Campeva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Malladora Campeva en Bouza (Pexeiros, Viana do Bolo).

Campeva (acrónimo de Campolongo rez Varela) foi unha marca galega de maquinaria agrícola[1]. Estivo activa entre 1950 e 1996, e tiña a súa sede en Campo Longo (Vilar, Pontedeume)[2].

Historia[editar | editar a fonte]

A empresa ten os seus antecedentes no obradoiro de ebanistaría e carpintaría aberto por Robustiano Varela Allegue en 1939. En 1947 xunto con José Juan Pérez Medín inventou unha máquina de mallar e limpar cereal, que comezaron a producir en 1950 co nome de “trilladora-aventadora Campeva”. Comezaron producindo entre seis e oito máquinas ao ano, e despois fixeron adaptación para distintos cereais (avea, centeo e trigo) e para as condicións de humidade dos lugares onde fosen operar[3].

En 1956 constituíuse a empresa Talleres Breamo SL, da man de Robustiano Varela, José Juan Pérez, Antonio Bouza Ameneiro, Eugenio Coira García e Jerónimo Barro Lage, xerente da empresa. Amais do obradoiro que fundara Robustiano Varela, a sociedade contaba cunha ferraxería, despois segregada e adxudicada a Antonio Bouza Ameneiro, quen foi substituído na compañía por Juan Ares Feal, xefe de vendas.

En 1960 construíron novas naves industriais, e en 1964 asinaron un convenio coa compañía John Deere para a distribución dos seus vehículos. En 1969 acadaron o maior nivel de produción con 150 máquinas. Amais de distribuírse por Galicia e O Bierzo, vendéronse tamén na Mancha e Valencia, e mesmo se exportaron algunhas unidades a Marrocos e a México.

As máquinas malladoras comezaron a quedar obsoletas coa aparición a finais da década de 1970 das máquinas colleitadoras, polo que a empresa comezou a fabricar este tipo de máquinas, e outras adaptadas para ser acopladas a tractores, como remolques autocargadores, segadoras rotativas de dous tambores (con acoplo frontal ou con acoplo traseiro), colleitadoras de forraxe e trilladoras-empacadoras.

A empresa pechou en setembro de 1996, aínda que algúns dos socios e dos traballadores quixeron mantela activa, se ben non foi posible acadar un plan de viabilidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Talleres Breamo (CAMPEVA)". Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial. 4 de agosto de 2014. 
  2. Lara Coira, M. (2011). "A maquinaria agrícola". En Vázquez Marey, M. Historia Viva (PDF). Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica. p. 126. ISBN 978-84-695-1383-5. 
  3. "Libros de máquinas". Bosende. Motores, Tractores y Maquinaria Agrícola de Época. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]