Singapur

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «República de Singapur»)

Modelo:Xeografía políticaSingapur
Republic of Singapore (en)
Republik Singapura (ms)
新加坡共和国 (zh-cn)
சிங்கப்பூர் குடியரசு (ta) Editar o valor em Wikidata
Vista nocturna
Fotomontaxe
Imaxe

HimnoMajulah Singapura Editar o valor em Wikidata

Lema«Majulah Singapura»
«Onward, Singapore» Editar o valor em Wikidata
Símbolo oficialVanda teres × Vanda hookeriana (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
AlcumeLion City Editar o valor em Wikidata
Nomeado en referencia aSinha (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Localización
Editar o valor em Wikidata Mapa
 1°18′N 103°48′L / 1.3, 103.8Coordenadas: 1°18′N 103°48′L / 1.3, 103.8
Capital de
Colonias do Estreito (1826–1946) Editar o valor em Wikidata
CapitalSingapur Editar o valor em Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación5.866.139 (2021) Editar o valor em Wikidata (8.157,61 hab./km²)
XentilicioSingapuriano, Singapuriana Editar o valor em Wikidata
Lingua oficiallingua inglesa
lingua malaia
mandarín estándar
Lingua támil Editar o valor em Wikidata
Relixiónbudismo, Taoísmo, cristianismo, Islam e Hinduísmo Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie719,1 km² Editar o valor em Wikidata
Auga1,444 % Editar o valor em Wikidata
Bañado porEstreito de Singapur e Singapore River (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Punto máis altoBukit Timah (pt) Traducir (163,63 m) Editar o valor em Wikidata
Punto máis baixoEstreito de Singapur (0 m) Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Singapura (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Creación9 de agosto de 1965 Editar o valor em Wikidata
Día festivo
Organización política
Forma de gobernoRepública parlamentaria Editar o valor em Wikidata
• Presidente Editar o valor em WikidataTharman Shanmugaratnam (pt) Traducir (2023–) Editar o valor em Wikidata
Órgano executivoGovernment of Singapore (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
• Primeiro ministro Editar o valor em WikidataLee Hsien Loong Editar o valor em Wikidata
Órgano lexislativoParlamento de Singapura (pt) Traducir Circunscrición: 27, (Escano: 99) Editar o valor em Wikidata
Máxima autoridade xudicialSupreme Court of Singapore (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Membro de
PIB nominal423.796.995.373 $ (2021) Editar o valor em Wikidata
MoedaDólar de Singapur Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.sg Editar o valor em Wikidata
Prefixo telefónico+65 Editar o valor em Wikidata
Teléfono de emerxencia995 e 999 Editar o valor em Wikidata
Código de paísSG Editar o valor em Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webgov.sg Editar o valor em Wikidata

Singapur, oficialmente República de Singapur (en chinés: 新加坡共和国, Xīnjīapō Gònghéguó; en inglés: Republic of Singapore; en malaio: Republik Singapura; en támil: சிங்கப்பூர் குடியரசு, Siṅkappūr Kuṭiyarasu), é unha cidade-estado insular situada na Península Malaia no Sueste asiático, a 137 km ao norte do ecuador terrestre. O país está composto por 63 illas, separadas de Malaisia polo estreito de Johor no norte e das illas indonesias de Riau polo estreito de Singapur no sur. A República está altamente urbanizada, con moi poucas zonas boscosas restantes, aínda que se está gañando terra ao mar.

Dende que as illas comezaron a estar habitadas no século II, Singapur formou parte de varios dos imperios que habitaron a zona, acollendo a partir de 1819 un posto comercial da Compañía Británica das Indias Orientais co permiso do Sultanato de Johor. Os británicos conseguiron a soberanía sobre a illa en 1824, converténdose nunha das Colonias do Estreito en 1826. Ocupado polos xaponeses durante a segunda guerra mundial, Singapur declarou a súa independencia en 1963, uníndose con outros antigos territorios británicos para formar Malaisia. Con todo, volveu declarar a súa independencia tan só dous anos despois. Dende entón, o rápido e gran crecemento da súa riqueza converteuno nun dos chamados Catro tigres asiáticos.

Singapur é hoxe o cuarto centro financeiro mundial e o seu porto un dos cinco máis activos do mundo. A súa economía depende en gran medida das exportacións de bens e da refinación de importacións, especialmente no sector manufactureiro, que constituían o 26% do seu PIB en 2005. En termos de paridade de poder adquisitivo, Singapur ten a terceira renda per cápita máis alta do mundo.

Politicamente, Singapur é unha república parlamentaria pluripartidista unitaria cun sistema de goberno de tipo británico parlamentario unicameral. O Partido de Acción Popular gañou tódalas eleccións dende o autogoberno en 1959. Pouco máis de cinco millóns de persoas viven en Singapur, das cales tan só 2.910.000 naceron no país. A poboación é moi diversa, sendo case o 75% da poboación total de orixe chinesa, mentres que os malaios e os indios forman as minorías máis significativas. Como reflexo desta diversidade, o país conta con catro linguas oficiais: o chinés, o inglés, o malaio e o támil. É un dos cinco membros fundadores da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), anfitrión da Secretaría da Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC) e membro da Cúpula de Asia Oriental, do Movemento de Países Non Aliñados e da Commonwealth.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome galego de "Singapur" deriva da palabra malaia Singapura (en sánscrito: सिंहपुर, en cingalés: සිංහපුර, Singha). A palabra está composta por dous termos de orixe sánscrita, Singa provén da palabra Siṃha (सिंह), que significa "león", e Pura (पुर) que significa "cidade", un sufixo habitual dentro da toponimia indíxena local. Debida a isto, o país é coñecido ás veces como a Cidade do León.

Aínda que na zona a lingua que se falaba era o támil, a etimoloxía de Singapur provén do sánscrito debido á influencia dos reis Chola da India sobre a área, os cales preferían utilizar o sánscrito para títulos reais ou relixiosos. A pesar do nome, recentes estudos indican que probablemente nunca houbo leóns na zona, así que a besta vista por Sang Nila Utama, quen fundou a idade e lle outorgou o seu nome, era posiblemente un tigre.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia de Singapur.

Historia antiga[editar | editar a fonte]

Retrato de Parameswara.

O primeiro escrito sobre Singapur do que se ten constancia é unha narración chinesa do século III, na que se describe a illa de Pu Luo Chung (en chinés: 蒲罗中) na península Malaia. Este nome é unha transliteración do malaio "Pulau Ujong", que significa "a illa do final". O escrito Sejarah Melayu (Anais Malaios), considerado case unha narración mitolóxica, encerra entre os seus lombos a historia do príncipe Sri Tri Buana, tamén coñecido como Sang Nila Utama, quen chegou á illa no século XIII. Segundo a narración, o príncipe avistou unha criatura estraña, crendo erroneamente que se trataba dun león, polo que asociou este animal como sinal de identidade daquelas terras e fundou o poboado "Singapur", que significa "cidade dos leóns" en sánscrito.[1]

En 1320, o Imperio Mongol enviou unha misión comercial a un lugar chamado Long Xa Men, que se cre que se trata de Keppel Harbour, situado no sueste da illa. O viaxeiro chinés Wang Dayuan visitou a illa sobre o ano 1330, e describiu un poboado chamado Dan Ma Xi (en chinés: 淡马锡, do malaio Tamasik), no que habitaban tanto chineses como malaios. O Nagarakretagama, un poema épico en xavanés escrito en 1365, tamén se refire ao poboado da illa co nome de Temasek ("a cidade do mar"). Escavacións recentes en Fort Canning Park atoparon evidencias de que, no século XIV, Singapur foi un importante e concorrido enclave comercial.[2]

Na década de 1390, o príncipe Parameswara, despois de ser derrocado polo Imperio Majapahit, fuxiu cara a Temasek. Parameswara gobernou a illa durante varios anos, até que foi obrigado a marchar a Malaca, onde fundou o sultanato de Malaca.[1] Singapur converteuse nun importante porto comercial co sultanato de Malaca, e máis tarde, co sultanato de Johore. En 1613, piratas portugueses incendiaron o poboado e a illa afundiuse no esquecemento.[1]

A fundación da cidade[editar | editar a fonte]

Sir Thomas Stamford Raffles, fundador da cidade.

