Encéfalo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sección saxital media do encéfalo humano (continuada caudalmente coa medula espiñal, 9). A parte visible do ventrículo cerebral está coloreada de azul semitransparente.
1. Cerebro : 2. Telencéfalo (sinalado o lobo frontal), 3. Diencéfalo.
4. Tronco do encéfalo : 5. Mesencéfalo, 6. Protuberancia, 7. Bulbo raquídeo.
8. Cerebelo .

O encéfalo dos vertebrados (do grego "εν" en, dentro, e "κεφαλη" cefalé, cabeza, «dentro da cabeza»), é a masa de tecido nervioso situada dentro do cranio que forma a parte superior e de maior masa do sistema nervioso. Forma parte do sistema nervioso central xunto coa medula espiñal, coa cal se continúa. Está composto por tres partes: prosencéfalo, mesencéfalo e rombencéfalo. O prosencéfalo é o cerebro; o mesencéfalo e parte do rombencéfalo (bulbo raquídeo e ponte de Varolio) xuntos forman o tronco encefálico ou talo encefálico. O cerebelo está unido ao tronco encefálico.

Dentro do encéfalo están os ventrículos cerebrais. Do encéfalo saen os doce pares de nervios craniais.

Características[editar | editar a fonte]

Está protexido polos ósos do cranio na cavidade cranial.

É a estrutura central máis importante do sistema nervioso e pesa arredor de 1,4 kg, aínda que isto varía coa idade e o sexo da persoa.

Cerebro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cerebro.

O cerebro é a parte máis grande do encéfalo. Visto desde fóra divídese en dous hemisferios (esquerdo e dereito) e caracterízase pola súa superficie con pregamentos irregulares chamados circunvolucións ou xiros cerebrais, máis marcados nos humanos ca en calquera outro animal, e entre eles hai liñas irregulares chamadas cisuras. O cerebro, por convención e fixándose en certos límites marcados por algunhas das cisuras, divídese en lobos: frontal, parietal, temporal e occipital. Na parte inferior está o diencéfalo, que o conecta co tronco cerebral.

O cerebro, como todas as partes do sistema nervioso central contén substancia branca e substancia gris. Esta última está en menor cantidade e é a que forma o córtex cerebral, e a branca está na parte interior.

Tronco encefálico[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Tronco do encéfálo e Bulbo raquídeo.

O tronco encefálico comunica o cerebro coa medula. No tronco encefálico contrólanse as actividades involuntarias, como a tose, vómito, espirro, control automático da respiración e latexo cardíaco, vasoconstrición, control da secreción de saliva e zumes dixestivos etc.

O mesencéfalo está situado por diante da ponte. Está atravesado polo acueduto de Silvio; no seu teito están os tubérculos cuadrixéminos e únense ao cerebelo polos pedúnculos cerebelosos superiores.

A ponte de Varolio está por encima do bulbo e intervén na programación dos impulsos dun a outro hemisferio. Os pedúnculos cerebelosos medios úneno co cerebelo.

A parte inferior do tronco é o bulbo raquídeo, que se comunica co cerebelo polos pedúnculos cerebelosos inferiores. O bulbo raquídeo é unha prolongación da medula espiñal e é o órgano que establece unha comunicación entre o cerebro e a medula.

Cerebelo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cerebelo.

O cerebelo está na parte posterior do tronco encefálico. Presenta dous hemisferios separados por un relevo chamado vermis, e circunvolucións e sucos que o dividen en lobos. Intervén na coordinación dos movementos do corpo e no equilibrio.

Ventrículos cerebrais[editar | editar a fonte]

Os ventrículos cerebrais son catro cavidades cheas de líquido cefalorraquídeo, que están no interior do encéfalo. Os hemisferios cerebrais cobren o I e II ventrículos, mentres que o III ventrículo está no tálamo. A ponte de Varolio e o bulbo encerran o IV ventrículo.

Nervios craniais[editar | editar a fonte]

Os doce pares de nervios craniais pertencen ao sistema nervioso periférico, pero saen do encéfalo.

O par I sae do bulbo olfactorio do telencéfalo, o II do diencéfalo, o III e o IV do mesencéfalo, o V da ponte e do VI ao XII do bulbo.

Desenvolvemento e partes do encéfalo[editar | editar a fonte]

Esquema do encéfalo humano. Seccións principais do tronco ou talo encefálico.[1]

No embrión de catro semanas despois do peche do tubo neural e a conformación da crista neural, iníciase o desenvolvemento das tres vesículas encefálicas primarias: prosencéfalo, mesencéfalo e rombencéfalo. A primeira e a última subdivídense despois, orixinando as 5 vesículas, que forman o telencéfalo, diencéfalo, mesencéfalo, metencéfalo e mielencéfalo. Ao final queda dividido así:

  1. Prosencéfalo: que se divide en:
    1. Telencéfalo
      1. Córtex cerebral, que inclúe: lobo occipital (visión), lobo parietal (órganos da sensación e cinestésicos), lobo temporal (audición e preto do hipocampo o olfacto), lobo frontal (entendemento, percepción e zona motora). Os lobos frontal, parietal e temporal encárganse da aprendizaxe e todo o córtex se encarga da linguaxe, con certas áreas especializadas.
      2. Corpo estriado
      3. Rinencéfalo
    2. Diencéfalo:
      1. Epitálamo: contén a glándula pineal, produtora de melatonina.
      2. Tálamo: dúas grandes masas ovoides. Por detrás do tálamo están os corpos xeniculados, que son centros ópticos e auditivos. O tálamo é unha zona de control das sensacións, xa que son un punto de relevo (sinapses) das vías sensitivas.
      3. Subtálamo: estrutura diencefálica situada entre mesencéfalo, tálamo e hipotálamo.
      4. Hipotálamo: que comprende o quiasma óptico, tuber cinereum, tubérculos mamilares e neurohipófise, que segrega dúas hormonas: oxitocina e vasopresina; é o centro regulador das emocións (sistema límbico) e control físico.
  2. Mesencéfalo (cerebro medio): posúe os tubérculos cuadrixéminos que son catro, dous superiores ou anteriores relacionados coa visión, e dous inferiores ou posteriores relacionados cos fenómenos auditivos, e é o que filtra a información entre o rombencéfalo e o prosencéfalo
  3. Rombencéfalo
    1. Metencéfalo
      1. Cerebelo: control do movemento, enerxía muscular, postura.
      2. Protuberancia ou ponte de Varolio. É un engrosamento situado por encima do bulbo.
    2. Mielencéfalo
      1. Bulbo raquídeo ou medula oblonga: control das funcións básicas como circulación do sangue a través do corazón e respiración.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Snell RS (2003) Neuroanatomía clínica: Panamericana. 554 p.

----

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.