Felix the Cat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Felix the Cat
Felix for Judy.png
Felix debuxado por Otto Messmer
Creador(es) Pat Sullivan
Otto Messmer
Primeira aparición Feline Follies (1919)
Información
Raza Gato
Sexo Masculino
Familia Inky e Winky (sobriños)
O famoso paso de Felix en Oceantics (1930).

Felix o gato é un personaxe animado da era do cine mudo. A súa pelaxe negra, ollos brancos, e grande sorriso, xunto ás situacións surrealistas que se presentaban nas súas historias, contribuíron a facer de Felix un dos personaxes animados máis recoñecibles do mundo. Felix foi o primeiro personaxe de animación en obter un nivel de popularidade tan grande como para atraer aos espectadores con só o reclamo da súa aparición nunha película.

As orixes de Felix son incertas. Pat Sullivan, caricaturista e empresario de cine de orixe australiana e o animador estadounidense Otto Messmer afirmaron ser os creadores, cada un pola súa parte, e a evidencia parece soster ambas demandas. Mais moitos historiadores, como pode ser John Canemaker, afirman que foi Sullivan quen plaxiou a Messmer. O que é seguro é que o gato saíu do estudio de Sullivan, e os debuxos animados que incluíron o personaxe desfrutaron dun enorme éxito nos anos 1920. Paramount Pictures distribuíu as primeiras películas entre 1919 e 1921. Margaret J. Winkler distribuíu as curtas entre 1922 e 1925, o ano no que Educational Pictures asumiu o control da distribución das curtas. En 1928, Education deixou de sacar os debuxos animados de Felix e moitos foron reemitidos por First National Pictures. Copley Pictures distribuíno desde 1929 até 1930. Tivo unha breve resurrección en 1936 por Van Beuren Studios, mais a gloria dos vellos tempos esvaeceuse durante o breve paso do gato para a cor e o son. Sullivan fixo a maioría da mercadotecnia do personaxe nos anos 1920.

Felix foi todo un éxito na cultura popular estadounidense, e tamén no estranxeiro. Tivo a súa propia tira cómica (debuxada por Messmer), e a súa imaxe pronto adornou todo tipo de produtos. Músicos de Jazz como Paul Whiteman cantaron sobre el, e incluso se converteu na primeira imaxe en ser difundida por calquera emisora de televisión. Mais o éxito foi breve. A chegada de debuxos animados parlantes, particularmente Mickey Mouse de Walt Disney, eclipsou a proposta non sonora de Sullivan e Messmer. Unhas cantas curtas sonoras creadas polo irmán de Sullivan non conseguiron a audiencia anteriormente obtida.

A televisión pode ser tomada como a salvación do gato. Os debuxos animados de Felix empezaron a transmitirse pola televisión estadounidense en 1953. Mentres tanto, Joe Oriolo, o novo artista da tira cómica, obtén os dereitos para introducir a Felix nunha nova serie, especificamente para televisión. Oriolo agregou novos personaxes, como Poindexter e Rock Bottom, e creou o peto máxico, que podía converterse en calquera figura que Felix necesitara. O fillo de Joe Oriolo, Don Oriolo, continuou como encargado de Felix, e o gato foi protagonista de diversas series de televisión, así como dunha película.[1]

Fragmento da curtametraxe
The Goose that Laid the Golden Egg (1936).

Creación[editar | editar a fonte]

Unha escena da curtametraxe Felix in Hollywood (1923).

O 9 de novembro de 1919, Master Tom, un personaxe parecido a Felix, debuta nunha curta de Paramount Pictures titulada Feline Follies.[2] Producido polo estudio de animación de Pat Sullivan, a curta foi dirixida polo caricaturista e animador Otto Messmer. Foi un éxito, e o estudio de Sullivan rapidamente se puxo a traballar noutra curta protagonizada por Master Tom, The Musical Mews (estreada o 16 de novembro de 1919). Tamén tivo éxito de audiencia. O produtor de Paramount, John King, suxeriu renomear o personaxe a "Felix", polas palabras latinas felis (gato) e felix (sorte), e o nome foi utilizado na terceira película, The Adventures of Felix (estreada o 14 de decembro de 1919). En 1924, o animador Bill Nolan redeseñou o felino, facéndoo máis redondo e chamativo. A nova aparencia de Felix, xunto á habilidade de Messmer para a animación, lanzaron o personaxe á fama mundial.[3]

Felix e Charles Chaplin comparten pantalla nun memorable momento de Felix in Hollywood (1923).

