Antigo europeo

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

O antigo europeo é unha lingua indoeuropea extinta cuxa existencia se deduciu a través dos nomes de ríos europeos.

Exemplos son:

  • *o-/*ol- (fluír, manar): Almar, Almonte, Alenza, Almería.
  • *ser-/*sor- (fluír, discorrer). Dá nomes en diferentes linguas indoeuropeas, coma no sánscrito sará- “líquido, fluido”, sarít- 'regato', grego oros e latín serum “líquido leitoso”. Hidrónimos derivados desa raíz, encontrámolos na fonte Sar (Santa María del Campo, Burgos); o regato Sarrión (Coaña, Asturias); regato da Sara (Rodeiro, Pontevedra), Sarria (Lugo); a fonte de Sora (Langás, Zaragoza), Sor, Jarama, Jaramillo, Sarria, Sorbes, Saar
  • *sal- : Sella, Xallas, Jalón, Salamanca, Xálima (río na fronteira entre Cáceres, Salamanca e Portugal).
  • *albh- (branco): Alba, Elba.
  • topónimos terminados en -antia: Alesantia e os modernos Aranzuelo, Arlanza, Arlanzón, Numancia.

Existen unha serie de ríos europeos con nomes claramente indoeuropeos, pero que non se poden aclarar baseándose en linguas indoeuropeas coñecidas. Os nomes distribúense por toda Europa Central e do Norte, chegando polo sur ata as tres penínsulas mediterráneas: a ibérica, a itálica e a balcánica. Na súa zona de distribución apenas existe hidronimia non indoeuropea. Foron estudados profunda e sistematicamente por Hans Krahe (os ríos europeos), por Javier de Hoz (os ríos españois) e por Edelmiro Bascuas (os ríos galegos).

Na península ibérica dáse o caso de que o territorio no que se atopan estes nomes entra claramente en zona historicamente non indoeuropea, é dicir, en Aragón, Cataluña e parte do Levante. Existirían dúas explicacións para este fenómeno: os iberos conquistaron estas zonas posteriormente ou ben a indoeuropeización destes territorios foi parcial e finalmente falida.

Optouse polo nome de antigo europeo (alemán Alteuropäisch) como denominación neutral. Inicialmente Krahe atribuíu os nomes aos ilirios (teoría chamada panilirismo), aínda que máis tarde defendeu que a lingua era o protoindoeuropeo propiamente dicho. As dúas teorías están hoxe en día descartadas.

É máis o que non se coñece sobre este pobo có que se sabe.

Índice

[editar] Época na que se falou

Deduciuse que o antigo europeo é máis antigo cás linguas celtas. O mantemento dos nomes dos ríos en zona celta nunha lingua "estranxeira" indica por unha banda, que os ríos xa tiñan nome cando os celtas chegaron, e por outra, que estes nomes corresponden a unha lingua de substrato para os celtas.

No caso da Península ibérica, se se dá por certo que os celtas chegaron cara os séculos VIII-VII antes da nosa era, o antigo europeo tivo que falarse en época anterior. A arqueoloxía descubriu a chegada de elementos da cultura dos Campos de Urnas desde Europa central á Península cara os anos -1500 e –1300, o que podería corresponder a inmigrantes desta lingua ou linguas. Sen embargo, é imposible probalo.

[editar] Unha lingua ou varios dialectos emparentados

Non se pode saber con seguridade se era unha lingua ou varios dialectos emparentados.

Sen embargo, existen argumentos a favor de que fose un grupo de dialectos ou linguas. O primeiro adiántao Jürgen Untermann e é a descontinuidade dos nomes de ríos vistos sobre o mapa europeo. Isto indicaría unha mestura de pobos indoeuropeos e non indoeuropeos nun mosaico de linguas. O segundo argumento é que é pouco probable que unha lingua evolucione tal cantidade de variantes para unha sola palabra indoeuropea como é o caso da raíz *eis-/*ois-/*is- (rápido): Aisa, Eisa, Isa, Eisia, Aisia, Isna, Aisena, Isana, Isina, Eisra, Isara, Aisaros, Eisla, Aisontios, Aista e Aiseta.

[editar] A cultura material dos falantes

O único vocabulario que nos chegou é o usado para nomear ríos: branco, rápido, sinuoso, brillante, fluír, etc. Isto non permite reconstruír a cultura material dos falantes polo uso que facían das palabras.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Villar, Francisco, Los indoeuropeos y los orígenes de Europa, Madrid, 1991, ISBN 84-249-1471-6.
  • Bascuas, Edelmiro, Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, Verba, anexo 51, Santiago de Compostela, 2002, ISBN 84-9750-026-1.
Ferramentas persoais
Outras linguas