Hidronimia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A hidronimia é a rama da onomástica que se dedica ao estudo dos hidrónimos e de como as masas de auga reciben o seu nome e estes son transmitidos ao longo da historia. Un hidrónimo (do grego ὕδωρ hýdor, "auga" e ὅνωμα ónōma, "nome") é o nome propio polo que se designa unha masa de auga. Aplícase normalmente para as formas de auga doce, pois para as marítimas se adoita utilizar o nome talasonimia.

Os nomes dos ríos son palabras moi resistentes ao cambio lingüístico. Nese sentido, como formas lingüísticas, os hidrónimos considéranse formas moi conservadoras, sucedendo normalmente que os pobos que substitúen a outros nun asentamento conserven o nome dado aos recursos hídricos. Por exemplo o Guadiana orixinalmente foi o río Anas, ao que os árabes chamaron simplemente wadi ana 'río anas', conservando o nome usado polos seus habitantes anteriores, e posteriormente os seus sucesores cristiáns, ao conquistaren Al-Ándalus seguiron mantendo o nome na forma moderna Guadiana.

Esta pervivencia dos antigos hidrónimos é moi apreciada polos paleolingüistas, pois é un gran recurso para reconstruír linguas desaparecidas, as súas extensións ou posíbeis rutas migratorias[1].

Entre as linguas indoeuropeas os hidrónimos provenientes de linguas distintas comparten étimos comúns. Os ríos Danubio, Don, Dnister, Dniepr e Donets conteñen a raíz protoindoeuropea *danu-, (IEW 175), co significado de 'río, auga'. Estes topónimos son atribuídos ao antigo oseta ou escita.[2]. Na Europa occidental, a coincidencia nos nomes dos ríos levou ao lingüista alemán Hans Krahe á hipótese dunha antiga lingua indoeuropea desaparecida, anterior a xermanos e celtas que foi denominada antigo europeo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Para un estudo de varios hidrónimos galegos é moi útil, entre outras este libro: Bascuas, Edelmiro, Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, Verba, anexo 51, Santiago de Compostela, 2002, ISBN 84-9750-026-1.
  2. antigo oseta en linguae imperii

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]