Evento de Cando

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coñécese como evento de Cando ou suceso de Cando unha explosión ocorrida na parroquia de Cando (Outes) a mañá do 18 de xaneiro de 1994.

Características[editar | editar a fonte]

O 18 de xaneiro rexístrase un estourido nunha zona deshabitada do concello de Outes, sen causa aparente. Dous días despois, os profesores da Universidade de Santiago de Compostela José Ángel Docobo e Vakhtang Tamazian Arzakanian comezaron unha investigación sobre o acontecido que tivo como consecuencia a localización, en abril de 1994, dun cráter de 25 metros de diámetro por 1,5 de profundidade. Como consecuencia do estourido, producido a 75 m da casa máis próxima, diversos piñeiros apareceran desprazados a 60 metros de distancia.

Causas[editar | editar a fonte]

Xeralmente acéptase coma explicación oficial a de tipo xeolóxico formulada por Zdeněk Ceplecha do Observatorio de Ondejov (República Checa), colaborador na investigación orixinal. Segundo Ceplecha, o incidente puido ocorrer por unha burbulla de gas subterráneo que agromou ata a superficie nunha erupción repentina, debida probabelmente a un corremento de terras. A rápida acción convectiva ocasionaría unha separación da carga eléctrica abondo coma para provocar unha faísca e incendiar o gas[1].

Aínda que os autores non descartan que o suceso se orixinase no estoupido dun corpo celeste, como se sospeita que aconteceu en Tunguska e outros lugares, esta é unha hipótese secundaria. Ademais, a confusión xerada polo suceso estimulou a circulación de teorías conspiracionistas de tipo militar e ufolóxico, pois estes cren que Cando é un foco habitual de avistamentos de ovnis.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. X.A. Docobo, R.E. Spalding, Z. Ceplecha, F. Diaz-Fierros, V. Tamazian, Y. Onda, "Investigation of a bright flying object over northwest Spain, 1994 January 18", Meteoritics & Planetary Science, Vol. 33

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]