Historia de Singapur

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira de Singapur.

A historia de Singapur refírese á historia de Singapur e a dos seus estados predecesores. A fundación de Singapur remóntase a principios do século XIX; porén, a evidencia suxire que existía un importante asentamento comercial na illa no século XIV. O último gobernante do Reino de Singapura, Parameswara, foi expulsado polos Majapahit ou os Ayutthaya antes de fundar Malaca. Singapur quedou entón baixo o sultanato de Malaca e, posteriormente, o sultanato de Johor. En 1819, o estadista británico Stamford Raffles negociou un tratado polo que Johor permitiría aos británicos localizar un porto comercial na illa, o que finalmente levou ao establecemento da colonia da coroa de Singapur en 1867. As razóns importantes para o ascenso de Singapur foron a súa posición nodal na punta da Península Malaia flanqueada polos océanos Pacífico e Índico, a presenza dun porto natural protexido, así como a súa condición de porto franco.[1]

Durante a segunda guerra mundial, Singapur foi invadida e ocupada polo Imperio Xaponés de 1942 a 1945. Cando os xaponeses se renderon, Singapur volveu ao control británico, con niveis crecentes de autogoberno sendo concedidos, o que resultou na fusión de Singapur coa Federación de Malaisia para forman Malaisia ​​en 1963. Non obstante, os disturbios sociais, as tensións raciais e as diferenzas políticas entre o Partido de Acción Popular (PAP) gobernante de Singapur e o Partido da Alianza de Malaisia ​​provocaron a expulsión de Singapur de Malaisia. Singapur converteuse nunha república independente o 9 de agosto de 1965.

Na década de 1990, o país converteuse nunha das nacións máis prósperas do mundo, cunha economía de libre mercado moi desenvolvida e fortes vínculos comerciais internacionais. Agora ten o produto interior bruto per cápita máis alto de Asia,[2] que é o sétimo do mundo, e ocupa o posto noveno no Índice de Desenvolvemento Humano da ONU.[3]

Idade Antiga[editar | editar a fonte]

A cidade do león[editar | editar a fonte]

A primeira mención a Singapur data do século II cando en varias referencias cartográficas aparece identificada a illa coma cidade comercial. O xeógrafo grego Claudio Tolomeo refírese a Sabana coma porto de comercio co Mediterráneo nesa área e no século III, un escrito chinés describe a illa e a nomea Pu Luo Chung, nome adaptado do malaio Pulau Ujong, "a illa do final".

Idade Media[editar | editar a fonte]

Os historiadores pensan que a illa puido ser un porto menor do Imperio de Srivijaya con centro na veciña Sumatra desde o ano 700. No declinar do imperio, arredor dos séculos XI a XIII semella segura a existencia no lugar dun asentamento coñecido coma Temasek (ou Tumasik, "vila do mar") que tamén daba nome á illa. Dese tempo data a lenda da fundación da cidade polo príncipe de Srivijaya Sang Nila Utama, que creu ver un león ao naufragar no lugar da cidade de Singapura ("vila do león") na beira norte da foz do pequeno río homónimo.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Existen evidencias arqueolóxicas do século XIV no posterior Fort Canning Hill que demostran a súa importancia coma porto entre a península Malaia e a China. É posible que a cidade tivese muralla e foxo. Despois do reinado de Parameswara, o último príncipe de Srivijaya, expulsado en 1401, Singapura caeu nas mans de sucesivos poderes dominantes da rexión e brevemente durante os séculos XVI e XVII recobrou certa importancia coma centro do comercio do Sultanato de Johore ata ser arrasada polos portugueses en 1613.

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

Fundación da moderna Singapur[editar | editar a fonte]

En 1819, o escenario de confrontación pola supremacía colonial levou aos británicos a tentar contrarrestar o monopolio holandés na rexión. Thomas Stamford Raffles, ao servizo da Compañía Británica das Indias Orientais, soubo recoñecer a importancia estratéxica que na ruta entre a India e a China tiña a illa de Singapur, cun excelente porto natural, auga e madeira abundantes. Existía un pequeno asentamento na desembocadura do río Singapur dende o ano anterior[4] e, aínda que nominalmente era territorio do sultán de Johore, o seu poder estaba moi debilitado e dividido. Isto facilitoulle a consecución do permiso para establecer alí unha concesión comercial británica, o 6 de febreiro dese ano.[5]

Plan para a Vila de Singapur (Jackson Plan 1822-1828)

O éxito foi inmediato e de mil habitantes en 1819 pasouse a cinco mil en 1821. Dous anos despois, os británicos conseguiron ampliar a concesión á illa enteira e para 1825 a poboación pasaba de 10.000 habitantes e o movemento do porto superaba aos das demais colonias da área. Singapur era un porto franco sen as restricións dos portos holandeses.

En 1822 Raffles encargou un plan de ordenación do desenvolvemento de Singapur, chamado Jackson Plan polo enxeñeiro que o deseña e o pon en funcionamento. Este plan baseábase na separación por grupos étnicos, o que marcará ata o presente a configuración dos barrios da cidade. En malla ortogonal ao longo da costa establecéronse: a cidade europea ordénase ao norte do río Singapur, inmediatamente a continuación do asentamento inicial onde se sitúan os edificios representativos ao pé do outeiro Fort Canning,[6] nome do forte homónimo creado en 1859; a numerosa colonia chinesa na beira sur, actual Chinatown, xunto ao mercado e a área comercial rentes do mar[7]; e no extremo norte estaban as zonas de indios, malaios, árabes e musulmáns e outros grupos minoritarios.

