Historia urbana de Singapur

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Singapur, a cidade-estado por excelencia do noso tempo, afunde as súas orixes entre a incerteza dos rexistros e a lenda. Así, a primeira mención data do século II cando en varias referencias cartográficas aparece identificada a illa coma praza comercial (o xeógrafo grego Claudio Ptolomeo refírese a Sabana coma porto de comercio co Mediterráneo nesa área). No século III, un escrito chinés describe a illa e a nomea Pu Luo Chung (Pulau Ujong en malaio, "a illa do final").

Índice

A cidade do león [editar]

Os historiadores pensan que a illa puido ser un porto menor do Imperio de Srivijaya (dende o 700 con centro na veciña Sumatra). Xa no declinar do imperio (séculos XI a XIII) semella segura a existencia no lugar dun asentamento coñecido coma Temasek (ou Tumasik, "vila do mar") que tamén daba nome á illa. E dese tempo data a lenda da fundación polo príncipe de Srivijaya Sang Nila Utama, que creu mirar un león ao naufragar no lugar, da cidade de Singapura ("vila do león") na beira norte da foz do pequeno río homónimo.

En todo caso, do século XIV aparecen xa evidencias arqueolóxicas (no posterior Fort Canning Hill) da súa importancia coma porto entre a península malaia e China. Seica mesmo tiña muralla e foso. Despois do reinado de Parameswara, o último príncipe de Srivijaya (expulsado en 1401), Singapura caeu nas mans de sucesivos poderes dominantes da rexión e brevemente durante os séculos XVI e XVII recobrou certa importancia coma centro do comercio do Sultanato de Johore ata seres arrasada polos portugueses en 1613.

Fundación da moderna Singapur [editar]

En 1819, un escenario de confrontación pola supremacía colonial levou aos británicos a tentar contrarrestar o monopolio holandés na rexión. A ruta entre India e China tiña un punto xeoestratéxico decisivo que Thomas Stamford Raffles, ao servizo da Compañía Británica das Indias Orientais, soubo ver deseguida: no extremo sur da península malaia a illa de Singapur (con excelente porto natural, auga e madeira abundantes). Existía un pequeno asentamento na desembocadura do río Singapur dende o ano anterior [1] e, inda que nominalmente era territorio do sultán de Johore, o seu poder estaba moi debilitado e dividido o que facilitoulle a consecución do permiso para establecer alí unha concesión comercial británica (6 de Febreiro) [2].

Plan para a Vila de Singapur (Jackson Plan 1822-1828)

O éxito foi inmediato e de mil habitantes en 1819 pasouse a cinco mil en 1821. Dous anos despois, os británicos conseguiron ampliar a concesión á illa enteira e para 1825 a poboación pasaba de 10.000 habitantes e o movemento do porto superaba aos das demais colonias da área (tratábase dun porto franco fronte as restricións dos portos holandeses).

Por iso xa en 1822 Raffles encargara un plan de ordenamento do desenrolo de Singapur (Jackson Plan, polo enxeñeiro que o deseña e pon en funcionamento) baseado na separación por grupos étnicos e que marcará ata o presente a configuración dos barrios da cidade. En malla ortogonal ao longo da costa, a cidade europea ordénase ao norte do río Singapur, inmediatamente a continuación do asentamento inicial onde se sitúan os edificios representativos ao pé do Outeiro Fort Canning [3](polo forte homónimo a partir de 1859); a numerosa colonia chinesa na beira sur (actual Chinatown) xunto ao mercado e área comercial rentes do mar [4]. Ademais no extremo norte estaban as zonas de indios, malaios, árabes e musulmáns e outros grupos minoritarios.

Crecemento ininterrompido ata a IIGM [editar]

Consolidada coma colonia británica (1824, tratado anglo-holandés) o crecemento de Singapur ao calor do seu porto franco [5] non deixou de contar con acontecementos favorables: apertura de China ao exterior, barcos de vapor transoceánicos e inauguración do Canal de Suez (1869). Numerosas firmas europeas asentáronse na cidade ademais de comerciantes xudeus, armenios, árabes, indios e americanos. Os chineses continuaron a ser unha numerosa e influente comunidade na vida económica e social de Singapur.

Con todo, a administración colonial era ineficiente e o crecemento caótico e cheo de carencias (a poboación entre 1830 e 1869 cuadriplicárase ata os 100.000h). En 1867 creouse a propia presidencia segregada da de Bengala (Straits Settlements), coa residencia do gobernador na cidade, para asegurar unha maior proximidade e implicación das autoridades coloniais [6][7].

A partir da metade do século XIX o porto de Singapur comezou a súa expansión fora do río. Augas profundas atopáronse na punta sur da illa, no Keppel Harbour e de seguido foron aparecendo peiraos e estaleiros. De 1879 e 1887 un primeiro gran recheo (Telok Ayer) entre o río e Keppel Harbour proporciona 8Ha de superficie portuaria e inaugura unha práctica que segue a incrementar o tamaño do porto e a illa ata hoxe. A introdución do ferrocarril aumentou significativamente o movemento de mercadorías. De 1907 a 1914 construíuse un gran dique de abrigo (unha milla) fronte a Telok Ayer, xermolo de futuras ampliacións Erro no código da cita: Peche a etiqueta </ref> que lle falta á outra etiqueta <ref>.

Na fronte marítima do centro da cidade o antigo porto foi tamén ampliado (Tanjong Pagar) ata convertelo nun dos de maior movemento do mundo. Fronte ao vello asentamento colonial grandes recheos pechan nunha baía interior (Marina Bay) a desembocadura do río configurando o actual e futuro distrito dos negocios cunha alta concentración de rañaceos (xunto aos xa levantados a carón de Chinatown) [8][9][10].

O porto de contedores de Tanjong Pagar e á dereita Keppel Harbour no sur da illa.

Notas [editar]

  1. Mapa do río Singapur antes da concesión [1]
  2. Mapa de Singapur no tempo do tratado da concesión, 1819 [2]
  3. Vista do centro europeo de Singapur co outeiro Fort Canning ao fondo nos primeiros anos da colonia [3]
  4. Vista da beira sur do río Singapur con Chinatown a dereita e a zona comercial ao fondo, 1860 [4]
  5. Vista da época do porto de Singapur na foz do río homónimo dende o outeiro Fort Canning na beira norte, 1830-40 [5]
  6. Vista aérea do centro administrativo colonial arredor da Esplanade con Fort Canning á dereita e Chinatown na outra beira do río (foto de 1960), National Archives of Singapur [6]
  7. Historia dos mapas de Singapur, Mok Ly Yng (pdf 10Mb) [7]
  8. Vista aérea da fronte marítima da cidade en 1970: en primeiro termo a Esplanade co centro administrativo colonial;
    máis aló, no sur do río o porto de Telok Ayer; National Archives of Singapore
    [8]
  9. Idem na actualidade e no futuro inmediato (comparar coa anterior) [9]
  10. Maqueta do centro da metrópole con todos os recheos efectuados e os plans previstos [10]