Entre os séculos XVI e XIX, o arquipélago de Insulindia foi someténdose pouco a pouco ao colonialismo europeo, comezando en 1509 coa chegada dos portugueses a Malaca. Durante o século XVII, o Imperio Neerlandés tomou o control da maioría dos portos da rexión, relegando aos portugueses a un segundo plano. Os neerlandeses fixéronse co monopolio comercial do arquipélago, sobre todo no comercio de especias, o produto máis importante da rexión naquel tempo. Outras potencias coloniais europeas, como a británica, tiveron moita menor presenza naquel momento.[3]

En 1818, Thomas Stamford Raffles foi nomeado Tenente Gobernador da colonia británica na provincia indonesia de Bengkulu. Raffles foi determinante á hora de minguar o poder dos neerlandeses no arquipélago, empezando pola ruta comercial entre a China e o Raj Británico, ruta de vital importancia sobre todo polo comercio do opio. Os neerlandeses asfixiaron o comercio do Imperio Británico na rexión mediante a prohibición do comercio británico nos portos baixo dominio neerlandeses, ou impóndolles altas tarifas. Raffles construíu un porto no estreito de Malaca, un enclave vital para o comercio entre a China e a India, coa esperanza de facer fronte aos neerlandeses. Convenceu a Francis Rawdon-Hastings, o Gobernador Xeral da India e ao seu superior da Compañía Británica das Indias Orientais para financiar unha nova base británica na rexión.[3]

Raffles chegou a Singapur o 29 de xaneiro de 1819 e non tardou en darse de conta de que a illa era unha localización perfecta para o porto. Tratábase dun lugar situado ao sur da península Malaia, preto do concorrido estreito de Malaca, con abastecemento de auga fresca e moita madeira para a reparación de barcos, un lugar ideal para a colocación do porto. Raffles fundou alí unha pequena colonia de apenas varios centos de habitantes, encabezados por Temenggong. A illa atopábase baixo o mandato de Tengku Rahman, sultán de Johore. Con todo, o poder do sultán atopábase debilitado na rexión, e Temenggong e os seus oficiais mantíñanse fieis a Tengku Hussein (o irmán máis vello de Tengku Rahman), quen estaba exiliado no arquipélago de Riau. Con axuda de Temenggong, Raffles convenceu a Tengku Hussein para que volvese a Singapur, e foi recoñecido como o verdadeiro sultán de Johore, á conta dun pago anual. Hussein permitiu así a construción do porto británico e Raffles estableceu un posto comercial en Singapur.[3] O 6 de febreiro de 1819 asínase un tratado oficial, nacendo así o Singapur moderno.

Desenvolvemento inicial da cidade[editar | editar a fonte]

Plan de crecemento da cidade.

Despois de asinar o tratado, Raffles volveu para Bengkulu e deixou o Comandante William Farquhar ao cargo da nova colonia xunto cun pequeno rexemento de soldados indios e algunhas armas de artillaría. Estabelecer un porto comercial dende cero leva un enorme esforzo, pero o proxecto gozaba dun bo financiamento, e Raffles decidira que sería un porto libre. O poboado foi medrando velozmente, e a noticia da construción do porto libre propagouse rapidamente por todo o arquipélago. En pouco tempo, comerciantes árabes e chineses acudiron en masa para a illa, a fin de evitar os altos impostos dos portos neerlandeses. Durante o primeiro ano, os ingresos do comercio roldaron os 400.000 reais de oito (ou dólar español). En 1821, a poboación da illa aumentou en 5.000 habitantes e o volume do comercio foi de 8 millóns de dólares. A poboación superou os 10.000 habitantes no ano 1825, manexando cifras de 22 millóns de dólares e superando en ingresos ao prestixioso porto de Penang.[3]

Raffles regresou para Singapur en 1822 e foi decisivo en moitas das decisións de Farquhar, a pesar de que Farquhar acertara até agora en todo o que realizara baixo o seu mandato nestes primeiros anos. Para aumentar os ingresos, Farquhar recorrera a vender licenzas para permitir os xogos de azar e a venda de opio, cousas coas que Raffles non estaba para nada de acordo, considerándoas males sociais. Escandalizado polo descontrol que estaba a sufrir a colonia, Raffles redactou unha serie de novas políticas para o poboado. Tamén se encargou de organizar Singapur, subdividindoa mediante o coñecido Plan de Raffles.[3] Hoxe en día aínda queda pegada daquela organización nos barrios étnicos da cidade.

O 7 de xuño de 1823, Raffles asina un segundo tratado co Sultán e Temenggong, o cal estendía a posesión do Imperio Británico na illa. Tanto o Sultán como Temenggong negociaron a maioría dos dereitos administrativos da illa, incluída a recollida das taxas portuarias a cambio dunha suma que ascendía a $1500 e $800 ao mes respectivamente a perpetuidade. Este acordo permitiu que a illa quedase gobernada baixo a lexislación inglesa, pero tendo en conta os costumes, tradicións e relixión da zona.[3] Raffles substituíu como gobernador a Farquhar por John Crawfurd, un eficiente e prudente administrador.[4] En outubro de 1823, Raffles partiu para Gran Bretaña e non volveu pór os pés sobre Singapur. Morreu en 1826, á idade de 44 anos.[5]

As Colonias do Estreito[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Colonias do Estreito.
O templo de Thian Hock Keng, serviu como lugar de oración aos primeiros inmigrantes.

O posto avanzado británico en Singapur púxose en dúbida en principio debido ás protestas do goberno neerlandés de que os británicos violaran a súa esfera de influencias. Porén, Singapur enseguida converteuse nun importante posto comercial, consolidando o poder británico na illa e facéndose oficial no Tratado anglo-holandés de 1824, dividindo así o arquipélago Malaio entre dúas colonias fortemente establecidas. A rexión ao norte do Estreito de Malaca, incluíndo Singapur, atopábase baixo dominio británico. En 1826, Singapur, Penang e Malaca, únense formando as Colonias Británicas dos Estreitos (Straits Settlements), administrados pola Compañía Británica das Indias Orientais.[6]

Nas décadas posteriores, Singapur creceu até converterse nun importante porto da rexión. O feito de ser un porto libre proporcionoulle unha gran vantaxe sobre outras cidades portuarias coloniais de Batavia (Iacarta) e Manila, onde se recadaban impostos, e atraeu a multitude de comerciantes chineses, malaios, árabes, e indios. A apertura da Canle de Suez en 1869 aumentou as posibilidades de comercio con Singapur. O comercio libre de impostos floreceu na cidade, e moitas casas mercantes establecéronse en Singapur, incluíndo intermediarios chineses que manexaban o comercio entre os mercantes europeos e asiáticos.[6]

En 1827, os chineses eran o grupo étnico maioritario en Singapur, dos cales moitos chegaron en condición de traballadores contratados. Os malaios, segundo grupo étnico predominante até a década de 1860, traballaban normalmente como pescadores, artesáns ou como asalariados, vivindo en zonas rurais. En 1860, os indios convertéronse na segunda etnia maioritaria de Singapur.[6] A pesar do impresionante crecemento de Singapur, a administración da illa era ineficaz e non se preocupaba polo benestar da poboación. Os gobernantes observaban o que pasaba dende a India, e tanto a linguaxe como a cultura local lles eran descoñecidos. A prostitución, o xogo e o abuso das drogas (concretamente opio) estaba descontrolado e era moi frecuente. As sociedades secretas chinesas (o equivalente actual das triades) volvéronse tremendamente poderosas. As loitas territoriais entre as sociedades rivais deixaban de cando en vez centos de mortos, e os intentos por reprimilas tiveron un éxito limitado.[7]

As colonias da Coroa británica[editar | editar a fonte]

Mapa alemán de Singapur de 1888.

