Estevo Nemanja

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santo Estevo Nemanja, ou San Simeón (Estevo Nemanja)
Pintura mural no Mosteiro de Studenica, (1313-1314).[1]

Estevo Nemanja (en eslavo eclesiástico, Стѣфань Неманя; en serbio cirílico, Стефан Немања; en latino, Stefan Nemanja; pronunciación AFI,ˈstɛfaːn 'nɛmaɲa) nado contra 1113,[2] e falecido o 13 de febreiro de 1199[2], foi un gobernante medieval serbio, gran župan de Raška, e fundador da dinastía Nemanjić, que gobernou o Reino de Serbia, que os seus sucesores converteron no Imperio serbio, o estado serbio máis poderoso de todos os tempos.[2]

Considérase, xunto co seu fillo, Rastko Nemanjić (San Sava), o pai da Igrexa Ortodoxa Serbia. Ao longo da súa vida, patrocinou moitas igrexas e mosteiros, e o últimos anos pasounos nun deles, o mosteiro de Hilandar, no Monte Athos (Grecia), e despois no de Chelandariou onde morreu e foi enterrado o ano 1199.

En 1200 a Igrexa Ortodoxa Serbia canonizouno co nome de San Simeón (San Simón) (en serbio, Sveti Simeon). Os seus restos foron trasladados ao Mosteiro de Studenica o ano 1208, onde prermaneceron até hoxe.[3]

Venerado pola Igrexa Ortodoxa, a súa festividade é o 26 de febreiro (polo calendario gregoriano), 13 de febreiro (polo calendario xuliano).

Orixe e xuventude[editar | editar a fonte]

Estevo Nemanja foi o cuarto e último fillo de Zavida, un nobre serbio emparentado coas dinastías que daquela gobernaban Raška (casa Vukanović por parte do pai), e o Reino de Zeta (casa Vojisavljević por parte da nai).[2] Sobre a vida de Zavida no hai moitos datos, pero da biografía de Estevo Nemanja (escrita polo seu fillo, Estevo Nemanjić, o primero coroado), vese que estaba en conflito cos seus parentes polo poder de Raška, e por iso se refuxiou no reino de Zeta.[4]

A parte de Nemanja, Zavida tivo tres fillos, todos eles maiores ca el:

Igrexa de San Pedro e San Paulo nunha colina de Ras, capital de Rascia (Serbia).
Mosteiro de Djurdjevi Stupovi, fundado por Estevo Nemanja.

Nemanja casou cunha nobre, Ana que, despois dos votos monásticos adoptou o nome de Anastazia.[3]

Con ela tivo cinco fillos:[6]

Hoxe en día considérase que Nemanja naceu en 1113[2] [3] en Ribnica preto da cidade de Podgorica, pero esta afirmación non se constatou nas fontes daqueles tempos. Como en Ribnica non existían máis que igrexas católicas, Estevo Nemanja foi bautizado segundo "os costumes latinos" e, cando a súa familia volveu a Raška, volvérono a bautizar segundo os "costumes gregos" na Igrexa de San Pedro e San Paulo de Ras, a capital de Raška.[4]

En Zeta, Nemanja casou coa nobre Ana, entre os anos 1130 e 1135. Crese que Zavida volveu cos seus fillos a Raška grazas a invitación do gran župan Uroš II (1146-1162) e que, nesta ocasión, lle devolveu as terras.[3] Os historiadors interpretan este xesto de Uroš como un intento de asegurar a retagarda do seu futuro ataque ao Imperio bizantino, que se efectuou o ano 1149.[3]

Goberno[editar | editar a fonte]

Nemanja como župan[editar | editar a fonte]

O gran župan de Raška, Uroš II, era vasalo do emperador bizantino Manuel I Comneno. Uroš rebelouse varies veces contra o poder bizantino e intentaba independizarse coa axuda do Reino de Hungría (que naqueles tempos estaba en guerra co Imperio bizantino polo control do Srem), pero sen éxito. Contra 1161, Uroš II foi derrocado e no seu lugar quedou Desa, que tamén se rebelou contra Manuel I, así mesmo sen sorte, e o ano 1162 Manuel I venceuno e levouno a Constantinopla.

