Polifemo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Odiseo na cova de Polifemo, Jacob Jordaens, primeira metade do século XVII.

Na mitoloxía grega, Polifemo (en grego antigo Πολύφημος Polyphêmos, ‘de moitas palabras’) é o máis famoso dos cíclopes, fillo de Poseidón e da ninfa Toosa. Acostúmase representar como un xigante barbudo cun só ollo na fronte e as orellas puntiagudas dun sátiro.

Polifemo na Odisea de Homero[editar | editar a fonte]

No canto IX da Odisea de Homero, unha partida de recoñecemento encabezada por Odiseo, o heroe da Guerra de Troia, chegou á illa dos Cíclopes e aventurouse nunha gran cova. Nela entraron e empezaron a comer a comida que alí había. Non sabían que dita cova era o fogar de Polifemo, quen pronto atopou aos intrusos e pechounos nela. Logo empezou a devorar a varios deles, pero Odiseo urdiu un astuto plan para fuxir.

Para facer que Polifemo se confiase, Odiseo deulle un barril cheo de viño moi forte sen augar. Cando Polifemo preguntoulle o seu nome, Odiseo díxolle que se chamaba ουτις outis, un nome que pode traducirse como «Ningún home» ou «Ninguén». Cando o xigante, bébedo, caeu durmido, Odiseo e os seus homes tomaron unha lanza fraguada e craváronlla no único ollo de Polifemo. Este empezou a berrarlle aos demais cíclopes que «Ninguén» o ferira, polo que entenderon que Polifemo toleara, chegando á conclusión de que o maldicira un deus, e polo tanto non interviron. Pola mañá, Odiseo atou aos seus homes e a si mesmo ao ventre das ovellas de Polifemo. Cando o ciclope sacou as ovellas a pastar, palpou os seus lombos para asegurarse de que os homes non as montaban, pois ao estar cego non podía velos. Pero non palpou os seus ventres, e así fuxiron.

Odiseo escapa da cova de Polifemo. Cerámica de figuras negras c. 500 a. C.

Cando as ovellas (e os homes) xa estaban fóra, Polifemo decatouse de que os homes xa non estaban na súa cova. Cando se afastaban navegando, Odiseo gritoulle a Polifemo xactándose de que «Non te feriu ninguén, senón Odiseo!» Desafortunadamente, non sabía que Polifemo era fillo de Poseidón, deus de quen xa se gañara a súa inimizade por profanar o seu templo en Troia e idear o saqueo da cidade, cuxos habitantes tiñan a Poseidón en gran estima (aínda que Poseidón loitara bastante tempo do lado dos gregos segundo a Ilíada). Polifemo lanzou entón unha maldición sobre Odiseo, xunto cunha pesada rocha que caeu tras o barco; debido a isto, Poseidón causoulle gran cantidade de problemas a Odiseo durante todo o resto da súa viaxe.

Polifemo en O Cíclope de Eurípides[editar | editar a fonte]

Esta historia da Odisea cóntase máis humoristicamente no único drama satírico conservado de Eurípides, titulado O Cíclope, no que se lle atribúe ao monstro unha tendencia homosexual.

Polifemo na Eneida de Virxilio[editar | editar a fonte]

No libro III da Eneida, Eneas e os seus compañeiros, tras ser despedidos por Héleno e navegar desde Epiro até Sicilia, encontráronse con Aqueménides, un desventurado compañeiro de Odiseo, abandonado na illa dos Ciclopes. Logo de escoitar as súas súplicas de socorro e ceder ante estas, foron descubertos por Polifemo que, cun pavoroso clamor —que conmoveu o océano— advertiu da presenza dos intrusos ao resto dos ciclopes. Aterrorizados, Eneas, Aqueménides e o resto da tripulación, lograron por fin escapar coa axuda dos ventos.[1]

Acis e Galatea[editar | editar a fonte]

No seu ditirambo Ciclope ou Galatea, o poeta dos séculos V - IV a.C. Filóxeno de Citera tratou por primeira vez o amor desgraciado de Polifemo por Galatea, unha nereida. Seguiuno o poeta grego de Sicilia Teócrito, quen escribiu dous poemas polo ano 275 a. C. sobre dito amor. Posteriormente, Ovidio retomou a trama nas súas Metamorfoses, introducindo o personaxe de Acis, amado de Galatea.

Segundo a versión ovidiana, cando Galatea rexeitou ao ciclope en favor de Acis, un pastor siciliano, Polifemo, celoso, matouno cun croio. Galatea transformou o sangue de Acis nun río de Sicilia que leva este nome. Así Acis transformouse nun deus río.

Segundo algunhas versións, Polifemo acabou sendo pai con Galatea de Gálata, Celto e Ilirio, deuses epónimos dos gálatas, os celtas e os irilios, respectivamente.

A historia da traxedia romántica de Acis e Galatea foi continuada na literatura e música occidentais. Así, por exemplo, na literatura española o poeta barroco Luis Carrillo y Sotomayor é autor da Fábula de Acis y Galatea. Pero, sen dúbida, a versión máis coñecida é a que escribiu Góngora, Fábula de Polifemo y Galatea, que tivo diversas continuacións.[2] Por último, Georg Friedrich Händel estreou en 1718 a ópera Acis e Galatea, cun libreto de John Gay, Alexander Pope e John Hughes.

Outros personaxes mitolóxicos[editar | editar a fonte]

Adicionalmente, un dos argonautas chamábase Polifemo. Axudou a Heracles na súa procura de Hilas, e ambos foron abandonados polo Argo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Virxilio, Eneida III.
  2. Cruz Casado, Antonio (1990). "Secuelas de la Fábula de Polifemo y Galatea: versiones barrocas a lo burlesco y a lo divino". Criticón (49): 51–59. ISSN 0247-381X.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Polifemo