Cooperativa Ourensana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Coren")
Para a comuna francesa, véxase Coren.
Coren
Tipo Cooperativa
Fundación 1959
Matriz Cooperativas Ourensanas
Localización Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense Galicia Galicia
Fundador Eulogio Gómez Franqueira
Industria Alimentación
Páxina web coren.es

Coren (Cooperativa Orensana) é un grupo empresarial baseado en cooperativas avícolas e gandeiras máis importante de Galicia, con presenza en todos os continentes.

Historia[editar | editar a fonte]

No ano 1959 comézase a forxar a nova compañía. Eulogio Gómez Franqueira é nomeado xerente da entón denominada Uteco Provincial. Franqueira comezou entón un proxecto de saneamento da empresa, mercando os produtos en orixe co fin de obter mellores prezos. En 1962 Uteco constitúe a Cooperativa Provincial Ganadera, que lle mercaba a unha empresa norteamericana os polos e os compostos para alimentalos, é entón cando Uteco comeza a construír a fábrica para a creación de compostos baixo a licenza desta empresa, pero as ganas de independizarse da empresa norteamericana, fai que en 1965 rompan o pacto coa americana, e xusto nese ano nace unha cooperativa dedicada exclusivamente a elaboración de compostos para a cria dos animais.

En 1966, a xa denominada Coren pon en funcionamento o matadoiro avícola e a primeira planta de incubación de Galicia, ao mesmo tempo preparábanse para entrar no mercado do vacún. É en 1968 cando as empresas de Coren crean a súa propia rede comercial, e en 1970 constrúese a central leiteira e a clasificadora de ovos no parque empresarial de San Cibrao das Viñas (Ourense), con esta aparición , Coren estende o seu mercado ao gando porcino coa creación dunha nova cooperativa.

En 1975 Coren sae de Galicia e inaugura a primeira planta en Alcobendas (Madrid), e asemade constrúese a segunda fábrica de compostos alimenticios.

Xa en 1987, co ingreso de España na Unión Europea, Coren asumiu para un período de catro anos a representación ante a comunidade de todos os produtores españois de polos e ovos.

En 1990 Coren chega a Portugal por medio de Lourinho Conservas de Carne Ltda.. En 1995 Coren chega a Arxentina, e en 1998 acada Romanía.

No ano 2000 Coren inaugura unha planta de Pensos en Lugo, e unha planta de procesado de pavos en Santa Cruz de Arrabaldo.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]