Singapur continuou o seu desenvolvemento e as deficiencias administrativas das Colonias do Estreito volvéronse preocupantes. A comunidade mercante da zona comezaba a manifestarse contra a lexislación británica. O 1 de abril de 1867, o goberno británico acordou un convenio para que as Colonias do Estreito fosen unha colonia da coroa independente.[8] O goberno colonial emprendeu entón a ardua tarefa de liquidar os problemas que a sociedade de Singapur estaba a atravesar. En 1877, estableceuse un Protectorado Chinés a cargo de William A. Pickering para atender as necesidades da comunidade chinesa, especialmente para controlar os abusos do comercio e para protexer as mulleres da prostitución forzada.[8] No entanto, multitude de problemas sociais quedaron sen liquidarse, incluída a escaseza de vivendas, o pésimo estado sanitario da cidade, e a deplorable calidade de vida. En 1906, os Tongmenghui, unha organización revolucionaria chinesa co propósito de derrocar a Dinastía Qing, dirixida por Sun Yat-sen, fundou a sucursal Nanyang en Singapur, que se empregou como sede da organización no Sueste Asiático.[8] A poboación inmigrante chinesa de Singapur contribuíu xenerosamente con Tongmenghui, quen en 1911, organizou a Revolución de Xinhai, a cal deu lugar máis tarde á República da China.

Singapur non se viu apenas afectada pola primeira guerra mundial (1914-1918), xa que o conflito non se estendeu polo Sueste Asiático. Ao finalizar a guerra, o goberno británico enviou recursos para a creación dunha base naval coa fin de disuadir a crecente ambición do Imperio Xaponés. Terminada en 1939, e cun impresionante custo de 500 millóns de dólares, a base naval podía presumir de ser o dique seco maior do mundo naquel tempo, cunha reserva de combustible suficiente para abastecer toda a mariña británica durante seis meses. Estaba defendida por canóns navais pesados de 15 polgadas e por escuadróns da Royal Air Force estacionados na base aérea de Tengah. Winston Churchill definiuno como o "Xibraltar do Leste". Porén, a base non contaba con ningunha frota. A frota británica atopábase estacionada en Europa. Cando a segunda guerra mundial estalou en 1939, a frota atopábase ocupada defendendo Gran Bretaña na Batalla de Inglaterra.[9]

A ocupación xaponesa[editar | editar a fonte]

O 7 de decembro de 1941, Xapón atacou Pearl Harbor comezando a Guerra do Pacífico. Un dos obxectivos dos xaponeses era o de tomar o Sueste Asiático para asegurarse a subministración de recursos naturais e abastecer as necesidades do seu exército e das súas industrias. Singapur dispuña da principal base Aliada da rexión, polo que era un claro obxectivo militar, mais o exército estaba convencido en que aquela fortaleza de Singapur resistiría calquera ataque xaponés. O 8 de decembro as forzas xaponesas desembarcaron en Kota Bharu, ao norte de Malaia.

O exército xaponés comezou a avanzar rapidamente cara ao sur pola península Malaia, pulverizando ou sorteando a resistencia Aliada.[10] As forzas Aliadas non posuían carros de combate ao consideralos inapropiados para a selva tropical, e a infantaría mostrouse impotente ante os tanques lixeiros dos xaponeses. Como a resistencia mostrábase ineficaz ao ataque, as forzas Aliadas estiveron obrigadas a retroceder para o sur para Singapur. O 31 de xaneiro de 1942, apenas 55 días despois da invasión, os xaponeses xa conquistaran toda a península Malaia e o ataque a Singapur era inminente.[11] O bando Aliado, coa intención de frear o avance das tropas xaponesas, destruíu o paso elevado que vinculaba Johor con Singapur. Con todo, varios días despois os xaponeses lograron cruzar o estreito de Johor en botes inflables. Durante este período levaron a cabo algunhas loitas heroicas das forzas Aliadas e de varios voluntarios da poboación de Singapur contra o exército xaponés.[12]

Percival acode a asinar a rendición.

Con todo, coa maioría das defensas esnaquizadas, e as subministracións esgotadas, o Tenente Xeneral Arthur Ernest Percival rendeuse e non tivo máis remedio que entregar Singapur ao Xeneral Tomoyuki Yamashita, do Exército Imperial Xaponés no día de ano novo chinés, o 15 de febreiro de 1942. Ao redor de 130.000 tropas indias, australianas, e británicas convertéronse en prisioneiras de guerra, moitas das cales foron transportadas posteriormente a Birmania, Xapón, Corea e Manchuria, para a súa utilización como man de obra escrava. A derrota en Singapur representou o maior fracaso das forzas británicas na súa historia.[13] Singapur cambiou o nome a Syonan-to' (en xaponés: 昭南島, Shōnan-tō, "Luz da illa do sur"), permancendo ocupada entre 1942 e 1945. Esta etapa é a máis escura de toda a historia de Singapur, pois o exército xaponés impuxo duras medidas contra a poboación.[14]

Posguerra[editar | editar a fonte]

A comunidade chinesa porta a bandeira da República da China para celebrar a vitoria.

Despois da rendición do Xapón o 15 de agosto de 1945, Singapur estivo un tempo en estado de anomia ("sen normas"), polo que durante ese tempo cometéronse multitude de vandalismos, saqueos e asasinatos. O 15 de setembro de 1945 as tropas británicas, dirixidas por Louis Mountbatten, regresaron para Singapur para recoñecer oficialmente a rendición das forzas xaponesas de Seishirō Itagaki, en representación de Hisaichi Terauchi, formando unha administración militar británica para gobernar a illa até marzo de 1946. A maior parte da infraestrutura urbana quedara arrasada na guerra. A grande escaseza de alimentos causou graves problemas de malnutrición e ocasionou unha onda desenfreada de enfermidades, crimes e violencia. A finais de 1947, a economía comezou a recobrar o rumbo, axilizada pola crecente demanda mundial de cortiza e estaño, pero aínda se tardarían varios anos máis para que a economía alcanzase os niveis anteriores á guerra.[15]

O fracaso británico na defensa de Singapur restoulles toda a credibilidade que posuían como gobernantes infalibles. Nas décadas posteriores á guerra produciuse un espertar político por parte da poboación local, e emerxeron os sentimentos antiimperialistas e nacionalistas, plasmándose mediante o slogan "Merdeka", que en malaio significa "independencia". Os británicos, pola súa banda, estaban dispostos a aumentar gradualmente a autoxestión do país.[15] O 1 de abril de 1946, as Colonias do Estreito separáronse, e Singapur converteuse nunha colonia da coroa separada, gobernada por un administrador civil. En xullo de 1947, estabelecéronse os consellos executivos e lexislativos, e programáronse as eleccións de seis membros do consello lexislativo para o seguinte ano.[16]

Os Consellos Lexislativos[editar | editar a fonte]

En marzo de 1948 tiveron lugar as primeiras eleccións en Singapur, e limitáronse á elección de soamente seis dos vinte e cinco escanos do consello lexislativo. Ademais, só tiñan dereito a voto os súbditos británicos, e, deles, só 23.000 (aproximadamente o 10%) rexistráronse para votar. Os demais representantes do consello lexislativo eran elixidos polo goberno ou polas cámaras de comercio.[15] Do seis escanos que o pobo podía elixir, tres deles foron para o Singapore Progressive Party (SPP), un partido conservador dirixido por adiñeirados empresarios que rexeitaban a independencia como opción inmediata. Os outros tres escanos ocupáronos distintos partidos independentistas.

Unha bandeira británica aclama a chegada das tropas británicas.

