Cratino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaCratino
Nome orixinal(grc) Κρατῖνος Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoc. 500 a. C. Editar o valor em Wikidata
Atenas, Grecia Editar o valor em Wikidata
Morte423 a. C. ↔ 421 a. C. Editar o valor em Wikidata (74/84 anos)
Datos persoais
País de nacionalidadeAntiga Atenas Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióncomediógrafo Editar o valor em Wikidata
Período de actividade(Con vida en: século V a. C. Editar o valor em Wikidata)
MovementoOld Comedy (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaGrego antigo Editar o valor em Wikidata

Find a Grave: 86236752 Editar o valor em Wikidata

Cratino (en grego: Κράτινος), nado en 520 a.C. e finado en 421 a.C., foi un comediógrafo e dramaturgo grego representante da Comedia Antiga. Formou parte do canon dos poetas cómicos xunto con Aristófanes e Éupolis[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cratino nace arredor do ano 520 e morre pouco despois do 423. A información que temos sobre a súa vida persoal é escasa xa que a maioría dos testemuños son indirectos, recuperados de textos literarios e epigráficos. A Suda[2] recolle que o nome do seu pai era Calimedes, de procedencia ateniense, e el mesmo foi taxiarca. A súa primeira vitoria foi  entre os anos 456-453 a.C.[3] e parece que as súas comedias  saíron gañadoras en nove ocasións, seis nas Dionisias e tres veces nas Leneas. No 423 obtén a súa derradeira vitoria coa Botella (Pytine), a súa obra máis recoñecida.

Aristófanes fai referencia á morte de Cratino na Paz (vv. 700-703)[4], representada no 421, polo que morrería pouco antes, á idade de 97 anos[5].

É moi famosa á afección de Cratino polo viño, obxecto frecuente de burla nas comedias de Aristófanes. Así na Paz[6]  indica como causa da súa morte a impresión que lle causou ver romper un tonel de viño, e na parábase dos Cabaleiros (526-536) se describe a Cratino como un poeta vello e xa incapaz de compoñer obras coa forza e calidade como as que fixera noutro tempo, debido á súa excesiva querenza pola bebida. En resposta, o comediógrafo reacciona compoñendo a Botella (Pytine)[7].

Obras[editar | editar a fonte]

  • Arquílocos (Archilochoi)  (frs. 1-16 K-A).
  • Boieiros (Boukoloi) (frs. 17-22 K-A)
  • Busiris (Bousiris) (fr. 23 K-A)
  • Delíades (Deliades) (frs. 24-37 K-A)
  • Didascalias (Didaskaliai) (fr. 38 K-A)
  • Dionisalexandre (Dionysalexandros) (frs. 39-51 K-A). (430-429 a.C.)
  • Dionisos (Dionysoi) (fr. 52 K-A)
  • As fuxitivas (Drapetides)  (frs. 53-68 K-A)
  • Euménides (Eumenides) (frs. 69-70 K-A)
  • As fillas de Euneo (Euneidai) (frs. 71-72 K-A)
  • Tracias (Thrattai) (frs. 73-89 K-A)
  • Os homes en lume (Empipramenoi) ou Ideos (Idaioi) (frs. 90-91 K-A)
  • Cleobulinas (Kleoboulinai) (frs. 92-101 K-A)
  • Laconios (Lakones) (fr. 102 K-A) (422-421 a.C.)
  • Mexeriqueiros (Malthakoi) (frs.103-113 K-A)
  • Némese (Nemesis) (frs. 114-127 K-A) (431 a.C)
  • Leis (Nomoi) (frs.128-142 K-A)
  • Odiseos (Odysseis) (frs. 143-157 K-A)
  • Omnividentes (Panoptai) (frs. 158-170 K-A)
  • Plutos (Ploutoi) (frs. 171-179 K-A)
  • Xuntanza en Pilos (Pylaia) (frs. 180-192 K-A)
  • Botella (Pytine) (frs. 193-217 K-A) (423 a.C., gañadora do 1º premio nas Dionisias)
  • Sátiros (Satyroi) (424 a.C., gañadora do 2º premio nas Leneas)
  • Serifios (Seriphioi) (frs. 218-232 K-A) (423-422 a.C.)
  • Trofonio (Trophonios) (frs. 233-245 K-A)
  • Homes na treboada (Cheimazomenoi) (425 a.C., gañadora do 2º premio nas Leneas)
  • Quirones (Cheirones) (frs. 246-268 K-A)
  • Horas (Horai) (frs. 269-298 K-A)
  • Fragmentos de obras incertas (frs. 299-504 K-A)
  • Fragmentos dubidosos (frs. 505-514 K-A)

