Chris Marker

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Chris Marker, nado co nome de Christian François Bouche-Villeneuve en Neuilly-sur-Seine o 29 de xullo de 1921 e finado en París o 29 de xullo de 2012[1], foi un escritor, fotógrafo e director de cine francés, a quen se lle atribúe a invención do ensaio fílmico[2].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou o seu traballo como parte do grupo da rive gauche francesa, paralelo pero distinto da nouvelle vague, coa que compartirían posteriormente temas e traballos. A súa obra —case invariablemente documental coa única excepción da peza de ciencia ficción La Jetée— resultou influínte, pero case descoñecida para o gran público. La Jetée, Sans Soleil e os seus ensaios fílmicos sobre Akira Kurosawa (AK) e Andrei Tarkovsky (Une journée d'Andrei Arsenevitch) son os máis coñecidos e accesibles.

Amais do relativo hermetismo dos seus traballos, o descoñecemento encol da figura de Marker foi alimentado por el mesmo; negouse case sistematicamente a conceder entrevistas, e ofrecía versións contraditorias sobre os feitos da súa vida e mocidade.

Primeiras obras[editar | editar a fonte]

Comezou a traballar no cinema a comezos da década de 1950. O primeiro traballo del que se conserva é Olympia 52, un documental sobre os Xogos Olímpicos de Inverno de Oslo 1952 que dirixiu, guionizou e rodou en 16 mm, con produción de Anatole Dauman.

En 1953 dirixiu a curtametraxe Les statues meurent aussi xunto a Alain Resnais, quen formaba xunto con Marker e Agnès Varda o núcleo da rive gauche. Les statues... foi unha obra pioneira do anticolonialismo, explorando a través dunha intensa narración en off o destino das obras de arte africanas asimiladas ao circuíto da explotación comercial en Europa, sen que as acompañase o esforzo por reproducir e conservar o contorno cultural que as producira. Introducidas á forza nun sistema cultural no que a relación co obxecto artístico é a de contemplación desinteresada, os obxectos de arte de África atravesan unha transformación que as separa do seu contexto orixinal, no que formaban parte das prácticas sociais e rituais dos nativos; á súa vez, a súa transformación transforma a vida dos africanos, que producen os seus obxectos ao ritmo e gusto que lles impón a súa comercialización por parte dos colonizadores brancos. Resnais e Marker combinaron na obra os temas culturais da crítica ao etnocentrismo coa marcada politización que caracterizaría o cinema deste último nas súas seguintes obras. Acusaba a influencia do museo imagxinario teorizado por André Malraux: por medio da idea de que o sistema colonial se autolexitima politicamente, ao manter un punto de vista anti-histórico sobre as tradicións e o patrimonio dos pobos dos que se adxudica a administración, a película unía nun mesmo movemento a denuncia do imperialismo cultural e a crítica das disfuncións económicas derivadas dese tipo de réxime. Foi por isto censurada en Francia durante bastante tempo.

En 1955 colaborou de novo con Resnais asistíndoo na dirección de Nuit et Brouillard, con guión de Jean Cayrol, que estivera prisioneiro nun campo de concentración durante a Segunda Guerra Mundial. O documental, de estética mesurada, non se concentra no horror visceral da guerra e o exterminio, como faría despois Shoah, senón que explora, mediante a montaxe de material de arquivo, os medios que o réxime desenvolveu para facer invisible esta experiencia; a néboa do título alude tanto ao sixilo con que se levaban a cabo as deportacións aos campos como ao voluntario veo que o pobo alemán botou sobre a degradación a que os seus veciños e compañeiros foron sometidos.

Tras un hiato duns anos, Marker regresou á dirección plasmando as súas experiencias políticas e etnográficas nos países revolucionarios en respectivos documentais sobre China e a Unión Soviética: Dimanche à Pekin (1956) e Lettre de Siberie (1957). Con estes traballos desenvolveu a pegada persoal da súa obra posterior: o comentario en off, a montaxe dialéctica ao modo de Sergéi Eisenstein —unha escena de Lettre de Siberie honra as teorías soviéticas sobre a montaxe reproducindo tres veces consecutivas a mesma acción, acompañándoa unha vez de comentario pro-soviético, unha segunda dun non comprometido, e finalmente dun antisoviético—, a xustaposición de pasado e presente, a documentación fílmica das contradicións —entre innovación e tradición, ou entre esperanza e represión— na liña da súa filiación política; a produción de Dauman deulle gran liberdade para desenvolver unha linguaxe fílmica propia. Proseguiu o seu traballo nesta liña en Description d'un combat (1960) sobre o conflito israelí, e ¡Cuba sí! (1961), unha mirada amable pero preocupada sobre a Cuba inmediatamente posterior á revolución. Durante eses anos escribiu ademais guións para un documental sobre Django Reinhardt, o premiado documental L Amerique insolite do seu compatriota François Reichenbach e outras curtametraxes.