Tres meses despois das eleccións, varios grupos comunistas levaron a cabo un levantamento armado. Os británicos impuxeron duras medidas de control con tal de manter controlados aos grupos esquerdistas en Singapur e Malaia, impoñendo unha polémica lei que permitía ao goberno o dereito de arrestar e deter sen a necesidade de xuízo previo a persoas sospeitosas de ser "ameazas para a seguridade". Como os grupos esquerdistas eran os principais detractores do sistema colonial, o progreso do autogoberno paralizouse durante varios anos.[15]

En 1951 realizáronse unhas segundas eleccións para o consello lexislativo. Nesta ocasión, o número de escanos representados nas eleccións ascendeu a nove. As eleccións estiveron dominadas de novo polo SPP, partido que cultivou seis escanos. Aínda que é certo que este feito contribuíu á creación dun goberno local en Singapur, o poder da administración colonial aínda era dominante. En 1953, cos comunistas achándose totalmente reprimidos na rexión, unha comisión británica, encabezada por George William Rendel, propuxo unha forma limitada de autogoberno de Singapur. En 2 de abril de 1955 efectuáronse as eleccións para a asemblea lexislativa.

Con todo, desta vez os votantes estaban rexistrados directamente, cousa que non ocorría nos anteriores comicios, e expandindo así o electorado sobre os 300.000 participantes. O SPP resultou ser o gran derrotado das eleccións, conseguindo soamente catro escanos. O partido que obtivo máis votos foi o recentemente formado Labour Front, de tendencia esquerdista, conseguindo dez escanos e formando unha coalición coa Alianza UMNO-MCA, a cal gañou tres escanos.[15] Outro recentemente formado, o partido esquerdista People's Action Party ("Partido de acción popular") (PAP), conseguiu tres escanos.

Autogoberno e anexión á Malaisia[editar | editar a fonte]

David Marshall, líder do partido Labour Front, converteuse no primeiro xefe de goberno de Singapur. En abril de 1956, Marshall púxose á fronte dunha delegación en Londres para negociar unha autonomía completa, mais as negociacións finalizaron sen éxito, pois os británicos non estaban dispostos a abandonar o control da seguridade interna de Singapur. Marshall dimitiu tras a ruptura das negociacións. O novo ministro xefe, Lim Yew Hock, lanzou unha ofensiva contra os grupos comunistas e esquerdistas, encarcerando a numerosos dirixentes sindicalistas e membros procomunistas do PAP baixo a acusación de "alterar a seguridade".[17] O goberno británico deu o visto e prace a estas medidas e en marzo de 1957 reiniciáronse as negociacións, dando por fin luz verde ao autogoberno completo de Singapur. Creouse así o Estado de Singapur.

Tunku Abdul Rahman, primeiro ministro de Malaia. Propuxo a formación da Federación de Malaisia o 27 de maio de 1962.

En maio de 1959 celébranse novas eleccións para a asemblea lexislativa. O Partido de Acción Popular (PAP) arrasou nas eleccións conseguindo corenta e tres do cincuenta e uns escanos. O seu éxito baseouse en gañar a aceptación da poboación de fala chinesa, sobre todo dos sindicatos e das organizacións estudantís radicais. O seu líder, Le Kuan Yew, un avogado novo que estudou na Universidade de Cambridge, converteuse no Primeiro Ministro de Singapur en 1961. Os empresarios, tanto locais como estranxeiros, acolleron a vitoria do PAP con certo desánimo, pois moitos integrantes do partido eran procomunistas, e mesmo moitas empresas desprazáronse a Kuala Lumpur por este motivo.[17] A pesar diso, o goberno do PAP embarcouse nun ambicioso proxecto que se centraba en solucionar os problemas económicos e sociais de Singapur. Reformouse o sistema educativo e os sindicatos consolidáronse nunha soa organización central co fin de eliminar o malestar laboral. Referente ás reformas sociais, levou a cabo un agresivo proxecto de vivenda, pois esta estaba a supor un grave problema dende había tempo.[17]

A pesar do éxito logrado no anterior goberno, os dirixentes do PAP pensaban que o futuro de Singapur pasaba por anexionarse con Malaia. Segundo o seu criterio, os lazos históricos e económicos entre Malaya e Singapur eran moi fortes como para continuar sendo nacións separadas, e loitaron enerxicamente pola fusión. Por outra banda, o integrantes procomunistas do PAP opúñanse firmemente á fusión, temendo unha perda de influencia política e así quedar eclipsados polo partido maioritario de Malaia, a UMNO, un partido que se recoñecía anticomunista. Pola súa banda, os líderes da UMNO tamén se mostraron escépticos á idea da anexión debido a que tiñan serias dúbidas do papel do PAP no goberno. O 27 de maio, o primeiro ministro de Malaia, Tunku Abdul Rahman, propón a idea de formar a Federación de Malaisia, que incluía as xa existentes Federación de Malaia, Singapur, Brunei e os territorios do Borneo británico de Sabah e Sarawak.[17]

A proposta de Malaisia intensificou as disputas entre os comunistas e os moderados dentro do PAP. Os comunistas, liderados por Lim Chin Siong, abandonan o PAP e forman un novo partido, chamado Barisan Sosialis (Fronte Socialista), para loitar en contra da anexión. Por contra, o goberno convoca un referendo acerca da fusión facendo unha intensa campaña da súa proposta, aproveitando a grande influencia que o partido posuía sobre os medios de comunicación. O referendo, celebrado o 1 de setembro de 1962, finalizou co 70% dos votantes a favor da anexión. O 9 de xullo de 1963, os líderes do goberno de Singapur, Malaia, Sabah e Sarawak, asinaron oficialmente o Acordo de Malaisia, establecendo así a Federación de Malaisia.[17]

Incorporación en Malaisia e independencia[editar | editar a fonte]

O 16 de setembro de 1963, Malaia, Singapur, Sabah e Sarawak forman oficialmente Malaisia. A unión beneficiou economicamente a Singapur coa creación dun mercado libre común, eliminando os aranceis e aliviando o desemprego. O goberno británico aprobou a fusión, convencidos de que a seguridade interna de Singapur veríase reforzada coa formación de Malaisia. Con todo, xa dende o principio xurdiron os problemas. A poboación chinesa de Singapur foi a máis afectada, sobre todo pola política de discriminación positiva cara ao colectivo malaio, que lles outorgaba privilexios segundo o Artigo 13 da Constitución de Malaisia. Lee Kuan Yew e outros líderes políticos de Singapur loitaron pola igualdade de tódalas razas de Malaisia.

O ex Primeiro Ministro Lee Kuan Yew.

Mentres tanto, as acusacións do goberno federal de Malaisia incitaban a poboación de raza malaia de Singapur para que cresen que o PAP estaba a maltratar os malaios. A política exterior tamén se converteu nunha fonte de problemas cando Sukarno, o presidente de Indonesia, declarou o estado de confrontación con Malaisia e iniciou actividades militares contra a recentemente formada nación, incluíndo o bombardeo do MacDonald House, un edificio histórico de Singapur.[18] Indonesia tamén incentivou as accións de sedición para provocar os enfrontamentos entre malaios e chineses.[17] Producíronse multitude de disturbios entre as dúas razas, e instaurouse un toque de queda para restablecer a orde. Os gobernos estatal e federal tamén atravesaban conflitos económicos. A pesar do acordo previo do mercado libre común, o resto de Malaisia seguía mantendo certos aranceis con Singapur. En represalia, Singapur negouse a proporcionar a Sabah e a Sarawak a totalidade dos préstamos acordados previamente para o desenvolvemento económico dos dous estados do leste.

A falta de alternativas para evitar o continuo derramamento de sangue, o primeiro ministro de Malaisia Tunku Abdul Rahman decidiu expulsar a Singapur da federación. O 9 de agosto de 1965 a expulsión de Singapur sométese a votación no Parlamento de Malaisia, finalizando cun esmagador 126-0 a favor. Ese mesmo día, un lacrimoso Lee Kuan Yew anunciou nunha conferencia de prensa televisada que Singapur era unha nación soberana e independente. A conferencia foi tamén moi emotiva por veces, citando textualmente:[19]

Para min, este é un momento de angustia. Toda a miña vida, a miña vida adulta, crin na fusión e unidade de ambos os territorios.

O novo estado converteuse na República de Singapur, e Yusof bin Ishak foi designado o primeiro Presidente de Singapur.[20]

A República de Singapur[editar | editar a fonte]

A área industrial de Jurong foi creada na década de 1960.

