Illescas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Illescas
ETM Illescas.PNG Escudo de Illescas.svg
Santuario de la Virgen de la Caridad de Illescas.JPG
Vista do santuario da Virxe da Caridade de Illescas.
Situación xeográfica
País España
Comunidade autónoma Castela-A Mancha
Provincia Toledo
Comarca La Sagra
Xeografía
Altitude 583 msnm
Superficie 57.35 km²
Poboación
Poboación 22.482 hab. (2010)
Información
Código postal 45200
Alcalde Fernando Javier Cabanes Ordejón (PP)
Páxina web http://www.illescas.es

Illescas é un municipio de Castela-A Mancha, pertencente á provincia de Toledo. En 2008 tiña 19.167 habitantes, nunha superficie de 57 km², sendo a densidade para o mesmo ano de 277,7 hab/km².

Toponimia[editar | editar a fonte]

Segundo Nieto Ballester, o topónimo Illescas podería ter orixe prerromana, de aspecto celta. Segundo García Sánchez, podería derivarse do topónimo Egelesta, nomeado por Ptolomeo en Geographías Hyphégesis, segunido o proceso Egelesta > Elesta > Elesca(s) > Ilescas > Iliescas > Illescas[1].

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello está situado na comarca de La Sagra, nunha ampla chaira. Limita ao norte cos municipios de Casarrubuelos, Cubas de la Sagra, Torrejón de la Calzada e Torrejón de Velasco (da Comunidade de Madrid), ao leste con Yeles, ao sur con Numancia de la Sagra e Yuncos, e ao oeste con Cedillo del Condado, El Viso de San Juan, Carranque e Ugena.

Historia[editar | editar a fonte]

Na zona atopáronse restos arqueolóxicos que testemuñan a existencia de asentamentos desde a época prehistórica. Nas escavacións realizadas no sitio de El Cerrón atopáronse os restos dun poboado celtíbero, habitado entre finais do século V a. C. ao II a. C., Trala romanización, tamén estivo un tempo habitado.

Durante a época árabe construíuse un alcázar e algunhas fortificacións, tomadas en 1085 durante a reconquista de Toledo por Afonso VI de León, que ordenou a súa reconstrución. Máis tarde a poboación foi doada á diocese de Toledo, para converterse de novo en territorio reguengo en 1124.

En 1154 Afonso VII de León concedeu a carta puebla e catro años máis tarde a vila volveu pertencer ao señorío arcebispal até 1575, en que pasou definitivamente á xurisdición real. Durante estes séculos foron frecuentes os litixios entre a vila e o cabido catedralicio.

Serviu de lugar de recreo para os reis, pero chegou a perder o favor real a causa da Guerra das Comunidades de Castela, onde o illescano Francisco de Guzmán foi capitán do exército comuneiro das compañías de Juan de Padilla.

A principios do século XIX, as tropas francesas desmantelaron un mosteiro de franciscanos descalzos.

Segundo o dicionario de Pascual Madoz, a mediados dese século o concello tiña 300 casas e o orzamento municipal ascendía a 30.000 reais, dos que 4.400 eran para pagar o secretario. A partir de entón iniciouse un lento desenvolvemento, ao que contribuíu a chegada do ferrocarril en 1876.

Na década de 1960 iniciouse a expansión do casco urbano, cun gran desenvolvemento industrial e do sector servizos.

Demografía[editar | editar a fonte]

En 1561 había 12.000 habitantes, cifra que iría diminuíndo nos séculos posteriores. A mediados do século XVIII, segundo a información que ofrece o catastro de Ensenada, Illescas converteuse nun núcleo cunha importante presenza de hidalgos e clérigos. A súa poboación en 1752 era 1.481 habitantes.

Coa chegada do século XX comezou unha lenta recuperación demográfica, que culminou nunha verdadeira explosión demográfica nos anos 60. En 1956 a súa poboación era de 2.325 habitantes e no ano 2001, de 12.234, superándose por primeira vez a cifra de poboación máxima que Illescas tivo desde o século XVI. Na actualidade é o terceiro municipio máis habitado da provincia, só por detrás de Talavera de la Reina e Toledo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. GARCÍA SÁNCHEZ, J. J.: Toponimia mayor de la provincia de Toledo (zonas central y oriental). Toledo, Instituto provincial de investigaciones y estudios toledanos, 2004. Pax 204 - 205. ISBN 84-95432-05-6

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]