Cheder

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cheder en Meron, Palestina, 1912.

Un cheder ou tamén un cheider (en hebreo חדר, que significa habitación) é un tipo de escola elementar xudía onde se aprenden as bases do xudaísmo e da lingua hebrea.

Historia[editar | editar a fonte]

Os chederes estaban amplamente espallados por Europa antes do remate do século XVIII. As clases dábanse na casa do mestre, a quen lle pagaba a comunidade xudía ou un grupo de pais. Normalmente, só os nenos acudían ás clases dos chederes, mentres que ás nenas recibían as ensinanzas das mais, nas casas. Os chederes eran unitarios, e ían xuntos nenos de distintas idades.

Os nenos entraban na escola aos 5 anos. Despois de aprenderen o alfabeto hebreo e a ler a lingua hebrea, comezaban a estudar a Torah, comezando co Vayikra e o Talmud (Mishna, Gemara, e os comentarios adicionais). Nesa altura, o hebreo era unha lingua relixiosa, e os nenos falaban ídix ou a lingua común do territorio europeo onde se atopaban: polaco, alemán etc. Os nenos aprendían os textos sagrados léndoos en alto e memorizándoos. O período de escolarización no cheder remataba aos 13 ou 14 anos, coa festa do bar mitzvah. Aqueles que querían chegar a ser rabinos ou soferes tiñan que proseguir os estudos nunha iexivot, unha universidade talmúdica. As principais iexivots europeas atopábanse en Worms, Fürth e Praga, que era a mellor considerada, e onde chegaran os xudeus fuxindo dos pogroms medievais.

Contra o final do século XVIII, o sistema de chederes foi criticado tanto polos xudeus ortodoxos como polos liberais haskala. Os ortodoxos apúñanlles que os mestres non tiñan abonda cualificación. Naquel tempo, o salario de mestre era tan baixo que cando menos aqueles que vivían nas vilas pequenas e nas aldeas compartían o seu traballo co de carniceiros, cantantes ou sepultureiros. A miúdo, os nenos avanzaban de nivel unicamente por pagaren máis diñeiro. As críticas dos haskala dirixíanse ao conxunto do sistema, ao que lle apuñan que unha educación que se limitaba á aprendizaxe da lingua hebrea e da relixión illaba os nenos das sociedades en que vivían, e impedía a súa integración. Os haskalas propuñan que se desen clases tamén do idioma local e que o ensino se secularizase. Esta corrente triunfa xa dende o remate do XVIII entre os xudeus alemáns que fundan as escolas da Reforma xudía ou Freischulen (escolas libres). Este movemento e a progresiva introdución do ensino obrigatorio conduciron á desaparición do sistema de chederes, cando menos nos países de fala alemá, se ben continuaron funcionando na Europa Oriental ata os tempos do Holocausto.

Hoxe[editar | editar a fonte]

Nos países occidentais, os chederes funcionan na actualidade como clases de relixión fóra do horario escolar, se ben existen exemplos de escolas privadas xudías que funcionan en horario completo. Este é tamén o modelo de Israel, onde os chederes funcionan como escolas normais.