Despois de obter a independencia desta forma tan brusca, o futuro era incerto e a confrontación con Indonesia continuaba. Singapur solicitou de inmediato o recoñecemento internacional da súa soberanía, entrando nas Nacións Unidas o 21 de setembro de 1965 e na Mancomunidade Británica de Nacións (Commonwealth) en outubro do mesmo ano. Máis tarde, o 8 de agosto de 1967, foi un dos fundadores da Asociación de Nacións do Sueste Asiático e en 1970 foi admitida no Movemento de Países Non Aliñados.[21] Con todo, o pequeno estado insular de Singapur foi cuestionado por moitos e os medios de comunicación mostrábanse escépticos sobre as posibilidades de supervivencia do país. En 1961 creouse a Xunta de Desenvolvemento Económico de Singapur para formular e aplicar as estratexias económicas nacionais, créanse así numerosos polígonos industriais e atraendo investimento estranxeiro con incentivos tributarios. O goberno investiu grandes sumas de diñeiro no sistema educativo e adoptou o inglés como lingua oficial para o ensino.

O desenvolvemento económico de Singapur continúa na década de 1980, crecendo o PIB unha media do 8% até 1999. Durante esta década, Singapur comezou a mellorar as súas industrias tecnoloxicamente, como o sector da fabricación de circuítos integrados, a fin de competir contra a man de obra máis barata dos países veciños. En 1981 o Aeroporto Internacional de Singapur abre as súas portas e Singapore Airlines converterase co tempo nunha das principais liñas aéreas do mundo.[22] O Porto de Singapur sobresaía como un dos portos máis activos do mundo, e o turismo e sector servizos tamén medraron de forma descomunal durante este período. Singapur convértese así nun importante centro de transporte e nun importante destino turístico. En 1987 ponse en funcionamento a primeira liña do Metro de Singapur, conectando o centro da cidade cos principais complexos residenciais.[23] A situación política de Singapur atravesaba un momento de estabilidade, e continuaba en dominio do Partido de Acción Popular. O goberno de Singapur sufriu grandes modificacións. En 1984 introducíronse os Membros do Parlamento non Constitucionais, estes eran membros da oposición que formaban parte do parlamento de Singapur a pesar de que non gañaron devandito posto nas eleccións, e facíase para que a oposición tivese unha mínima representación no parlamento. Até tres líderes dos partidos da oposición podían ocupar estes postos. En 1988 introduciuse a Circunscrición de Singapur para garantir a representación das minorías no parlamento. En 1990, segundo un informe do Foro Económico Mundial, Singapur era o país máis competitivo do mundo.[24]

Celebración do Día da Independencia o 9 de agosto de 2007.

Nos primeiros anos do século XXI, Singapur atravesou por unha das súas crises máis graves despois da independencia, con casos como a ameaza terrorista ou a síndrome respiratoria aguda severa en 2003, que causou varias decenas de mortos e centos de danados. En decembro do 2001 descóbrese un complot para detonar varias bombas nas embaixadas e noutras infraestruturas de Singapur,[25] e 36 membros do grupo terrorista islámico Jemaah Islamiya quedan arrestados na operación.[26] Desde entón extremáronse as medidas se seguridade para a detección e prevención do terrorismo, e para minimizar os danos no caso de que ocorra.[27]

En 2004, Lee Hsien Loong, fillo máis vello de Lee Kuan Yew, convértese no terceiro primeiro ministro da historia de Singapur. Introduciu varios cambios nalgunhas políticas, como a redución do servizo nacional de dous anos e medio, a dous anos, ou a legalización dos xogos de azar nos casinos.[28] As eleccións de Singapur do 2006 tiveron a peculiaridade do uso de Internet e dos blogs para comentar e discutir os comicios, en lugar dos medios de comunicación oficiais.[29] O PAP resultou de novo ser o vencedor, obtendo o 66% dos votos.[30]

Xeografía[editar | editar a fonte]

Mapa de Singapur.

Singapur é unha pequena illa e moi urbanizada do Sueste Asiático, situada no extremo sur da península malaia entre Malaisia, coa que limita ao norte, e Indonesia, coa que limita ao sur. A superficie total de Singapur é de 710 km², cunha lonxitude de costa de 193 km. O tamaño de Singapur é de arredor de dúas veces o concello de Lugo. Debido ao seu tamaño é a gran poboación, Singapur está a gañar terras ao mar, principalmente a partir dos seus propios outeiros, do fondos mariño e de terras dos países veciños. A superficie pasou dos 581 km² da década de 1960 aos 710 km² de hoxe, estimándose que até o ano 2030 podería medrar uns 100 km² máis.

As fronteiras marítimas entre o país e Indonesia e Malaisia son o Estreito de Singapur e Malaisia o Estreito de Johor respectivamente. Singapur está conectado coa plataforma contrinental asiática grazas a dúas pontes dúas pontes, ambas cara a cidade mailaisiana de Johor Bahru. A maior parte de Singapur está a menos de 15 metros sobre o nivel do mar. O punto máis alto é o Bukit Timah, a 164 metros de altura, formado principalmente por rochas ígneas e granito. O noroeste, porén, está composto principalmente de rochas sedimentarias formando outeiros e vales. Singapur non ten ningún río ou lago natural, dispoñendo pola súa contra de encoros para manter a auga.

Clima[editar | editar a fonte]

Marina Bay.

Singapur está situado tan só a un grao ao norte da liña do Ecuador, por tanto, o clima segundo a clasificación de Köppen é de selva tropical e non hai realmente estacións marcadas. Debido á súa posición xeográfica, e á súa proximidade ao mar, o clima caracterízase por unha temperatura e unha presión uniforme, cunha grande humidade e choivas torrenciais, sendo a precipitación media anual duns 2.342,5 mm. As maiores precipitacións diarias que se observaron nunca foron 512 mm en 1978, 467 mm en 1969 e 366 mm o 19 de decembro de 2006).

En canto as temperaturas, oscilan entre os 23 e 26 °C de mínima e os 31 e 34 °C de máxima. Nos datos rexitrados, as temperaturas nunca caeron por baixo de 18,4 °C ou subiron por riba de 37,8 °C. A humidade relativa oscila entre o 60% da tarde e o practicamente 100% da mañá. Esta humidade do 100% adóitase acadar despois dunha precipitación abundantes. Xeralmente, hai máis choivas no oeste que no leste de Singapur, de modo que a parte oriental é algo máis seca e lixeiramente máis cálida que o oeste. É notable como un pequeno outeiro como o de Bukit Timah pode causar este fenómeno, que a pesar do seu tamaño pode provocar que por un lado haxa sol e polo outro chova.

Outro contraste débese á tempada das choivas (monzón), dúas por ano. A primeira delas, o monzón do nordés, prodúcese de decembro a mediados de febreiro e a segunda, o monzón do sueste, ten lugar de xuño a setembro. Os períodos comprendidos entre os monzóns son menos húmidos e menos ventosos. Durante o monzón do nordés, os ventos dominantes son do nordés e de até 20 km/h. De decembro a xaneiro o ceo adoita estar moi nubrado, con frecuentes choivas á tarde. Entre febreiro e marzo, o tempo é relativamente seco. Tamén hai vento, chegando a ser de entre 30 e 40 km/h en xaneiro e febreiro. Durante o monzón do sueste os ventos do sueste e do suroeste son os dominantes, producíndose choivas dispersas nas últimas horas da mañá e primeiras horas da tarde.