A pregunta de quen creou exactamente a Felix continúa en disputa. Sullivan indicou en numerosas entrevistas que foi el quen creou a Felix e que fixo os esbozos claves para o personaxe. Nunha visita a Australia en 1925, Sullivan comentou no periódico The Argus que "a idea naceu de observar un gato que a miña dona levou ao estudio un día".[4] Os ditos de Sullivan son respaldados pola súa curta animada The Tail of Thomas Kat, estreada o 18 de marzo de 1917, máis de dous anos antes de Feline Follies. Un documental australiano da ABC-TV transmitido no 2004 e unha exposición na Biblioteca Estatal de New South Wales o 2005 suxeriron que Thomas Kat foi un prototipo ou precursor de Felix. Non obstante, poucos detalles de Thomas sobreviviron. Mentres que Felix podía transformar maxicamente a súa cola en ferramentas e outros obxectos, Thomas é un gato non-antropomórfico que perde o seu rabo nunha pelexa contra un galo.

Sullivan era o propietario do estudio e — como no caso de moitos empresarios — púidose apropiar dos dereitos de calquera traballo creativo dos seus empregados. Ao igual que moitos outros animadores dese tempo, Messmer non foi recoñecido. Logo da morte de Sullivan en 1933, os seus herdeiros en Australia apropiáronse do personaxe.

Non foi até moitos anos despois da morte de Sullivan que os seus empregados Hal Walker, Al Eugster, e o avogado de Sullivan, Harry Kopp, acreditaron a Messmer como o creador de Felix. Indicaron que Felix estaba baseado nun Charlie Chaplin animado que Messmer inventara para o estudio de Sullivan. A personalidade do gato e os seus movementos en Feline Follies reflicten as características de Chaplin, e, a familiar pelaxe negra tamén está presente (Messmer encontrou que as formas sólidas eran máis fáciles de animar).

Moitos historiadores da animación (a maioría estadounidenses e ingleses) apoiaron as demandas de Messmer. Algúns son Michael Barrier, Jerry Beck, Colin and Timothy Cowles, Donald Crafton, David Gerstein, Milt Gray, Mark Kausler, Leonard Maltin, e Charles Solomon.[5]

A pesar de quen creou a Felix, Sullivan comercializou implacablemente o gato, mentres que Messmer continuou producindo caricaturas e comezou unha tira cómica en 1923, distribuída por King Features Syndicate.[3]


Popularidade[editar | editar a fonte]

Cando a distribución por Paramount expirou en 1922, Sullivan comezou a distribuír as súas caricaturas coa axuda de Margaret J. Winkler. Grazas a Winkler, a popularidade de Felix acadou novas cotas.[3] Sullivan prometeu a creación dunha curtametraxe de Felix cada dúas semanas.[6]

En 1923, o gato estaba no cumio da súa carreira cinematográfica. Felix in Hollywood, unha curta estreada ese ano, representa a popularidade de Felix, ao compartir pantalla con celebridades como Douglas Fairbanks, Cecil B. DeMille, Charlie Chaplin, Ben Turpin e Will H. Hays. A súa imaxe podía ser vista en reloxos, adornos de nadal e outros produtos. En 1927 o personaxe converteuse no primeiro globo de helio xigante feito para o Macy's Thanksgiving Day Parade.[7] Segundo palabras do autor Donald Crafton, "cara ao 1926, [Felix] era probablemente o personaxe máis popular da pantalla, vivo ou animado, con excepción de Chaplin".[8] Felix foi a figura de varias cancións populares na época. Xunto co éxito do felino xurdiron novos personaxes. Estes incluían o amo de Felix, Willie Brown, un antagonista chamado o rato Skiddoo, os sobriños de Felix, Inky, Dinky e Winky, e a súa noiva Kitty.