Obras individuais[editar | editar a fonte]

Botella[editar | editar a fonte]

É a obra máis célebre de Cratino[8][9] (423 a.C.). Compúxose como resposta á crítica que fixo del Aristófanes nos Cabaleiros, onde describe a decadencia física e literaria do poeta:

Se non te odio, que me converta na pel de cordeiro na casa de Cratino [...][10]

Referencia ás peles que utilizaba Cratino como manta para facer fronte á incontinencia de urina que lle causara a súa afección á bebida

Pero agora, cando o vedes dicir necedades, non vos compadecedes del; dende que á súa lira se lle caen as tarraxas, se lle saltan as cordas e se perden as harmonías, o pobre vello vaga o mesmo que Connas, cinguida a fronte dunha seca coroa e morto de sede, el que polos seus primeiros triunfos merecía beber no Pritáneo e en vez de delirar na escena, presencia perfumado o espectáculo sentado xunto á estatua de Dioniso.[11]

Cratino respóndelle con esta comedia onde el mesmo é o protagonista e ten descoidada a súa esposa a Comedia desde que se fixo amante da Botella.

Dionisalexandre[editar | editar a fonte]

O argumento desta comedia pódese reconstruír a partir da hipótese transmitida nun papiro descuberto no 1904 por Grenfell e Hunt e publicado ese mesmo ano (POxy IV, 663). Trátase dunha reescritura cómica do episodio mitolóxico do xuízo de Alexandre (Paris), que nalgún momento da obra é suplantado por Dioniso. A escena desenvólvese no monte Ida e, aínda que primeiro se pensou que o coro estaba formado por sátiros, agora se considera que este era secundario e o principal era de pastores.

A trama da obra coñécese bastante ben a partir da parábase, cando Dioniso entra de novo, disfrazado ridiculamente como Alexandre e os sátiros se burlan del. A continuación segue os xuízo de beleza das deusas, a asignación da vitoria a Afrodita e o rapto de Helena. Cando os aqueos, en vinganza por el, comezan a devastar o territorio do monte Ida e a buscar a Alexandre, Dioniso, por medo, transfórmase nun carneiro e agocha a Helena. Cando se presenta o verdadeiro Alexandre, desenmascara a parella de fuxitivos e ten a intención de entregarllos aos aqueos, pero cede ante as pregarias de Helena e mantena con el mentres entrega a Dioniso. No éxodo, Dioniso marcha da escena acompañado polos sátiros, que reafirman a súa fidelidade ao deus. As últimas liñas (44-48) informan de que a comedia tiña un contido político e atacaba a Pericles por ter levado á guerra os atenienses.

Odiseos[editar | editar a fonte]

Analogamente ao Ciclope de Eurípides, Odiseos é a reescritura do episodio narrado no canto IX da Odisea do encontro de Odiseo e os seus compañeiros co antropófago ciclope Polifemo, co que se atopan no curso da súa longa peregrinación a Ítaca dende Troia, unha vez rematada a guerra. Coa súa proverbial astucia Odiseo consegue fuxir do monstro Polifemo con parte dos seus amigos.