La Jetèe e o salto á fama[editar | editar a fonte]

O seu recoñecemento internacional chegoulle coa curtametraxe La Jetée (1962), que conta experimentos científicos sobre viaxes no tempo nun mundo post-apocalíptico. Serviu de inspiración entre otros a Terry Gilliam en Twelve Monkeys.

En 1977 Marker rematou de montar Le Fond de l'air est rouge, unha das súas obras máis ambiciosas, onde analiza os movementos sociais que xurdiron en moitos países do mundo a finais da década de 1960, ademais de reflexionar, unha vez máis, sobre as imaxes e a memoria.

En 1982, Sans soleil superou os límites do que se coñece como "documental". É un ensaio, unha montaxe que une partes de documentais e de ficción con comentarios filosóficos, co que crea una atmosfera onírica e de ciencia-ficción. Os principais temas son Xapón, a memoria e a viaxe. O título está tomado dun ciclo de cancións de Modest Mussorgsky. Neste filme comezou a mostrar o seu interese pola tecnoloxía dixital, o que o levou a dirixir as películas Level 5 (1997) e IMMEMORY (1998), un CD-ROM multimedia interactivo producido polo centro Georges Pompidou.

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • Olympia 52 (1952), 82'
  • Les Statues meurent aussi (1953), 30', codirixida por Alain Resnais
  • Nuit et brouillard (1955), 32', axudante de Alain Resnais
  • Dimanche à Pekin (1956), 22'
  • Lettre de Sibérie (1957), 62'
  • Les Astronautes (1959), 15', codirixida por Walerian Borowczyk
  • Description d'un combat (1960), 60'
  • ¡Cuba Sí! (1961), 52'
  • La Jetée (1962), 28', (DVD)
  • Le joli mai (1963), 165'
  • Le Mystère Koumiko (1965), 54'
  • Si j'avais quatre dromadaires (1966), 49'
  • Loin du Vietnam (1967), 115', obra colectiva.
  • Rhodiacéta (1967)
  • A Bientôt, j'espère (1968), 55', codirixida por Mario Marret
  • La Sixième face du pentagone (1968), 28', codirixida por François Reichenbach
  • Cinétracts (1968)
  • On vous parle du Brésil (1969), 20'
  • Jour de tournage (1969), 11'
  • Classe de lutte (1969)
  • Les Mots ont un sens (1970), 20'
  • Carlos Marighela (1970), 17'
  • La Bataille des dix millions (1971), 58'
  • Le Train en marche (1971), 32'
  • On vous parle de Prague: le deuxième procès d'Artur London (1971)
  • Vive la baleine (1972), 30'
  • L'Ambassade (1973), 20'
  • La Solitude du chanteur de fond (1974), 60' (sobre Yves Montand)
  • Le Fond de l'air est rouge (1977), 240' (editada de novo en 1997)
  • Junkiopa (1981), 6'
  • Sans soleil (1983), 100', (DVD)
  • 2084 (1984), 10'
  • From Chris to Christo (1985)
  • A.K. (1985), 71' (sobre Akira Kurosawa), (DVD)
  • Mémoires pour Simone (1986), 61'
  • L'héritage de la chouette (1989), 13 episodios de 26'
  • Berliner Ballade (1990), 25'
  • Le Tombeau d'Alexandre (1992), 120' (DVD)
  • Le Facteur sonne toujours cheval (1992)
  • Le 20 heures dans les camps (1993)
  • Casque Bleu (1995), 26'
  • Level Five (1997), 110'
  • Eclipse (1999)
  • Une journée d'Andrei Arsenevitch (1999), 55' (sobre Andrei Tarkovsky) (DVD)
  • Le souvenir d'un avenir (2001)
  • Chats perchés (2004) (DVD)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Fallece Chris Marker", artigo en La Vanguardia, 30 de xullo de 2012 (en castelán).
  2. "La muerte de un genio", artigo en Tal Cual Digital, 30 de xullo de 2012 (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]