Gran parte das primeiras caricaturas de Felix reflectían os pensamentos estadounidenses da época. Algúns estereotipos étnicos apareceron en curtos como Felix Goes Hungry (1924). As "flappers" foron caricaturizadas en Felix Strikes It Rich (1924). Felix incluso se viu envolto nun sindicato en Felix Revolts (1923). Referencias ao alcoholismo e a lei seca foron frecuentes en moitas curtas, particularmente Felix Finds Out (1924) e Felix Woos Whoopee (1930) por nomear algúns.

Felix foi a primeira imaxe en ser transmitida por televisión cando RCA elixiu un boneco feito de papel maché do gato para un experimento de 1928 vía W2XBS Nova York en Van Cortlandt Park. O boneco foi escolleito debido aos seus contrastes e á súa capacidade de resistir as intensas luces que se necesitaban. Foi posto nunha placa xiratoria de fonógrafo e fotografado durante aproximadamente dúas horas cada día. Despois de pagarle a Sullivan, o boneco continuou na placa xiratoria por cerca dunha década mentres RCA melloraba a definición da imaxe.[9]

O éxito de Félix atraeu un gran número de imitadores. A aparencia e personalidade doutros felinos dos anos 1920 como Julius de Alice Comedies (Walt Disney), Waffles de Aesop's Film Fables (Terrytoons), e especialmente a adaptación de Bill Nolan de Krazy Kat en 1925, parecían estar directamente relacionados con Felix.[10]

As caricaturas de Félix tiveron un gran éxito entre os críticos tamén, que viron nos traballos magníficos exemplos de surrealismo na industria do cine. O crítico francés Marcel Brion escribiu un ensaio titulado Felix le chat, ou la poésie créatrice, no cal destacou a personalidade do personaxe e a mestura que existía entre obxectos reais e imaxinarios no seu mundo.[11]

A insignia do escuadrón VF-31 Tomcatters (1948) da mariña de Estados Unidos.

Felix como mascota[editar | editar a fonte]

Debido á popularidade do personaxe e ao feito de que o seu nome deriva da palabra latina "feliz", algunhas importantes organizacións adoptaron a Felix como mascota. O primeiro foi un vendedor de Chevrolets amigo de Pat Sullivan chamado Winslow B. Felix, quen abriu a súa sala de exposición e venda en 1921. O anuncio de neon de Felix Chevrolet, coas súas imaxes xigantes do gato, é unha das marcas máis coñecidas dos Ánxeles. En 2007, o anuncio foi escollido pola Cultural Heritage Commission da cidade como monumento histórico-cultural.[12] Outros que adoptaron a Felix como símbolo foron, en 1922 os New York Yankees ou o aviador Charles Lindbergh, que levou un boneco do personaxe nun voo histórico a través do océano Atlántico.[1]

Esta popularidade persistiu. A finais dos anos 1920, o segundo escuadrón de bombardeiros da mariña de Estados Unidos (VB-2B) adoptou unha insignia que consistía nun Felix feliz levando unha bomba coa mecha prendida. Retiveron a insignia durante os anos 1930 cando se converteron nun escuadrón de combate designado baixo o código VF-6B e, logo, VF-3. En 1948, o escuadrón foi designado como VF-31, conservando o logo até os nosos días.[13]

Do cinema mudo ao sonoro[editar | editar a fonte]

Felix xunto a Inky e Winky na curtametraxe April Maze (1930).

Coa estrea de The Jazz Singer en 1927, Educational Pictures, que distribuía as curtametraxes de Felix nese tempo, propúxolle a Pat Sullivan facer caricaturas "sonoras", mais Sullivan rexeitou a proposta. As discusións seguiron até a separación de Educational e Sullivan. Só cando Steamboat Willie de Walt Disney fixo historia como a primeira caricatura falada cunha banda sonora sincronizada, Sullivan viu as posibilidades do son. Preocupouse de obter un contrato seguro con First National Pictures en 1928. De todos os xeitos, por razóns descoñecidas, isto non durou, e Sullivan buscou en Jacques Kopfstein e Copley Pictures para distribuír as súas novas caricaturas sonoras de Felix. O 16 de outubro de 1929, un anuncio saíu en Film Daily onde Felix dicía, ao estilo de Al Jolson, "Aínda non escoitaron nada!" ("You ain't heard nothin' yet!").