Plutos[editar | editar a fonte]

Aínda que se conservan poucos fragmentos desta obra, o seu argumento pode reconstruírse a partir da hipótese transmitida nun papiro (POxy. 663). Ante a situación de corrupción na época presente, os titáns son liberados e buscan a Crono para que reinstaure a antiga Idade de Ouro. Nos fragmentos conservados aparece parodiado o automatismo que a caracteriza, presentando unha absurda fartura de alimentos, que aparecen nos lugares máis insospeitados ofrecéndose sen esforzo aos humanos. Representa un exemplo de descrición idealizada da Idade de Ouro coa amplificación do motivo gastronómico.

Temas[editar | editar a fonte]

Temas mitolóxicos[editar | editar a fonte]

O mito ten na obra de Cratino un papel moi relevante e aparece en boa parte da súa produción literaria. Cerca dun terzo dos títulos conservados son nomes de personaxes mitolóxicos e nalgunhas obras constitúe o motivo central. O tratamento literario non é sempre o mesmo.

Reelaboración de episodios épicos[editar | editar a fonte]

Cratino elabora unha crítica racional do mito, fai referencia á situación política e representa situacións absurdas. Por exemplo, nos seus Odiseos reelabora comicamente o canto IX da Odisea[12].

Comedias mítico-políticas[editar | editar a fonte]

Cratino emprega o mito como un instrumento para facer escarnio dos políticos do seu momento. O político vese reflectido na comedia por alusións en comportamentos dos personaxes do mito. O humor tamén se consegue a través doutros recursos como o transformismo ou a representación de episodios míticos descoñecidos ata ese momento. Son exemplos disto o Dionisalexandre e Némese[13].

Idade de ouro[editar | editar a fonte]

Este tópico da degradación moral do mundo na literatura grega ten as súas orixes en Hesíodo. Cratino emprégao de xeito moralizante e didáctico para resolver os problemas de actualidade, como parte do plan cómico. A este grupo pertencen Quiróns, Plutos e Leis[14].    

Temas literarios[editar | editar a fonte]

Cratino levaba ao escenario a poetas do pasado, representantes de distintos xéneros poéticos. É o caso dos Arquílocos, unha homenaxe aos poetas que cultivaron a poesía iámbica da que deriva a comedia. Parece que no agón se producía un enfrontamento entre eles e os poetas épicos (Homero e Hesíodo)[15].

Temas relixiosos e filosóficos[editar | editar a fonte]

Na habitual liña conservadora dos comediógrafos, nas obras de Cratino hai unha dura crítica ás innovacións na vida relixiosa e a introdución de cultos estranxeiros[16].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Test. 27 K.-A.
  2. K 2344
  3. IG II2 2325. 50
  4. Test. 10 K.-A.
  5. Test. 3 K.-A.
  6. Test. 10 K.-A.
  7. Escolia in Ar. Eq. 400 A
  8. Bakola 2010:59-63
  9. Frag. 130-133
  10. Aristófanes, Cabaleiros, vv. 400-401
  11. ibid. vv. 532-537
  12. Melero 1996:123-125
  13. ibid. pax. 125-128
  14. ibid. pax. 128-129
  15. ibid. pax. 129-130
  16. ibid. pax. 130

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Edición de referencia: Kassel, Rudolf e Austin, Colin. Aristophon - Crobylus, Berlin, Boston: De Gruyter, 1983.

Estudos e artigos[editar | editar a fonte]

  • Bakola, Emmanuela. Cratinus and the Art of Comedy, Oxford: Oxford University Press, 2010.
  • Bianchii, rancesco Paolo. Archilochoi-Empipramenoi (frr. 1-68). VA, Verlag Antike, 2016.
  • Melero, Antonio. “Mito y política en la comedia de Cratino”. Sociedad, política y literatura: comedia griega antigua. Ed. Antonio López Eire. Salamanca, 1996. 117-132.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Entrada enciclopédica[editar | editar a fonte]

Edicións en rede dos fragmentos de Cratino[editar | editar a fonte]

Imaxes dos papiros de Oxirrinco[editar | editar a fonte]