Fabiola de Mora y Aragón
Fabiola Fernanda María de las Victorias Antonia Adelaida de Mora y Aragón, chamada Fabiola de Mora y Aragón, coñecida como Fabiola de Bélxica e co título oficial de raíña Fabiola de Bélxica, nada en Madrid o 11 de xuño de 1928, é unha española que foi raíña consorte dese país na segunda metade do século XX.
Índice |
Familia e formación [editar]
Era a terceira filla de Gonzalo de Mora y Fernández Riera del Olmo, conde de Mora e marqués de Casa Riera, e de Blanca de Aragón y Carrillo de Albornoz Barroeta-Aldamar y Elío. Un dos seus sete irmáns foi o actor Jaime de Mora y Aragón. Prepárase como enfermeira e traballa nun hospital de Madrid.
Reinado [editar]
O 15 de decembro de 1960, casa en Bruxelas co rei Balduíno de Bélxica, fillo do rei Leopoldo III e da raíña Astrid. A partir dese momento recibirá o título de "raíña dos belgas", coa que se lle coñecerá. A súa actividade como raíña consorte nunha democracia parlamentaria non tivo intervención política, e dedicouse a tarefas de promoción social e educación.
Ademais de visitar outros países en viaxes oficiais e de ser a anfitrioa doutros mandatarios estranxeiros en Bélxica, foi a presidenta de honra de UNICEF en Bélxica, e creou diversas institucións, como a Fundación Raíña Fabiola de Saúde Mental. Asumiu cargos de representación institucional vencellados á cultura, á infancia e á saúde, como a presidencia de honra do premio Raíña Isabel de Bélxica de música a partir de 1965. Foi nomeada membro de honra da Real Academia de Medicina de Bélxica.
Tralo reinado [editar]
Non tivo fillos, e á morte do seu home o 31 de xullo de 1993 a coroa pasou ao irmán de Balduíno, o rei Alberte II de Bélxica. O seu título pasou de ser Fabiola, raíña dos belgas ao de raíña Fabiola de Bélxica, mentres que a raíña dos belgas pasou a ser a súa cuñada Paola de Bélxica.
Durante cinco anos segue vivindo no castelo de Laeken, ata que en 1998 se muda ao castelo de Stuyvenberg, e dedica o seu tempo a labores sociais, mentres que restrinxe as súas aparicións en público. Representa en 1995 a Bélxica no cumio mundial das Nacións Unidas sobre a muller, celebrado en Beixín, acepta ser madriña dunha fragata F930 da Armada belga (2007) e preside en funcións honorarias a Fundación Rei Balduíno.
A comezos de 2009 é operada de tiroide en Liège. Unha semana despois, é hospitalizada, aqueixada de pneumonía.
Vida persoal e crenzas [editar]
Fabiola de Bélxica, ao igual que o foi o seu home, é católica e pertence ao movemento neopentescostal, unha corrente que destaca o papel do Espírito Santo na fe e na práctica relixiosa. Por esa razón vestiu completamente de branco no enterro do seu home, en vez do tradicional loito negro.
Hai un colexio en Santiago de Compostela que leva o nome de Raíña Fabiola na súa honra.
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Información sobre Fabiola de Bélxica na web da monarquía belga.