Estevo Vladislav I

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estevo Vladislav I
Стефан Владислав I
Stefan Vladislav I
Rei de Serbia
Vladislav a Mileseva 002.jpg
Reinado 1233 - 1243
Nome completo Vladislav Nemanjić
Outros títulos
Gran župan de Raška
Rei de Todas as Terras de Raška, Dioclea, Dalmacia, Travunia e Zachlumia
Rei de toda Serbia e as Terras Marítimas
Nacemento ca. 1200
Falecemento 1269
Predecesor Estevo Radoslav
Sucesor Estevo Uroš I
Cónxuxe/s Beloslava de Bulgaria
Descendencia Stefan, Desa e ?
Dinastía Dinastía Nemanjić

Estevo Vladislav I, Estevo III Vladislav I Nemanjić ou Stefan Vladislav I, en serbio latino Stefan Vladislav I, en serbio cirílico Стефан Владислав I, nado contra 1200 e falecido en 1269), foi rei de Serbia desde 1233[1] até 1243.[2]

Vida[editar | editar a fonte]

Era fillo de Estevo II Nemanjić Prvovenčani e neto do gran príncipe Estevo Nemanja e Ana, a neta de Enrico Dandolo, dux de Venecia.

Mosteiro de Mileševa, construído polo rei Vladislav entre 1234 e 1236.

Vladislav derrocou ao seu medio irmán maior, o rei Estevo Radoslav, coa axuda do seu sogro Iván Asen II de Bulgaria, adoptando o nome real de Stefan.

Con este cambio substituiuse a influencia do Despotado de Epiro que caracterizou o reinado de Radoslav por unha maior presenza búlgara na política serbia.

Estevo Vladislav asumiu o trono de Serbia tras de ser coroado polo seu tío Sava de Serbia, arcebispo de Serbia (San Sava).

En 1237, Vladislav trasladou o corpo de San Sava desde Tarnovo, lugar no que morrera, ao mosteiro de Mileševa.[3]

Despois da morte do seu sogro Iván Asen II, durante a invasión de Batu Kan en Europa Central, e durante a primavera de 1243, Estevo Vladislav foi derrocado polo seu irmán menor, Estevo Uroš.

Crese que este permitiulle a Vladislav gobernar o Principado de Zeta ou, en calquera caso, non o apartou completamente dun papel activo no goberno.[3]

Do seu matrimonio con Beloslava de Bulgaria, filla de Iván Asen II, Estevo Vladislav tivo tres fillos:

  1. Estevo Vladisavljević
  2. Desa Vladisavljević, que foi župan (1281-1285)
  3. Unha filla, de nome descoñecido, que casou con Djure Kačić, Knez de Omiš.

Tras a súa morte, acontecida non antes de 1264, os seus restos foron depositados no mosteiro de Mileševa, a onde levara os do seu tíuo San Sava.[4]

A bandeira de Serbia[editar | editar a fonte]

Reconstrución da bandeira de Serbia tal como a describe un documento de 1281.

A descrición máis antiga coñecida dunha bandeira de Serbia é a que se fai en 1281 dunha bandeira no tesouro do rei Estevo Vladislav (1233–1243), que se encontrou na República de Dubrovnik.

A descrición é: "vexillum unum de zendato rubeo et blavo", unha bandeira de tea vermella e azul (zendato-čenda un tipo de tea lixeira, sedosa),[5]

Porén non se sabe como era o padrón das cores; a bibanda horizontal que se mostra á esquerda ás veces utilízase en conmemoracións de eventos medievais en Serbia.[6]

Como Vladislav reinou desde 1233 até 1243 e morreu despois de 1264, a bandeira é anterior á data en que se describiu, polo tanto probabelmente se utilizara xa ao redor de mediados do século XIII.

Esta bandeira utilizouse até o ano 1918, en que se substituiu pola actual tricolor eslava.

Predecesor:
Estevo Radoslav
Rei de Serbia
12331243
Sucesor:
Estevo Uroš I

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1234, segundo outras fontes.
  2. Ostrogorsky, Georges (1984): Historia del Estado Bizantino. Ediciones AKAL. ISBN 8473396901, páx. 571
  3. 3,0 3,1 Foundation for Medieval Genealogy Serbia (en inglés) Consultada o 8/2/2012.
  4. Find a Grave Stefan Vladislav Nemanjic, I Consultada o 8/2/2012.
  5. D. Samardžić, Vojne zastave Srba do 1918, Beograd: Vojni muzej, 1983.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estevo Vladislav I

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • John V.A. Fine Jr., The Late Medieval Balkans, Ann Arbor, 1987.

Outros artigos[editar | editar a fonte]