Jean Varin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJean Varin

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento6 de febreiro de 1607 Editar o valor em Wikidata
Liexa Editar o valor em Wikidata
Morte26 de agosto de 1672 Editar o valor em Wikidata (65 anos)
París, Francia Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancia
Suíza Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoEscultura Editar o valor em Wikidata
Lugar de traballo París
Inglaterra
París Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónescultor , medallista Editar o valor em Wikidata
Período de actividade1611 Editar o valor em Wikidata - 1672 Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua francesa Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosFrançois Varin (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaiJean Varin (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
IrmánsClaude Warin (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Jean Varin (ou Warin),[1] nado en Liexa o 6 de febreiro de 1607 e finado en París en 1672, foi un gravador de moedas e medallas e escultor francés, sétimo en ocupar o posto de gravador xeral de moedas de Francia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aínda que algunhas fontes apuntan 1604 como ano do seu nacemento, os rexistros da Igrexa de Notre-Dame de Liexa confirman que naceu o 6 de febreiro de 1607, fillo de Jean Varin e de Catherine Hovius, unha familia procedente da localidade de Reims, na Champaña.[2][3][4][5]

O seu pai era gravador de moeda do príncipe-bispo de Liexa Fernando de Baviera.[6]

Non se coñecen datos acerca da súa formación nin dos seus primeiros traballos, antes de se instalar en París en 1627.[3][4] Catro anos despois casou con Jeanne Desjours, con quen tivo polo menos oito fillos, e en 1650 acadou a súa naturalización como cidadán francés.[7]

Aínda que Varin era tamén escultor, en París comezou a coller máis sona como medallista. Coñécese que en 1629 era un dos encargados da prensa de muíño na Monnaie de Paris, cargo que dirixiu en solitario a partir de 1639 e desde o cal perfeccionou esta técnica de cuñaxe e toda a ferramenta asociada, o que acabou coa cuñaxe a martelo. En 1642 xa era un dos catro gravadores do obradoiro desta ceca no Louvre e ocupouse dos cuños dos escudos e os seus divisores co busto de Lois XIII, a raíz da reforma monetaria do seu ministro de Finanzas, Claude de Bullion. Finalmente, en 1646 foi designado para o posto de gravador xeral de moedas de Francia, logo da renuncia do seu antecesor, Jean Darmand.[4][8][9]

Jean Varín amósalle unha moeda a Lois XIV neno. Óleo de F. Lamaire. Musée de la Monnaie, París.

En 1660 asumiu o posto de conselleiro, secretario do rei, intendente e ordenador dos edificios reais. O 18 de xaneiro de 1672 un decreto do Tribunal de Moedas nomeou a Varin único mestre da Monnaie de París:[10]

Decreto do Tribunal de Moedas polo que se lles prohibe a todos os obreiros, gravadores, moedeiros e outros, coa excepción de Jean Warin, intendente dos edificios da Súa Maxestade e condutor xeral das máquinas de todas as casas de moeda de muíño de Francia, reter ningún muíño, cortadores, laminadores nin outras máquinas similares fóra das casas de moeda, así como a venda de fichas, medallas e moedas de pracer de ouro, prata ou outros metais.

As sinaturas de Jean Varin nas súas obras foron diversas; entre elas, as máis frecuentes foron I.WARIN; WARIN; VARIN; W; VV; WARIN F.; I. WARIN. e IOAN.WARIN.FECIT.[9] Aínda que foi inscrito no nacemento co apelido Varin, a partir de 1630 asinou todos os seus traballos e manuscritos como Warin.[11]

En 1664 ingresou na Academia Real de Pintura e de Escultura.[4][9]

Voltaire deixou escrito acerca de Varin, na súa obra Le Siècle de Louis XIV:[12]

Igualamos os nosos devanceiros nas moedas. Warin foi o primeiro que sacou esta arte da mediocridade, cara á fin do reinado de Lois XIII.

Galería de traballos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Inscrito no nacemento como Varin, a partir de 1630 asinou todos os seus traballos e manuscritos como Warin (Vid.: Didier, J. (2004). Páxina 27).
  2. Arquivos do Estado en Liexa. Rexistro dos nacementos da Igrexa de Notre-Dame Aux-Fonts en Liexa, con data 6 de febreiro de 1607. T17, microfilms YL 142 e 143, volumes 56 e 57: paroisse sainte Catherine, de parents Jean Varin et de Catherine Hovius, les témoins : Suscip : Andréa Maijbais et Anne Legally, femme à Guillaume Wijpar.
  3. 3,0 3,1 Forrer, L. (1916). Páxina 361.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Souchal, F. "Warin ou Varin Jean (1604-1672)". En Encyclopædia Universalis.
  5. Didier, J. (2004). Páxina 8.
  6. Didier, J. (2004). Páxinas 16-17.
  7. Forrer, L. (1916). Páxina 362.
  8. Forrer, L. (1916). Páxinas 362-363.
  9. 9,0 9,1 9,2 Didier, J. (2004). Páxina 27.
  10. Didier, J. (2004). Páxinas 27-28.
  11. Forrer, L. (1916). Páxina 363.
  12. Voltaire (1751). Le Siècle de Louis XIV. Capítulo 33: "Suite des Arts". [Ligazón á edición de Garnier, 1878. Páxina 557]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Jean Darmand
Francia
Gravador xeral de moedas de Francia

1646 - 1672
Sucesor:
François Warin