Nesa ocasión, doou algúns territorois a Nemanja e aos seus dous irmáns, Miroslav e Stracimir. Desta maneira, Estevo converteuse en župan de Ibar, Toplica, Rasina e Reke. Despois, Manuel I devolveulle a Desa o título de gran župan de Raška,[5] pero este volveu a rebelarse contra o dominio bizantino o ano 1168. Manuel I volveuno a vencer e a destiktuír, desta vez definitivamente. Despois dividiu as terras de Raška entre Nemanja e os seus irmáns, e a Tihomir, o maior dos irmáns, proclamounono gran župan.

O ano 1162, cando o emperador Manuel I preparaba a batalla contra os húngaros, outorgoulle a Nemanja o honor de gobernar a rexión de Dubočica (hoxe Leskovac). Pouco despois deste acontecemento, Nemanja comezou a edificar o mosteiro de San Nicolás de Kuršumlija, e o de Verge.[4] Na biografía de Nemanja, dise que as obras nestes dous mosteiros foron a causa do descontento dos seus irmáns que lle botaron en cara que facía as cousas sen consultalos e sen o seu permiso. De todos os xeitos, é máis probábel que aos irmáns de Nemanja non lles gustara a inclinación que tiña cara ao Imperio bizantino, un comportamento contrario ao dos župans de Raška, que levaban máis de medio século intentando librarse do seu dominio. Ademais, pensaban que Nemanja intentaba obter o título de gran župan coa axuda dos bizantinos e a Igrexa, e que por iso comezou a edificar os mosteiros.

A Serbia de Estevo Nemanja (1190-1202).
O rei Estevo I Nemanja.

Por outra parte, Nemanja si que intentou facerse co título de gran župan coa axuda dunha parte da nobreza de Raška, acusando a Tihomir e aos seus irmáns de levar unha política bizantifóbica, completamente contraria á política de Raška até ese momento. Nunha reunión que se convocou con este motivo, Nemanja foi capturado cos seus partidarios cando estaba a punto de converterse no gran župan de Raška.

O primeiro Reino de Serbia[editar | editar a fonte]

Os irmáns de Nemanja obtiveron axuda militar do emperador bizantino, Manuel I Comneno, pero no ano 1169 sufriron unha derrota ante as tropas alemás de Nemanja en Panti, preto do castelo de Zvečani.[7]

A maioría dos bizantinos afogáronse no rio Sitnica.[2] [3] [5] Tihomir tivo o mesmo destino, mentres que Stracimir e Miroslav foron capturados polos soldados de Nemanja, que lles perdoou a vida e todo o mal lle fixeran, e puideron volver ás súas terras para gobernar; el, converteuse no gobernador indiscutíbel de Raška.

Xusto despois da batalla de Pantin, Nemanja atacou ao knez de Zeta, incorporando a Raška gran parte do territorio do actual Montenegro, así como a rexión do río Neretva.[5]