Canadian International School en Singapur
Datos climáticos de Singapur
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura máxima absoluta (°C) 34,3 35,2 36,0 35,8 35,4 35,0 34,0 34,2 34,3 34,6 34,2 33,8
36,0
Temperatura máxima media (°C) 30,1 31,2 31,6 31,7 31,6 31,3 30,9 30,9 30,9 31,1 30,6 30,0
31,0
Temperatura mínima media (°C) 23,3 23,6 23,9 24,4 24,8 24,8 24,6 24,5 24,2 24,1 23,7 23,5
24,1
Temperatura mínima absoluta (°C) 19,4 19.7 20,2 20,7 21,2 20,8 19,7 20,2 20,7 20,6 21,1 20,6
19,4
Precipitacións (mm) 243,2 159,9 185,7 178,9 171,3 162,1 158,7 175,4 169,2 193,8 256,9 287,4
2342,5
Días de choiva medios 15 11 14 15 15 13 13 14 14 16 19 19
178
Humidade relativa media (%) 84,7 82,8 83,8 84,8 84,4 83,0 82,8 83,0 83,4 84,1 86,4 86,9
84,2
Horas de sol 173,6 183,6 192,2 174,4 179,8 177,0 189,1 179,8 156,0 155,0 129,0 133,3
2022,4
Fonte: Weather Statistics. National Enviroment Agency (1891-2012). Singapore Government

Xeografía urbana[editar | editar a fonte]

Vista nocturna de Singapur.

Nos primeiros tempos da colonización británica, a cidade de Singapur abarcaba tan só a costa sur da illa, ao redor da desembocadura do Río Singapur, zona que é agora o centro da cidade. O resto da illa estaba composto por granxas, campos de cultivo e fragas. Durante a década de 1960, o goberno comezou unha grande expansión da zona urbanizada, estando actualmente a illa case completamente urbanizada, con algunhas notables excepcións, como a Reserva natural de Bukit Timah e as terras gañadas ao mar (pólders) que están á espera de ver o seu desenvolvemento. Con todo, a maioría dos rañaceos atópanse na zona centro, lugar onde están situados os distritos financeiro e comercial, preto do porto.

A Autoridade de Desenvolvemento Urbano é a que se ocupa da planificación da illa, sendo o seu obxectivo utilizar a terra de maneira máis eficiente, minimizando ao mesmo tempo a contaminación e mantendo a calidade do transporte, algo importante debido á súa posición como cidade-estado. A industria lixeira tende a concentrarse nos polígonos industriais, mentres que a industria pesada concéntrase no distrito e na illa de Jurong.

Como Singapur non ten lagos nin ríos, a principal fonte de auga potable é a choiva. Con todo, non é suficiente para satisfacer a demanda da poboación, importando a maioría de Malaisia e Indonesia. Para reducir esta dependencia, as autoridades de Singapur construíron encoros para recoller auga de choiva, así como complexos de purificación de auga. Tamén hai unha instalación de desalinización na costa occidental de Tuas, a cal esta planificada para que poida proporcionar a metade da auga potable da illa.

Expansión da cidade[editar | editar a fonte]

Vista da cidade.

Cando o mariño Thomas Stamford Raffles izou por primeira vez a bandeira británica en Singapur en 1819, atopouse cunha pequena illa cuxo espazo era compartido por nativos, pescadores e piratas. A illa hoxe en día é máis grande que na época da súa fundación xa que, grazas a diversos proxectos de enxeñaría, expandiu o seu territorio. O proxecto aínda non rematou, miles de operarios están a traballar ao longo da costa para gañar máis quilómetros cadrados dentro dun plan que espertou grandes críticas por parte de ecoloxistas e un enfrontamento diplomático con países veciños.

Este problema deriva de que para que Singapur se expanda, precisa materiais que obtén principalmente das illas indonesias máis próximas, as cales proporcionaron o 80% dos materiais necesarios para os proxectos de ampliación. As provincias indonesias de Riau e Bangka-Belitung venderon unha media de 300 millóns de metros cúbicos anuais de area a Singapur, acumulando grandes ganancias á vez que provocaban un desastre ecolóxico nos seus territorios. Algúns dos illotes máis pequenos de Riau foron escaldados até quedar mergullados baixo o mar e outras illas maiores viron as súas praias reducidas en tamaño.

O coordinador da campaña iniciada por varias ONGs indonesias para frear a extracción de máis area do seu territorio, Nur Hidayati, afirmou que por mor desta comercialización da area, as illas de menor tamaño perden a súa capacidade de resistir a erosión das ondas, o que co tempo pode provocar a súa desaparición.[31] Anteriormente, nos anos 1960, Singapur utilizara terra das súas montañas para a realización das primeiras obras até que o seu territorio quedou practicamente chan. Foi entón cando o Goberno comezou a comprar area de Malaisia e Indonesia en cantidades que foron aumentando segundo o facían as necesidades de ampliación da superficie.

A nivel diplomático, varios parlamentarios indonesios chegaron a asegurar que a venda de máis area a Singapur debería ser considerada un delito de "traizón á nación". Malaisia tamén tomou a situación como unha afronta patriótica. O Goberno de Kuala Lumpur denunciou que poderían obstruír o paso de grandes buques a través do seu porto de Tanjung Pelepas, xa que consideran que a liña a través do estreito de Malaca estase estreitando pola expansión de terreo de Singapur.

Política e goberno[editar | editar a fonte]

Lee Hsien Loong, Primeiro Ministro de Singapur dende 2004.
Lee Kuan Yew, considerado o pai da patria, foi Primeiro Ministro de 1959 a 1990.

A constitución de Singapur está inspirada no parlamentarismo británico, onde os membros da única cámara parlamentaria representan a cada un dos distintos distritos electorais. A maioría do poder executivo atópase nas mans dun Gabinete ou Consello, liderado por un Primeiro Ministro de Singapur. Por outra banda, a presidencia de Singapur, ao igual que sucede noutros moitos estados, é un cargo simbólico, aínda que conta con dereito a veto en certos asuntos, como o uso das reservas financeiras e o nomeamento dos xuíces.

O órgano lexislativo do Goberno é o Parlamento. Os parlamentarios tenden unha ponte entre a comunidade e o Goberno e aseguran que as opinións dos seus constituíntes sexan consideradas. O actual Parlamento conta con 94 membros, dos cales 84 son elixidos, 9 nomeados e o restante nomeado sen distrito electoral. Dende a independencia de Singapur, o Partido de Acción Popular domina a política do país. Os outros partidos partidos políticos con representación parlamentaria son o Partido dos Traballadores e o Partido Popular, cuxo representante non é electo. Segundo a Economist Intelligence Unit do semanal británico The Economist, o sistema de goberno de Singapur é un "réxime híbrido" que conta con trazos democráticos e autoritarios, mentres que a ONG Freedom House cualifica ao país de "parcialmente libre".

Lee Kuan Yew, considerado como o pai da patria, foi o único primeiro ministro dende 1959 até 1990, cando pola súa propia vontade decidiu deixar o cargo para dar paso á seguinte xeración de políticos. Cando Goh Chok Tong asumiu o cargo de Primeiro Ministro, creou un ministerio sen carteira para Lee Kuan Yew e nomeouno "Senior Minister" (do inglés: Ministro Superior). Anos máis tarde, Goh Chok Tong tomou unha decisión similar e decidiu deixar o cargo á xeración e en 2004 Lee Hsien Loong, fillo de Lee Kuan Yew, asumiu o cargo. Nese momento o seu pai pasou de ser chamado Senior Minister a Mentor Minister (do inglés: Ministro Mentor) e Goh Chok Tong pasou a ser Senior Minister.

Relacións diplomáticas[editar | editar a fonte]

Singapur é membro da Organización das Nacións Unidas, da Commonwealth de Nacións, da Cooperación Económica Asia-Pacífico, do Movemento de Países Non Aliñados e da Asociación de Nacións do Sueste Asiático, mantendo relacións diplomáticas con 175 países, aínda que non conta cunha alta commisión ou embaixada en moitos deles. Por razóns xeográficas, as relacións máis importantes son as que mantén con Malaisia e Indonesia, aínda que as relacións bilaterais con estes países poden ser afectadas pola súa política interior. Tamén conta con relacións moi próximas con Brunei, onde e mantén instalacións militares.

