Embriaguez
A embriaguez (ebriedade ou, vulgarmente, borracheira e mona) consiste nun estado de alteración das facultades mentais e motrices do corpo a consecuencia dun consumo excesivo de alcohol cuxa presenza en sangue alcanza un determinado nivel que chega a provocar unha intoxicación etílica. A persoa nese estado denomínase ebrio ou borracho (máis tecnicamente, dipsómano), e, se a mesma situación se repite frecuentemente, se cualifica de alcohólico, concepto que xa adquire matices de adicción e conduta patolóxica, con danos para a saúde.
O termo pode empregarse tamén noutros sentidos figurados, cando se trata de expresar uns sentimentos moi exaltados que poden ofusca-la razón, falando, así, de estar embriagado de amor ou pola emoción; tamén pode aplicarse a perfumes ou esencias.
Índice |
A embriaguez como patoloxía[editar]
Considérase un estado patolóxico cando se trata dunha intoxicación aguda, que xera cadros con alteración completa do comportamento. Poden describirse catro tipos básicos: embriaguez violenta, excitomotora, convulsiva e, finalmente, delirante.
Resposta social á embriaguez[editar]
En xeral, a consideración social do costume de consumir bebidas alcohólicas é variable segundo o ámbito, as circunstancias, etc., e en moitas ocasións existe unha aceptación social que o valora positivamente –e, ó contrario, unha desaprobación ante o rexeitamento do seu consumo-. De feito, en practicamente tódolos actos colectivos nos que forma parte unha comida -formal ou non- acompáñanse de consumo de bebidas alcohólicas. Isto non empece que tamén sexa común a reprobación da embriaguez ante a incapacidade de quen chega a este estado de controla-lo seu comportamento e as molestias que poden causar ós que lle rodean.
Tamén o alcoholismo recibe normalmente unha consideración social pexorativa que soborda o seu carácter de enfermidade.
A relixión católica non condena o consumo de alcohol se se fai con moderación; é dicir, castiga o abuso, como o fai con outras realidades (como a comida). Outras relixións, como a musulmá, si que prohiben as bebidas alcohólicas polos posibles problemas sociais e de saúde que poden traer, así como por desviar do pensamento en Deus. Tamén os budistas rexeitan o consumo de alcohol por obstaculiza-la meditación.
Aspectos legais da embriaguez[editar]
A embriaguez, en si mesma, non é delito, e mesmo se pode considerar como atenuante cando se interprete como un trastorno mental transitorio que anula á propia vontade, sempre e cando o estado de embriaguez non sexa habitual.
As Normas de Circulación impoñen determinadas sancións, en forma de multa e retirada de puntos no carné de conducir, se se superan determinados niveis de alcohol en sangue cando se conduce un vehículo. Ademais, obrigaron a unha modificación do Código Penal para considerar delito a condución con niveis superiores a 0,60 miligramos de alcohol en aire expirado, delito penado con penas de prisión de 3 a 6 meses ou traballos en beneficio da comunidade.
No dereito laboral pode ser causa de despido procedente.
A borracheira na cultura popular[editar]
Os sucesivos estadíos polos que vai pasando quen bebe son comparados por unha lenda árabe cos seguintes animais:
- Mono: na fase de excitación o individuo presenta un comportamento inquieto, faladeiro, mesmo gracioso, pero segue sendo consciente dos seus actos e das súas palabras. Móstrase menos inhibido e aumenta a súa locuacidade, elocuencia e sociabilidade.
- León: á anterior segue unha fase de confusión, na que o bebedor pode mostrarse agresivo e actuar dunha forma irreflexiva e, ás veces, violenta coas cousas ou as persoas que o rodean.
- Porco: na última fase, xa de completa embriaguez, o bébedo perde o control, anda cambaleándose, vomita e e mesmo cae ó chan.
A borracheira na cultura popular galega[editar]
Refraneiro[editar]
- A beber viño nunca me gañou veciño.
- A xente ve o que bebo, mais non ve a sede que teño.
- A auga non emborracha, nin enferma nin entrampa.
- A xogueta e a bebedela botan as casas por terra.
- Alegre, alegrete, arranca-carrascos e tente-bonete. [1]
- Bebamos, hastra que non nos vexamos.
- Borracheira de auga non emborracha.
- Cando o borracho ronca, o viño no barril apousa.
- Debaixo dunha mala capa hai un gran bebedor.
- Deus te garde de amigo reconciliado, de can atado, de borracho irado e de home arroutado.
- Ninguén que beba viño chame borracho ó seu veciño.
- Ninguén se emborracha co viño da súa casa.
- Nosa Señora dos Arcos, avogada dos borrachos. [2]
- O amor e o viño sacan ao home de tino.
- O borracho logo solta o que ten no papo.
- O que se dá á bebida ben pouco estima a súa vida.
- O viño das cepas vellas quenta as orellas.
- O viño do Ribeiro ten sona de paroleiro.
- O viño ten tres propiedades: facer durmir, facer rir e as cores saír.
- Por un amigo non é pecado que se emborrache un home honrado.
- Quen bebe un pouco, bebe un pouco máis.
- Por san Martiño cae máis auga do que o borracho bebe viño.
- Un gotiño de augardente deixa o estómago quente e fai ó home forte e valente.
- Viño en sopas non emborracha.
Cantigueiro[editar]
- O cuco canta no monte/ e na torre a cigoña,/ o paxariño na gaiola/ e o borracho na taberna.