No outono de 1191, o exército bizantino, ben preparado e baixo o mando do propio emperador Isaac II Angelus , enfrontouse con Nemanja e as súas forzas en Moravia do Sur (Južna Morava). Stefan Nemanja sufriu unha derrota terríbel, que fixo que tivera que retirarse ás montañas. Os bizantinos irrumpiron en todas as terras ao redor das beiras do río e queimaron incluso a Corte de Stefan en Kuršumlija. Pero Nemanja tiña vantaxe táctica e comezou o asalto dos exércitos bizantinos, polo que o emperador Isaac decidiu negociar un tratado de paz definitivo. Stefan Nemanja tivo que renunciar a gran parte das súas conquistas, ao leste do río Velika Morava e recoñecer o dominio supremo do emperador bizantino, mentres que o emperador recoñeceu como o lexítimo gran župan. Para simbolizar a paz definitiva, Estevo, fillo de Nemanja, casou coa princesa bizantina Eudoxia Angelina e recibiu o título de Sebastokrator, un dos máis altos títulos bizantinos, só concedido a membros da familia do emperador. O emperador, que só buscaba separar aos serbios dos búlgaros, retivo Niš e Ravno; mentres que as terras de Zeta, Kosovo, Metohija e algunhas zonas de Albania pasaron a Estevo Nemanja.

Abdicación e vida monástica[editar | editar a fonte]

O 25 de marzo de 1196, Nemanja convocou un Consello en Ras, e abdicou en favor do seu segundo fillo, Estevo, a quen legou todas as súas posesións. Esta decisión non estaba de acordo co tradicional dereito de primoxenitura, conforme ao cal Vukan, o seu primeiro fillo, debería herdar o trono. O que non foi aceptado por Vukan.

Nemanja fixo votos monásticos coa súa esposa Ana na Igrexa de San Pedro e San Paulo de Ras e adoptou o nome monástico de Simeón (Simón). A súa esposa tomou o de Anastasia. Simeón retirouse posteriormente ao seu Mosteiro de Studenica e Anastasia ao da Nai de Cristo en Kuršumlija.

Tras numerosos rogos do seu fillo Sava (orixinalmente Rastko), Simeón deixou o Monte Athos e reuniuse con el en 1197 no Mosteiro de Vatopediou. En 1199, os dous xuntos reconstruíron as ruínas do mosteiro de Chelandariou entregado ao pobo serbio polo emperador bizantino, que se converteu no cerne da cultura espiritual serbia.

Simeón morreu neste mosteiro, asistido polo seu fillo Sava, o 13 de febreiro de 1199, diante da icona da Virxe Hodegetria, aos 86 anos. Foi enterrado nos terrnos do mosteiro. As súas derradeiras palabras foron pedir que Sava levara os seus restos a Serbia, "cando Deus o permita, despois dun certo período de tempo". Sava escribiu a Liturxia de San Simeón na honra de Nemanja.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O seu nome secular foi, en eslavo eclesiástico, Стѣфань Неманя (Stefan Nemanja), que foi canonizado como San Simeón. Foi arcebispo dos serbios, e pai de San Sava, fundador da Igrexa Ortodoxa Serbia independente.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Veselinović A, Ljušić R.Srpske dinastije. Novi Sad 2001. ISBN 86-83639-01-0
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Fajfirić Ž. Sveta loza Stefana Nemanje, Šid 1998 [1]
  4. 4,0 4,1 4,2 Stefan Prvovenčani.Žitije Svetog Simeona
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Stanoje Stanojević. Istorija srpskog naroda, Belgrado, 1926 ISBN 86-81459-06-6
  6. 6,0 6,1 6,2 Xenealoxía dos Nemanjić
  7. Domentijan, Žitije Svetog Simeona

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Estevo Nemanja

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fine, John V. A. (1991): The early Medieval Balkans: A Critical Survey from the 6th to the Late 12th Century. The University of Michigan Press. ISBN 0-472-08149-7
  • Fine, John V. A. (1994): The Late Medieval Balkans: A Critical Survey from the Late Twelfth Century to the Ottoman Conquest. The University of Michigan Press. ISBN 0-472-08260-4
  • Judah, Tim (1997): The Serbs: History, Myth & the Destruction of Yugoslavia. Yale University Press.
  • Mandic, O. Dominic (1970): Croats and Serbs: Two old and different Nations. Dispoñíbel en www.magma.ca/~rendic.
  • Pavlowitch, Stevan K. (2002): Serbia: the History behind the Name, Hurst & Company.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]