Singapur mantén estreitas relacións con moitos países europeos como Francia, Alemaña e o Reino Unido, co que comparte relacións a través do Five Power Defence Arrangements (FDPA) xunto con Malaisia, Australia e Nova Zelandia. Tamén mantén boas relacións cos Estados Unidos, país percibido polo goberno como un poder estabilizador que desempeña o papel de contrapeso na rexión. Unha das políticas do Estado é apoiar o concepto de rexionalismo no sueste asiático, tendo un papel activo na ASEAN, da que é un dos membros fundadores. É tamén membro do Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico, unha organización cuxo secretariado está no país.

Economía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Economía de Singapur.
Rañaceos no centro de Singapur.

Singapur posúe unha próspera economía de libre mercado, con prezos son estables, sendo o seu PIB per cápita un dos máis altos do mundo. Xunto con Corea do Sur, Hong Kong e Taiwán, é considéraso como un dos catro tigres asiáticos. Aínda que sexa unha potencia industrial e tecnolóxica, ten forte dependencia da importación de alimentos, enerxía e materias primas.

A economía depende principalmente das exportacións e do refinamento de importacións, particularmente as do sector electrónico e industrial. O sector manufactureiro constituíu o 26% do PIB en 2005, diversificado, entre outros, no sector químico, de refinaría de petróleo, enxeñaría mecánica e ciencias biomédicas. De feito, a refinaría petroleira maior de Asia atópase en Singapur. Así, aínda que Singapur sexa un país extremadamente pequeno, sen recursos naturais e sen espazo para a agricultura, a súa economía non para de medrar.

O porto marítimo de Singapur é o que manexa o maior volume de carga anual, tanto en tonelaxe como en número de colectores, do mundo. Así mesmo, o país é un importante centro financeiro internacional, contando co cuarto mercado de divisas maior do mundo detrás de Nova York, Londres e Toquio. Ademais, considérase que a súa economía é unha das economías máis acolledoras do mundo, polo cal hai miles de expatriados no país traballando en empresas multinacionais.

En 2001 a recesión mundial e a caída do sector tecnolóxico afectaron de maneira importante á economía do país, chegando a caer o PIB caeu nun 2%. Ademais, a aparición dunha epidemia da síndrome respiratoria aguda severa en 2003, ampliou esta recesión. Para contrarrestar a situación, o goberno puxo en marcha en decembro de 2001 un comité de vixilancia económica, cuxos resultados foron publicados en febreiro de 2003. Non obstante, a súa puxanza no sector tecnolóxico segue sendo manifesta, asentándose alí multinacionais diversas, como Creative Technology, multinacional cunha parte importante no mercado de reprodutores.

Transporte[editar | editar a fonte]

Aeroporto Internacional de Singapur Changi.

Dado a elevada densidade de poboación da illa de Singapur, o número de automóbiles privados está restrinxido, a fin de controlar a polución e os atoamentos. Os que merquen un coche deben pagar taxas por un valor dunha vez e media o valor de mercado do vehículo e unha factura para adquirir o Certificado de Titularidade (en inglés: Certificate of Entitlement, COE) de Singapur, que permite que o vehículo transite durante unha década. Os prezos dos coches son en xeral de modo significativo superiores en Singapur que en calquera outro país de fala inglesa. Por todo isto, só un de cada dez residentes posúe coche.

Moitos dos residentes de Singapur viaxan a pé, en bicicleta, en autobús, taxi ou tren lixeiro. A rede de autobuses urbanos e de ferrocarril é operada por dúas compañías, SBS Transit e SMRT Corporation. En canto aos taxis, hai máis dunha ducia de compañías, que entre todas poñen en servizo a uns 25.000 vehículos. Os taxis son unha forma popular de transporte público, xa que as tarifas son relativamente baratas comparado con moitos outros países desenvolvidos. Singapur ten un sistema de estradas que abarca 3.356 km, entre os que se inclúen 161 km de autoestradas.

Singapur é un gran nó de transportes internacionais en Asia, punto de paso de moitas rutas comerciais marítimas e aéreas. O Porto de Singapur, xestionado polos operadores portuarios PSA International e Jurong Port, foi o segundo porto con máis tráfico do mundo en 2005 en termos de carga xestionada, con 1.150 millóns de toneladas brutas, e en termos de tráfico de colectores, con 23,2 millóns de colectores de vinte pés (TEU). É así mesmo o segundo máis importante do mundo, por detrás de Shanghai, en termos de toneladas de carga con 423 millóns de toneladas xestionadas. Ademais, é o porto con maior número de operacións de embarcacións e o centro de reposición maior do mundo.

A nivel aeroportuario, é un centro de conexións aéreas para o sueste asiático. Hai oito aeroportos no país, e o Aeroporto de Singapur Changi ostenta unha rede de oitenta aerolíneas que conectan con 200 cidades en 68 países. Foi designado como un dos mellores aeroportos internacionais polas revistas de viaxes internacionais, incluíndo o galardón outrogado por Skytrax de mellor aeroporto do mundo en 2006. A aerolínea nacional é Singapore Airlines.


Barcos no océano coa cidade de Singapur visible ao fondo.

Barcos no océano coa cidade de Singapur visible ao fondo.


Demografía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Demografía de Singapur.

Despois do Principado de Mónaco, Singapur presenta a maior densidade de poboación do mundo, vivnto o 85% dos seus habitantes en vivendas públicas construídas polo House Development Board (HDB). A diversidade étnica da poboación é moi marcada: os chineses representan o 76,8% da poboación, os malaios o 13,9%, os indios o 7,9% e o 1,4% restante provén de diversos países, sobre todo occidentais. A esperanza de vida dos singapurianos no ano 2007 era de 81 anos, o 92,5% da poboación estaba alfabetizada e a media de fillos por muller era de tan só 1,07.

A diversidade étnica tamén se pon de manifesto nas linguas oficiais. A pesar de ser un país moi pequeno, posúe catro idiomas co estatuto de oficial: inglés, chinés, támil e malaio, tanto na súa norma estándar como indonesia. Toda a poboación debe ser bilingüe, aprendendo inglés e un dos outros tres idiomas, dependendo estoutro da orixe dos pais. Se ningún dos pais é dalgunha das etnias que falan un dos outros idiomas, á parte do inglés, estes poden entón escoller cal dos outros tres idiomas estudarán os seus fillos na escola.

Relixión[editar | editar a fonte]

Gopuram hinduísta.

A relixión máis practicada en Singapur é o budismo, seguido polo 42% da poboación, na súa maioría os de orixe chinesa, practicado nas súas tres vertentes principais: Mahayana, Theravada e Vaghrayana. Aínda que o budismo Mahayana é maioritario, tamén se popularizaron o Theravada, o budismo tibetano ou tántrico e o Soka Gakkai xaponés. Segundo os censos, o budismo experimenta un incremento constante, sendo practicado polo 27% en 1980, polo 31% en 1990 e polo 41% no 2000, é dicir, un crecemento de dez puntos porcentuais cada dez anos.

A segunda relixión máis practicada é o islam, seguido principalmente pola etnia malaia, que representa o 14,9%. O seu número mantense estable, pasando do 13% en 1980 e 1990 ao 14% no 2000. Séguelle numericamente cun 14,6% da poboación o cristianismo, con todas as súas principais ramas: católica, protestante e ortodoxa. Os cristiáns tamén experimentan un crecemento, aínda que máis conservador que no caso do budismo, pasando do 10% en 1980 ao 12% en 1990 e o 14% actual. O taoísmo é a cuarta relixión principal do país maior, seguida polo 8%. Sufriu un declive significativo, sendo seguida polo 30% en 1980 e polo 22% en 1990. Algúns estudosos pensan que a razón disto é que moitos singapurianos practican o budismo e o taoísmo de forma conxunta, pero decláranse budistas no censo por ser o budismo unha relixión máis organizada e internacionalmente recoñecida. Outros pensan que aínda que o taoísmo é unha relixión nacional chinesa e pode formar parte da súa cultural chinesa, o budismo cumpre tamén con ese rol sen ser exclusivamente chinés. En todo caso, na propia China continental o budismo ten máis seguidores que o taoísmo.

Catedral Anglicana de Santo André, construída entre 1835 e 1836.

