Felipe Bello Piñeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Felipe Bello Piñeiro, nado no Seixo, Franza, Mugardos, o 20 de marzo de 1886 e finado en 1952 na mesma localidade, foi un pintor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Personalidade de enorme interese plástico e intelectual, posto que nada relacionado coa cultura lle foi alleo, e en moitos aspectos influíu decisivamente, como, por exemplo, na divulgación da louza de Sargadelos.

Fórmase plasticamente na Escola de Artes e Oficios da cidade de Ferrol con Eduardo de la Vega e Vicente Díaz. Posteriormente trasládase a Madrid para seguir os cursos da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. A súa inquietude espiritual lévao a relacionarse con outros artistas. Cando apenas ten 20 anos fai amizade cos irmáns Zubiaurre y Solana. Relaciónase con galegos notables como Castelao, Asorey, Curral, etc., e asiste a faladoiros onde destacan a condesa de Pardo Bazán, Sotomayor, Lloréns ou o arquitecto Antonio Palacios. Comeza a súa tarefa de ilustrador e deseñador gráfico, que terá importancia considerable na súa obra. En 1912 organiza a primeira exposición rexional de pintura galega en Madrid.

A súa primeira exposición individual data de 1913, en Ferrol, onde asenta o seu interese pola paisaxe, con grande éxito de venda, axudado por Seijo Rubio.

En 1917 regresa definitivamente a Galiza, instalándose de novo no Seixo. A partir destes anos a súa obra intensifícase, sempre no mundo da paisaxe, e dáo a coñecer en ámbitos galegos de Sudamérica.

Comparte a pintura coa decoración mural, de ambiente post impresionista ou eminentemente modernista, a base de grafismos exquisitos de inspiración floral, e traballa na catalogación completa de Sargadelos, que publica en 1922.

O seu traballo segue sendo intenso na ilustración, a decoración e o cadro de cabalete, así como en actividades xornalísticas e de investigación histórica e plástica. A súa paixón pola paisaxe lévao a fundar a Sociedade de Amigos de Paisaxe Galega, en 1927, con sede na súa parroquia de residencia.

A última etapa da súa vida é dura e difícil, agravada polo abuso do alcol, que o leva a crises neuróticas. A pesar de todo pinta constantemente, unha ampla serie de nocturnos, ata a súa morte, á idade de 66 anos.

O seu carácter reflíctese sempre na súa obra, ambiciosa, interesante ata na súa imperfección frecuente. Os seus retratos inquietan, as súas paisaxes son estilizacións moi idealizadas. Naturalmente, o impresionismo inflúeo, aínda que busque sempre certo testemuño documentalista, ou se evada cara a modos fantasiosos.

O resultado é desigual, pero nunca anódino. Porque ata o simplemente decorativo ten valor como investigación ou recreación, achegando elementos que van desde o exercicio xeométrico ata a multiplicación dunha mesma imaxe, coma se estivese vista ao través dun calidoscopio.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Barreiro, Alejandro, Da arte galega. A Coruña, 1917.
  • Esteve Ortega, E., Arte gallego. Barcelona, 1930.
  • Gaya Nuño, J. A., La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europa de edic., 1970.
  • Chamoso Lamas, Manuel, «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976.
  • Mon, Fernando, A pintura actual en Galicia. Vigo, 1967.
  • Pablos, Francisco, Pintores galegos do Novecentos. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1981.
  • Pablos, Francisco, Plástica galega. Vigo, Caixavigo, 1981.
  • Mon, Fernando, Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
  • Sanjurjo, Eduardo, Discurso de ingreso na Academia de Belas Artes do Rosario. A Coruña, 1963.
  • Leyra Domínguez, José, Bello Piñeiro e o seu tempo.
  • Barros, Tomás, Lembranzas encol do estudo de Bello Piñeiro. Diputación de A Coruña, 1980.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]