Herófilo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Herófilo de Calcedonia, nado en Bitinia no ano 335 a. C. e finad no 280 a. C., foi un médico grego da Escola de Alexandría.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aínda que as veces se trasladou o inicio das diseccións de cadáveres humanos ao Renacemento, esta práctica iniciouse na Escola de Alexandría no século III a. C. Herófilo foi o primeiro en facer diseccións anatómicas en público, iniciando esta práctica médica xunto a Erasístrato de Ceos. Tamén practicou viviseccións en criminais e escravos condenados a morte.

Realizou descubrimentos acerca da disposición dos vasos do cerebro, levando actualmente por nome prensa de Herófilo, o confluente venoso posterior do cerebro. Constatou a sincronía do pulso cos latidos do corazón e afirmou que a intelixencia non se encontraba neste, senón no cerebro.

Herófilo estudou o encéfalo mediante diseccións (en cadáveres) e viviseccións (en persoas vivas) e investigacións en animais, describindo as meninxes, os plexos coroideos, o cuarto ventrículo e a confluencia dos seos cerebrais.

Obra[editar | editar a fonte]

A súa obra, así como a do seu contemporáneo Erasístrato de Ceos desapareceu completamente coa destrución de Alexandría por Xulio César. O seu coñecemento obtémolo a través de citas de autores posteriores, en especial, de Galeno.