Herbert Spencer
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Herbert Spencer (Derby, 27 de abril de 1820 - Brighton, 8 de decembro de 1903) foi un filósofo, psicólogo e sociólogo inglés.
Fundador da filosofía evolucionista en Gran Bretaña e un dos máis ilustres positivistas do seu país. Inxeñeiro civil e de formación autodidacta, interesouse tanto pola ciencia como polas letras. En 1848 asumiu a dirección da revista The Economist, órgano do liberalismo radical da época.
Desde o punto de vista sociolóxico pode considerarse o primeiro autor en utilizar de forma sistemática os conceptos de estrutura e función. Por outra parte, concibiu a socioloxía como un instrumento dinámico ó servizo da reforma social. Adicou a súa vida a elaborar o seu sistema de filosofía evolucionista, na que considera a evolución natural como clave de toda a realidade, co que partindo da lei mecánico-materialista cabe explicar calquera nivel progresivo: a materia, o biolóxico, o psíquico, o social, etc.
Nas súas lecturas coñeceu a teoría da evolución exposta a finais do século XVIII polo naturalista francés Lamarck. A súa teoría, hoxe desacreditada, sostiña que os trazos adquiridos dun organismo eran herditarios. As teorías de Lamarck sobre a evolución influíron profundamente na obra de Spencer.
Aplicou a teoría da evolución ás manifestacións do espíritu e ós problemas sociais, entre eles o da educación, coa súa obra Educación: intelectual, moral, física. A súa doutrina quedou principalmente exposta no seu Sistema de filosofía sintética (11 volumes). Da súa extensa bibliografía cabe mencionar: A estática social (1850), Principios de psicoloxía (1855), Primeiros principios (1862), Principios de bioloxía (1864), A clasificación das ciencias (1864), A socioloxía descriptiva (1873), Principios de socioloxía (1877-1896) e O individuo contra o Estado (1884).
O, en ocasións, extremado realismo de Spencer poseeu (polas súas semellanzas co mecanicismo) varios críticos, entre os que destacou o filósofo e psicólogo escocés Alexander Bain.
Malia que Spencer non logrou crear escola, o seu ambicioso intento de sistematizar todo o coñecemento dentro do marco da ciencia moderna e especialmente en termos da evolución, fíxoo merecedor de figurar entre os principais pensadores de finais do século XIX.
[editar] Véxase tamén
[editar] Ligazóns externas
- Naturaleza educativa (en castelán)