Hurritas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Hurritas foron un pobo que habitou a Asia Menor durante a Antigüidade.

Orixes[editar | editar a fonte]

As orixes dos hurritas son mal coñecidas. Parece que se trata dun pobo orixinario das rexións situadas ao sur do Cáucaso, pertencente ao mesmo grupo que os urarteos. Aparecen na historia nos textos de Ebla no século -XXIV, cando emigran cara ao sur, nas montañas situadas ao norte de Mesopotamia, no Kurdistán e no Zagros, onde forman pequenos reinos. Constitúen temibles adversarios para os soberanos de Akkad, e os da terceira dinastía de Ur.

Expansión[editar | editar a fonte]

Durante a primeira metade do segundo milenio antes da nosa era, os hurritas se expanden na Siria do Norte (atopámolos nos arquivos de Mari). Tras a caída dos reinos amorritas, convértense na etnia dominante nesta rexión e os seus reinos afrontan o expansionismo hitita no século -XVI. Poderosos reinos hurritas aparecen daquela, como Kizzuwatna (en Cilicia), pero sobre todo Mitanni, que se situaba arredor do triángulo do Khabur en Siria do Norte. Este reino, dirixido orixinariamente por unha elite indoeuropea, pero poboado maioritariamente por hurritas, estende o seu dominio sobre os seus veciños entre os se´culos -XVI e -XV, a Siria e a Asiria. Este expansionismo faino entrontarse sucesivamente cos exipcios, despois cos hititas, e finalmente cos asirios que, tras liberárense do xugo mitanio, destrúen o reino definitivamente no século -XIII. A derradeira dinastía do reino hitita, a de Suppiluliuma I, é con toda probabilidade de orixe hurrita, e, con todo, contribuíu fortemente ao debilitamento do reino de Mitanni.

Relixión[editar | editar a fonte]

A relixión hurrita é moi próxima ao fondo relixioso anatolio. O seu deus principal é Teshub, o deus da Tempestade, que ten como paredro a Hebat, e por fillo a Sharruma. Outras divindades hurritas importantes eran Kushukh, o Deus-Lúa, Shimegi, o Deus-Sol, e Shaushka, a deusa do Amor. O panteón hurrita comprendía igualmente a Hepit, o deus do Ceo, Kumarbi (a Natureza), ou mesmo Astabis (a Guerra) e Ishara (a Escritura). A mitoloxía hurrita elaborou mitos como o Canto de Ullikumi, ou a Teogonía hurrita, afastado devanceiro da Teogonía de Hesíodo.

Lingua[editar | editar a fonte]

A lingua hurrita é mal coñecida, pois só recentemente se puido mellorar a súa tradución grazas ao descubremento de textos bilingües hurrita-hitita. O problema é que posuímos moi pouca cantidade de documentación en hurrita (escrita en cuneiforme).