- O cura vendeu, vendeu,/ e non tiña que vender,/ vendeu o rabo da besta/ ¡borrachón! para beber.
- Para cantar e beilar,/ as nenas da Pelengrina;/ para beber a perrita,/ as borrachonas de Elviña [3].
- Sempre suspirei, de moza,/ por un guapo labrador,/ agora tamén o teño/ borrachón e xogador.
Locucións[editar]
- Andar feito unha cuba: estar completamente borracho.
- Coller unha mosca: emborracharse.
- Comprar unha mula: emborracharse.
- Estar borracho coma un pelexo
- Estar coma unha cuba
- Pesarlle a un a cabeza máis cós pés: non terse en pé como consecuencia do estado de embriaguez.
- Pillar unha merluza: castelanismo por coller unha borracheira.
- Ser un borrachelas: dado á bebida, aínda que sen chegar a ser un borracho habitual.
- Te-la lingua grosa: estar bébedo e mostrar dificultades na fala.
Léxico relacionado[editar]
Emborracharse[editar]
A acción de emborracharse, como os termos borracheira e borracho, reciben en Galicia numerosas denominacións, descritivas ou eufemísticas. Nesta sinonimia tan ampla inflúen diversos factores, como o rexistro do falante (culto, coloquial, vulgar) ou os distintos graos que se poden presentar, desde o resultante do consumo de pequenas cantidades, que causan contenteira, ata a borracheira absoluta. Inclúense tamén algúns castelanismos que, por razóns eufemísticas, adoitan utilizarse para referirse a determinados feitos como o que nos ocupa, ou de carácter sexual ou escatolóxico:
- Aballoarse, acamballarse, achisparse, afumarse, embebedarse, embriagarse, empiparse, encherse, enchisparse.
Borracho[editar]
- Aballoado, achispado, aforador, afumado, alegre, alustrado, bébedo, bebido, borracheiro, borrachel, borrachento, borrachín, caneco, chiquiteiro, chispo, dipsómano, ebrio, embriagado, mamado, peneco, peneque, tomado.
Coa palabra borracho e borracha desígnanse tamén outras realidades:
- Borracho:
- Borracha:
- Bota para o viño.
- Denominación de distintos moluscos gasterópodos mariños, como a Aplysia punctata, semellante a unha lesma de gran tamaño (tamén se chaman lesmas de mar), que deitan unha tinta de cor violácea escura.
- Peixe tamén denominado choupa (Spondyliosoma cantharus), chamado así polas manchas que presenta no seu corpo, que semellan ás que deixa o viño tinto na roupa.
- Buxaina.
Co nome de borrachiños desígnase:
- Os froitos do érbedo (denominación recollida no este de Lugo e concellos galegofalantes de Asturias, como Navia ou Coaña, e do Bierzo; en Santander: borrachos). O seu consumo, en ben maduros, producen síntomas similares á borracheira.
- Uns biscoitos ou chulas feitas con pan mollado en viño ou xerez, salferidas de azucre. Cómense como sobremesa.
Borracheira[editar]
- Asturiana, bebedeira, bebedela, borrachea, cagallón, calcada, candonga, candorga, carena, carpanta, carrada, chea, chispa, coello, cogorza, curda, ebriedade, embriaguez, filomena, gaita, galumera, jesusa, larada, lona, lorbaga, lupanda, merda, merluza, mona, pea, pedo, pelica, petenera, raposa, talanguera, talanquera, taranqueira, tallada, temulencia, toalla, tralla, tranca, trompa, trusca, turca.
Tamén recibe o nome de borracheira unha planta gramínea, máis coñecida como xoio (Lolium temulentum, en castelán cizaña), que crece entre os campos de trigo ou cebada e produce unha espiga cuns grans ricos en temulina, substancia que, mesturada coa fariña, fai que o pan feito con ese cereal contaminado con estoutra gramínea produza vértixes e alteracións semellantes a unha borracheira.
Notas[editar]
- ↑ Son os graos da bebedela.
- ↑ Álvarez Blázquez recólleo como refrán na súa compilación do Refraneiro do Viño, sen explicación de que "Nosa Señora dos Arcos" se trata.
- ↑ O colector desta cantiga, Pérez Ballesteros, explica que "Pelengrina é unha parroquia do Burgo, próxima á Coruña"; actualmente, O Burgo é lugar e parroquia do concello limítrofe de Culleredo, e nin Pelengrina nin forma parecida figuran no Nomencátor. Elviña é parroquia próxima á Coruña. Segundo Eladio Rodríguez, a perrita é unha "copa de aguardiente de caña, que tomaban en La Coruña los pescadores y marineros en ayunas, para entonar el estómago, al salir a sus faenas. Esta costumbre antigua llamábase 'toma-la perrita', y desapareció en la primera veintena del actual siglo" (refírese ó século XX).
Véxase tamén[editar]
Outros artigos[editar]
Bibliografía[editar]
- ANÓNIMO (X. M. Álvarez Blázquez): Refraneiro do viño. Ed. Castrelos. Col. O Moucho. Vigo 1974.
- GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe. Universidade de Santiago (VERBA, anexo 27), Compostela 1985.
- LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
- MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor. Lugo 1977.
- NOIA CAMPOS, Camiño, e outros: Diccionario de sinónimos da lingua galega. Galaxia, Vigo 1997.
- PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
- VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: en Diccionario de Diccionarios
- VARIOS: Diccionario normativo galego-castelán. Galaxia, Vigo 1992.
- VARIOS: Diccionario Xerais da lingua. Xerais, Vigo 1988.