Crecemento ininterrompido ata a segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

Consolidada coma colonia británica tralo tratado anglo-neerlandés de 1824 o crecemento de Singapur arredor do seu porto franco[8] contou con acontecementos favorables, como foron a apertura da China ao exterior, os barcos de vapor transoceánicos e a inauguración do Canal de Suez en 1869. Numerosas firmas europeas asentáronse na cidade, ademais de comerciantes xudeus, armenios, árabes, indios e americanos. Os chineses continuaron a ser unha numerosa e influente comunidade na vida económica e social de Singapur.

Con todo, a administración colonial non era totalmente eficiente e o crecemento era caótico e cheo de carencias (a poboación entre 1830 e 1869 cuadriplicouse ata os 100 000 habitantes). En 1867 creouse a propia presidencia segregada da de Bengala (Straits Settlements), coa residencia do gobernador na cidade, para asegurar unha maior proximidade e implicación das autoridades coloniais[9][10].

A partir da segunda metade do século XIX o porto de Singapur comezou a súa expansión fora do río. Atopáronse augas profundas na punta sur da illa, no Keppel Harbour e deseguido foron aparecendo peiraos e estaleiros. De 1879 e 1887 un primeiro gran recheo (Telok Ayer) entre o río e Keppel Harbour proporcionou 8 hectáreas de superficie portuaria e inaugurou unha práctica que continuou a incrementar o tamaño do porto e a illa. A introdución do ferrocarril aumentou significativamente o movemento de mercadorías. De 1907 a 1914 construíuse un gran dique de abrigo (unha milla) fronte a Telok Ayer, xermolo de futuras ampliacións.[11]

Ocupación xaponesa, autonomía e independencia[editar | editar a fonte]

Entre 1942 e 1945 a ocupación xaponesa (co nome de Syonan) supuxo unha etapa negra da historia de Singapur coa paralización da actividade portuaria pola destrución das infraestruturas. A reconstrución posterior foi levada a cabo mentres a colonia acadaba cotas de autogoberno maiores que a levaron á segregación da Federación Malaia e á constitución en 1965 da República de Singapur.

Centro financeiro e portuario de primeira orde[editar | editar a fonte]

O chamado "pai da patria" Lew Kuan Yew, primeiro ministro entre 1965 e 1990, levou a Singapur nese período a converterse nun dos lugares clave do comercio e as finanzas mundiais. Ás xa recoñecidas vantaxes xeoestratéxicas de porto franco entre oriente e occidente engadiu a aplicación dun capitalismo ultraliberal no económico xunto a un contestado autoritarismo no político e social.

No eido urbano puxo en funcionamento medidas exitosas xunto con outras polémicas: o pequeno territorio seguiu a medrar con vastos proxectos de recheo que os ecoloxistas rechazan; o conxestionado centro histórico foi aliviado cunha política de novos núcleos espallados po toda a illa; creouse un gran polígono industrial con novo porto nos recheos do oeste (Jurong) e un novo aeroporto nos do leste (Changi) e construíronse reservorios de auga, redes de autoestradas con novas conexións co continente (Johor Baharu en Malaisia).[12].

Na fronte marítima do centro da cidade o antigo porto foi tamén ampliado (Tanjong Pagar) ata convertelo nun dos de maior movemento do mundo. Fronte ao vello asentamento colonial grandes recheos pechan nunha baía interior (Marina Bay) a desembocadura do río configurando o actual e futuro distrito dos negocios cunha alta concentración de rañaceos, xunto aos xa levantados a carón de Chinatown.[13][14][15].

O porto de contedores de Tanjong Pagar e á dereita Keppel Harbour no sur da illa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Singapore: Its Growth as an Entrepot Port, 1819-1941". cambridge.org. Consultado o 2022. 
  2. "GDP per capita (current US$) - Singapore, East Asia & Pacific, Japan, Korea". data.worldbank.org. 
  3. "Report for Selected Countries and Subjects". imf.org. Consultado o 2019. 
  4. Mapa do río Singapur antes da concesión
  5. "Mapa de Singapur no tempo do tratado da concesión, 1819". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2009. Consultado o 26 de outubro de 2010. 
  6. Vista do centro europeo de Singapur co outeiro Fort Canning ao fondo nos primeiros anos da colonia [1]
  7. Vista da beira sur do río Singapur con Chinatown a dereita e a zona comercial ao fondo, 1860 [2]
  8. Vista da época do porto de Singapur na foz do río homónimo dende o outeiro Fort Canning na beira norte, 1830-40 [3] Arquivado 30 de maio de 2009 en Wayback Machine.
  9. Vista aérea do centro administrativo colonial arredor da Esplanade con Fort Canning á dereita e Chinatown na outra beira do río (foto de 1960), National Archives of Singapur [4][Ligazón morta]
  10. "Historia dos mapas de Singapur, Mok Ly Yng (pdf 10Mb)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de decembro de 2010. Consultado o 07 de decembro de 2010. 
  11. Mapa de Singapur, 1937.
  12. Esquemas do crecemento de Singapur dende 1950 ata hoxe; National Geographic [5] Arquivado 24 de outubro de 2012 en Wayback Machine.
  13. Vista aérea da fronte marítima da cidade en 1970: en primeiro termo a Esplanade co centro administrativo colonial;
    máis aló, no sur do río o porto de Telok Ayer; National Archives of Singapore
    [6][Ligazón morta]
  14. Idem na actualidade e no futuro inmediato (comparar coa anterior)
  15. Maqueta do centro da metrópole con todos os recheos efectuados e os plans previstos [7]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]