Desafortunadamente, nada bo se oíu da transición de Felix ao son. Os resultados foron desastrosos. Agora máis que nunca parecía que o rato de Disney acaparaba a audiencia da estrela muda de Sullivan. Nin sequera outros traballos como Felix Woos Whoopee ou April Maze (ambos de 1930) puideron atraer á vella audiencia. Kopfstein finalmente cancelou o contrato con Sullivan. Posteriormente, anunciou os plans de comezar un novo estudio en California, mais a idea nunca se materializou. As cousas foron de mal en peor cando a esposa de Sullivan, Marjorie, morreu en marzo de 1932. Despois diso, Sullivan botouse a perder. Caeu nunha depresión alcohólica, a súa saúde empeorou, e a súa memoria empezou a fallar. Nin sequera podía entregarlle cheques a Messmer xa que a súa sinatura viuse reducida a un simple garabato. Morreu en 1933, deixando o seu estudio abandonado.

En 1935, Amadee J. Van Beuren de Van Beuren Studios contactou con Messmer para preguntarlle se quería devolver a Felix á pantalla. Van Beuren incluso lle propuxo un completo persoal e todas as utilidades necesarias. Pero Messmer rechazou a súa oferta e recomendou a Burt Gillett, un antigo empregado de Sullivan que traballaba no estudio de Van Beuren. Desta maneira, en 1936, Van Beuren obtivo a aprobación do irmán de Sullivan para utilizar a Felix coa intención de crear novas curtas sonoras e a color. Con Gillett ao mando, e unha gran influencia dos traballos de Disney, a personalidade de Felix mudou a unha máis graciosa que era popular neses tempos. As novas curtas non tiveron éxito, e logo de tres capítulos Van Beuren acabou a serie.[10]

O retorno[editar | editar a fonte]

En 1953, Official Films mercou as curtametraxes de Sullivan e Messmer, engadiulles unha banda sonora, e distribuínos a través da televisión. Messmer continuou facendo as tiras cómicas de Felix até que se abandonaron en 1943, cando cumpriu once anos de escribir e debuxar os cómics para Dell Comics. En 1954, Messmer retirouse de facer as tiras para os periódicos, e o seu asistente Joe Oriolo fíxose cargo. Oriolo fixo un trato co novo dono de Felix, o sobriño de Pat Sullivan, para comezar unha nova serie de caricaturas na televisión. Oriolo continuou con 260 capítulos de Felix para televisión distribuídos por Trans-Lux iniciados en 1958. Ao igual que o estudio Van Beuren, Oriolo deulle a Felix unha aparencia máis domesticada e pedestre, inclinado máis para aos cativos, e introducindo novos elementos como o peto máxico, un bolso amarelo que podía tomar a forma que Felix quixera. O programa fíxose coñecido tamén polo seu tema central escrito por Winston Sharples:

Felix the Cat,
The wonderful, wonderful cat,
Whenever he gets in a fix,
He reaches into his bag of tricks.

O programa non incluíu os antigos compañeiros do gato e introduciu outros novos. Estes incluían ao sinistro Profesor; o seu intelixente sobriño Poindexter (cun IQ de 222); o asistente do Profesor, Rock Bottom; o malvado robot chamado Cilinder; e un pequeno e amigable esquimó chamado Vavoom. Estes personaxes foron dobrados polo actor de voz Jack Mercer.