Despois do taoísmo segue en número de practicantes o hinduísmo, que é seguido polo 4% da poboación segundo o censo do 2000, manténdose estable no tempo, 3% en 1980 e 1990. Ademais destes grupos relixiosos existen pequenas minorías de xudeus, xainistas, sikh e zoroastrianos. A relixión en Singapur, do mesmo xeito que nos seus veciños Malaisia e Indonesia, está moi ligada á identidade étnica. Así, a maioría de chineses son budistas, a maioría de malaios son musulmáns (de feito a porcentaxe de malaios e de musulmáns é practicamente idéntica) e a maioría de indios son hinduístas. Onde existe máis diversidade é na comunidade chinesa que, aínda que maiormente budista, tamén ten entre os seus membros bastantes cristiáns e taoístas.

A Igrexa da Unificación de Sun Myung Moon e as Testemuñas de Xeová son ilegais en Singapur ao estar clasificadas polo goberno como seitas destrutivas, polo que teñen prohibido predicar e distribuír material proselitista.[32] Salvo por isto, en xeral Singapur é un país que, dende tempo colonial, caracterizouse pola tolerancia relixiosa. As institucións gobernamentais e educativas promoven o ensino da tolerancia e convivencia entre as relixións, e mesmo existen centros relixiosos onde diferentes confesións rezan unidas, por exemplo o Templo Loyang Tua Pek Kong, sitio de reunión de budistas, hinduístas e musulmáns. A pesar de ser unha sociedade cosmopolita e industrializada a relixión segue sendo importante entre os singapurianos e moitos dos edificios máis grandes da cidade son templos e centros relixiosos.[33]

Cultura[editar | editar a fonte]

Raffles Place.

Sendo Singapur unha pequena e relativamente moderna amálgama de poboamentos chineses, malaios e indios, non se pode dicir que haxa unha cultura especificamente singapuriana. Así, conviven elementos das culturas chinesa, británica, malaia e hindú, nunha conxunción de elementos dunha historia que se distingue pola inmigración. Adicionalmente, o 42% da poboación de Singapur son estranxeiros, o cal o converte no país cunha das maiores proporcións de estranxeiros a nivel mundial.

Dun xeito enteiramente único, os varios grupos étnicos continúan a celebrar as súas propias culturas. Singapur é probabelmente o único lugar do mundo onde se pode atopar, por exemplo, un casamento malaio a ter lugar lado a lado cun casamento chinés. Os festivos principais reflicten o xeito en que a cultura local celebra esta diversidade. Ao contrario de moitas outras sociedades multiculturais, as principais festividades públicas inclúen o Ano Novo do calendario gregoriano, o ano novo chinés, o Hari Raya Haxi e o Deepavali.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

A gastronomía de é un reflexo da mestura étnica existente. A cociña ten moitas influencias da cociña malaia, chinesa, hindú (en especial da cociña támil) e de formar parte das cociñas do Sueste Asiático. Posúe tamén influencias de occidente debido á ocupación das illas polos británicos no século XIX. Como exemplo de variedade e fusión de estilos, nos hawker stores de Singapur, pode observarse como os chefs orixinarios da China preparan pratos hindús, mentres que os chefs hindús preparan diversos pratos de Malaisia.

Notas[editar | editar a fonte]

Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 U.S. Library of Congress. "Singapore - Precolonial Era" (en inglés). Consultado o 20 de xuño de 2013. 
  2. "Archaeology in Singapore - Fort Canning Site". Southeast-Asian Archaeology. Arquivado dende o orixinal o 29 de abril de 2007. Consultado o 20 de xuño de 2013. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 U.S. Library of Congress. "Singapore - Founding and Early Years". Consultado o 20 de xuño de 2013. 
  4. Bastin, John (1954). "Malayan Portraits: John Crawfurd" (en inglés) 3 (Malaya ed.): 697–698. 
  5. Khoo J. C.M,Kwa C.G.,Khoo L.E. (1998). "The Death of Sir Thomas Stamford Raffles (1781 - 1826)" 39 (12) (Singapore Medical Journal ed.): 564–565. 
  6. 6,0 6,1 6,2 U.S. Library of Congress. "Singapore - A Flourishing Free Ports". Consultado o 20 de xuño de 2013. 
  7. Irene Lim (1999). Secret societies in Singapore. National Heritage Board, Singapore History Museum, Singapore. ISBN 981-3018-79-8. 
  8. 8,0 8,1 8,2 U.S. Library of Congress. "Crown Colony". Consultado o 20 de xuño de 2013. 
  9. McIntyre, W. David (1979). The Rise and Fall of the Singapore Naval Base, 1919-1942. Londres: Macmillan. ISBN 0-333-24867-8. 
  10. Coello, Terry. "The Malayan Campaign 1941". Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2005. Consultado o 20 de xuño de 2013. 
  11. Thompson, Peter (2005). The Battle for Singapore. London. ISBN 0-7499-5068-4. 
  12. Smith, Colin (2005). Singapore Burning: Heroism and Surrender in World War II. Penguin Books. ISBN 0-670-91341-3. 
  13. Smyth, John George Smyth (1971). Percival and the Tragedy of Singapore. MacDonald and Company. 
  14. Kang, Jew Koon (1981). Chinese in Singapore during the Japanese occupation, 1942-1945. Academic exercise - Dept. of History, National University of Singapore. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 U.S. Library of Congress. "Singapore - Aftermath of War". Consultado o 21 de xuño de 2013. 
  16. Ministry of Information, Communications and the Arts, Singapore. "Towards Self-government". Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2006. Consultado o 21 de xuño de 2013. 
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 17,5 U.S. Library of Congress. "Singapore - Road to Independence". Consultado o 21 de xuño de 2013. 
  18. The Straits Times (1965). "Terror Bomb Kills 2 Girls at Bank". Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2014. Consultado o 21 de xuño de 2013. 
  19. AsiaOne. "Road to Independence". Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2013. Consultado o 28 de xuño de 2006. 
  20. "Singapore Infomap - Independence". Ministerio de Información, Comunicacións e Arte. Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2006. Consultado o 21 de xuño de 2013. 
  21. "About MFA, 1970s". Ministry of Foreign Affairs. Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2004. Consultado o 21 de xuño de 2013. 
  22. "History of Changi Airport". Autoridades de Aviación Civil de Singapur. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2010. Consultado o 21 de xuño de 2013. 
  23. "1982 - The Year Work Began". Autoridades de Transporte Terrestre. Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2011. Consultado o 7 de decembro de 2005. 
  24. Foro Económico Mundial. "The Competitiveness Indexes" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de outubro de 2006. Consultado o 26 de abril de 2008. 
  25. "White Paper - The Jemaah Islamiyah Arrests and The Threat of Terrorism, Singapore". Ministerio de Asuntos Exteriores de Singapur. 2003. Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2005. Consultado o 21 de xuño de 2013. 
  26. "Islamic militant detained in Singapore under Internal Security Act". AFX News Limited. 2005. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2007. Consultado o 21 de xuño de 2013. 
  27. "Counter-Terrorism". Singapore Police Force. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2007. Consultado o 21 de xuño de 2013. 
  28. Le Hsien Loong (2005). "Ministerial Statement - Proposal to develop Integrated Resorts". Channel NewsAsia. 
  29. "bloggers@elections.net". Today (Diario de Singapur). 2006. Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2006. Consultado o 21 de xuño de 2013. 
  30. "Singapore's PAP returned to power". Channel NewsAsia. 2006. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2009. Consultado o 21 de xuño de 2013. 
  31. The Telefraph (12 de febreiro de 2010). "Singapore accused of launching 'Sand Wars'" (en inglés). Consultado o 26 de xuño de 2013. 
  32. "2009 Human Rights Report: Singapore", 2009 Country Reports on Human Rights Practices, U. S. State Department, 11 de marzo de 2010, consultado o 11 de maio de 2010
  33. Singapore, International Religious Freedom Report 2004, U. S. Department of State, consultado o 11 de marzo de 2010

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]