Cabo Cañaveral[2][3][4][5]
Obxectivo da misiónEstudo da superficie lunar.[2][3][4][5]
Decaemento9 de outubro de 2009[1]
NSSDC ID2009-031B
Masa534 kg[2]

LCROSS, acrónimo de Lunar Crater Observation and Sensing Satellite, foi unha sonda espacial da NASA lanzada o 18 de xuño de 2009 mediante un foguete Atlas 5 desde o Centro de Lanzamento de Cabo Cañaveral.[1][2][4][5]

Características[editar | editar a fonte]

LCROSS foi lanzada xunto á sonda Lunar Reconnaissance Orbiter cara a Lúa coa misión de impactar preto do polo sur lunar en busca da auga en forma de xeo que se atopa baixo a superficie. LCROSS estaba formada por dúas partes que permaneceron unidas ata chegar á proximidade da Lúa:[1][2][4][5]

  • A Etapa Superior de Partida da Terra (Earth Departure Upper Stage, EDUS), a etapa superior Centaur do Atlas 5.
  • A nave pastora (Shepherding Spacecraft, S-SC).

Tras seguir unha órbita complexa e aproximarse á Lúa e separarse, EDUS impactou na superficie lunar a 2,5 km/s, no cráter Cabeus, un cráter de 98 km de diámetro. O impactou xerou unha nube de restos que S-SC cruzou pouco despois, analizandoos en busca de auga e outros compoñentes e obtendo imaxes do impacto, que foi seguido tamén por telescopios desde a Terra. Tras quince minutos, S-SC tamén impactou contra a Lúa, finalizando a súa misión.[1][2][4][5]

A nave S-SC foi construída usando o adaptador de carga secundaria do Atlas 5, un anel de 158 cm de diámetro cunha masa seca de 534 kg ao que se lle engadiron 300 kg de hidracina como propelente. A nave xeneraba ata 600 W de potencia mediante un panel solar que cargaba unha batería de ións de litio de 40 A-h de capacidade. A propulsión corría a cargo de dous conxuntos de oito propulsores consumindo hidracina, mentres que o control de actitude estaba controlado por un sistema de seguidores estelares e dez sensores solares xuntamente cunha unidade de medición inercial e as comunicacións tiñan lugar en banda S mediante dúas antenas omnidireccionais e dúas antenas de corno de media ganancia. Como instrumentos, S-SC levaba a bordo dúas cámaras para lonxitudes de onda visible, tres para o infravermello, tres espectrómetros e un fotómetro.[1][2][4][5]

Os datos recollidos por LCROSS indicaron a presenza de auga nos restos do impacto, ademais de elementos como mercurio, magnesio, calcio, prata, sodio e outros. Tamén se descubriu que a Lúa é quimicamente activa e ten un ciclo da auga e que nalgúns sitios do polo sur lunar a auga está en forma de cristais de xeo puro.[1][2][4][5][6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 N2YO (2023). Real Time Satellite Tracking, ed. "LCROSS" (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2023. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 NASA (28 de outubro de 2022). "Lunar Crater Observation and Sensing Satellite (LCROSS)" (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2023. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Note verbale dated 5 August 2009 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (10-51330 (E)). 23 de febreiro de 2010: 5. Consultado o 8 de xuño de 2023. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "LCROSS" (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2023. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Mark Wade (2023). "LCROSS" (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2023. 
  6. Phil Davis, Steve Carney (8 de xuño de 2023). "LCROSS" (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]