A trama de Oriolo xira arredor dos inútiles intentos dos antagonistas por roubar o bolso máxico de Felix, aínda que estes viláns eran a veces mostrados como amigos do gato. O programa tivo un gran éxito, pero os críticos afirman que non pode ser comparado cos primeiros traballos de Messmer e Sullivan, especialmente despois de que Oriolo tivera como obxectivo só os nenos.[10]

Hoxe en día, o fillo de Oriolo, Don, continúa promocionando ao gato. En 1991, Felix protagonizou a súa primeira e única película, Felix the Cat: The Movie, na cal el, o Profesor e Poindexter visitan unha realidade alternativa. Entre 1995 e 1997, Felix apareceu en televisión novamente, nunha serie chamada The Twisted Tales of Felix the Cat. Baby Felix foi presentada o 2000, así como o vídeo Felix the Cat Saves Christmas. Oriolo creou unha completa gama de mercadotecnia, desde cuncas até un videoxogo para Nintendo Entertainment System.

Desde a publicación de Felix: The Twisted Tale of the World's Most Famous Cat por John Canemaker en 1991, renaceu o interese polas curtametraxes antigas de Sullivan e Messmer. Nos anos recentes, as curtas compiláronse en VHS e DVD, sendo os máis famosos Presenting Felix the Cat de Bosko Video, Felix! de Lumivision, Felix the Cat: The Collector's Edition de Delta Entertainment, Before Mickey de Inkwell Images Ink, e o recente Felix the Cat and 1920's Rarities de Thunderbean Animation. As compilacións dos cómics de Messmer tamén tiveron grande éxito como Nine Lives to Live: A Classic Felix Celebration por David Gerstein e o recente The Comic Adventures of Felix the Cat de Determined Productions.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Matheson, Whitney (18 de novembro de 2003). "Enough of the mouse what about the cat?". http://www.usatoday.com/life/columnist/popcandy/2003-11-18-pop-candy_x.htm. Consultado o 26 de xaneiro de 2012. 
  2. Solomon, 34, di que o personaxe "aínda non era chamado Felix".
  3. 3,0 3,1 3,2 Solomon 34.
  4. "Reclaiming Felix the Cat". http://books.google.es/books/about/Reclaiming_Felix_the_Cat.html?id=_D8GRAAACAAJ&redir_esc=y. 
  5. Barrier 29 e Solomon 34.
  6. Barrier 30.
  7. Suddath, Claire (27 de novembro de 2008). "Macy's Thanksgiving Day Parade". http://www.time.com/time/nation/article/0,8599,1862565,00.html. Consultado o 26 de xaneiro de 2012. 
  8. Crafton, p. 317.
  9. "Electronic TV Broadcasts Began in 1928 with Felix!". http://www.felixthecat.com/history.htm. Consultado o 26 de xaneiro de 2012. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Solomon 37.
  11. Crafton, Donald (1993). Before Mickey: the animated film, 1898-1928. Chicago. pp. 349. ISBN 0226116670. http://books.google.com/books?id=VC1U0Uim2AQC&hl. Consultado o 26 de xaneiro de 2012. 
  12. Pool, Bob (13 de xullo de 2007). "Catapulted to new heights". http://articles.latimes.com/2007/jul/13/local/me-felix13. Consultado o 26 de xaneiro de 2012. 
  13. "Felix History". http://www.tomcattersassociation.org/VF-31/felix.htm. Consultado o 26 de xaneiro de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Unha antiga presentación de Félix (1922).
  • Canemaker, John (1991): Felix: The Twisted Tale of the World's Most Famous Cat. Pantheon, New York.
  • Crafton, Donald (1993): Before Mickey: The Animated Film, 1898-1928. University of Chicago Press.
  • Gerstein, David (1996): Nine Lives to Live.
  • Barrier, Michael (1999): Hollywood Cartoons. Prensa da Universidad de Oxford.
  • Beck, Jerry (1998): The 50 Greatest Cartoons. Prensa de JG.
  • Culhane, Shamus (1986): Talking Animals and Other People. Prensa de St. Martin.
  • Gifford, Denis (1990): American Animated Films: The Silent Era, 1897-1929. McFarland and Co.
  • Maltin, Leonard (1987): Of Mice and Magic: A History of American Animated Cartoons. Libros Penguin.
  • Solomon, Charles (1994): The History of Animation: Enchanted Drawings.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Felix the Cat

Algunhas curtametraxes[editar | editar a fonte]