Bombardier CRJ700/900/1000

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bombardier CRJ700/900/1000
CRJ-900 Air Nostrum EC-JZU 03.jpg
CRJ900 de Air Nostrum no aeroporto de Santiago de Compostela
Tipo avión de pasaxeiros rexional
Fabricante Bombardier Aerospace
Primeiro voo 27 de maio de 1999
Introducido 2001
Construídos 626 en maio do 2013

Os Bombardier CRJ700, CRJ900 e CRJ1000 son avións de pasaxeiros rexionais baseados no Bombardier CRJ200. A súa montaxe final realízase no aeroporto internacional Montréal-Mirabel, ás aforas de Montreal.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Tras o éxito da serie CRJ100/200, Bombardier produciu versións máis longas co obxectivo de competir con avións rexionais máis grandes como os E-Jets de Embraer, as series F70/100 de Fokker, a familia BAe 146/Avro RJ e o Superjet 100 de Sukhoi.

Serie CRJ700[editar | editar a fonte]

O traballo de deseño do CRJ700 comezou en 1995 e o programa foi oficialmente lanzado en xaneiro de 1997. O CRJ700 é unha variante alongada de 70 asentos do CRJ200. A capacidade de pasaxeiros vai dos 66 aos 78 nas versións do CRJ700. O modelo conta cunha nova á e unha fuselaxe máis longa e lixeiramente máis ancha, co chan máis baixo.

CRJ701 de HOP!

O avión está equipado con dous motores General Electric CF34-8C1. A súa velocidade máxima é de Mach 0,85 (895 km/h) a unha altura máxima de 12.500 m. Dependendo da carga útil, o CRJ700 pode voar a 3.620 km cos seus motores actuais, e unha nova variante cos CF34-8C5 será capaz de viaxar a 4.660 km.

O CRJ700 vén en tres versións: Series 700, Series 701 e Series 702. A 700 está limitada a 68 pasaxeiros, a 701 a 70 e a 702 a 78. O CRJ700 tamén ten tres opcións de combustible/peso: a estándar, a ER e a LR. A versión ER ten máis capacidade de combustible ademais de ter maior peso máximo, que fai que teña un maior alcance. Na LR estes dous valores incrementanse aínda máis. A versión executiva comercialízase como Challenger 870.

O seu primeiro voo tivo lugar o 27 de maio de 1999 e entrou en servizo en 2001 con Brit Air. O CRJ700 compite directamente co Embraer 170, que adoita a levar 70 pasaxeiros.

CRJ900 e derivados[editar | editar a fonte]

O CRJ900 é unha versión alongada de 76–90 asentos do CRJ700. Está equipado con dous motores GE CF34-8C5 e engadíronselle slats. O máximo peso en despegue é de 38.300 quilos. O avión está levemente baseado na serie CRJ200 cun feixe de importantes melloras. O chan da cabina foi baixado 5 cm gañándose así visibilidades cara o exterior ao quedar as fiestras máis preto do nivel dos ollos. Ten maior envergadura e a cola foi redeseñada.

O primeiro CRJ900 foi modificado a partir do prototipo do CRJ700 engadíndolle unha fuselaxe máis longa; posteriormente sería o prototipo do CRJ1000 con extensións da fuselaxe. O CRJ900 compite co Embraer 175, e é máis eficiente por pasaxeiro segundo Bombardier. Mesa Air Group foi o cliente de lanzamento do CRJ900 pintado coa librea de America West.

CRJ900 de SAS

En 2007 Bombardier lanzou o CRJ900 NextGen para substituír á versión inicial. O novo modelo meloraba a rendibilidade e tiña unha nova cabina común aos CRJ700 NextGen e CRJ1000 NextGen. Mesaba Aviation, operada nese momento como Northwest Airlink (agora Delta Connection), foi o cliente de lanzamento, e egue a ser a aeroliña con máis unidades do CRJ900 NextGen.

CRJ1000[editar | editar a fonte]

O 19 de febreiro de 2007 Bombardier lanzou o CRJ1000, anteriormente designado CRJ900X, como unha versión alongada do CRJ900, cun máximo de 100 asentos. Bombardier afirma que ofrece un maior rendemento e beneficio por asento que o seu competidor Embraer E-190.

Brit Air e Air Nostrum foron os clientes de lanzamento do CRJ1000. MyAir pediu 15 CRJ900X que foron convertidos ao CRJ1000, pero a aeroliña entrou en bancarrota o 24 de xullo do 2009. O 14 de xuño do 2009 Bombardier anunciou un novo pedido en firme de 15 CRJ1000 NextGen para Air Nostrum.

O CRJ1000 completou o seu primeiro voo o 28 de xullo do 2009 en Montreal; a súa entrada en servizo estaba prevista para o primeiro cuarto de 2010. Porén, un mes despois do voo un fallo nos controius do timón forzaron a deter o programa de probas no aire. Este non sería reiniciado ata febreiro de 2010, e as entregas non comezarían ata xaneiro de 2011.