Embraer E-Jets

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Familia E-Jet
E-170/E-175/E-190/E-195
Embraer ERJ-170LR Air France F-HBXN.jpg
Embraer ERJ-170LR de Air France Régional no aeroporto de Vigo
Tipo pasaxeiros
Fabricante Embraer
Primeiro voo 19 de febreiro do 2002
Introducido 17 de marzo do 2004
Estado en servizo
Produción 2001 - actualidade
Construídos 925 en marzo do 2013

A familia Embraer E-Jet é unha serie de reactores bimotores de pasaxeiros de fuselaxe estreita e alcance medio fabricados pola compañía brasileña Embraer. Anunciada no Paris Air Show de 1999 e comezada a produción no ano 2002, a serie de avións converteuse nun éxito comercial[1]. O modelo é usado tanto por aeroliñas principais como rexionais por todo o mundo. Cara decembro do ano 2012 había 185 peticións en firme para os E-Jets, 580 opcións e 908 unidades entregadas[2].

Deseño[editar | editar a fonte]

A liña Embraer E-Jets está formada por dúas familias de avións comerciais e unha variante de reactor de negocios. Os máis pequenos E-170 e E-175 conforman o modelo base. Os E-190 e E-195 son versións alongadas, con motores diferentes e ás máis longas, e cambios no estabilizador horizontal e na tren de aterraxe. O 170 e o 175 teñen o 95% dos elementos en común, ao igual que o 190 e o 195. As dúas familias comparten ao redor do 89% dos elementos entre si, coas seccións da fuselaxe idénticas e a mesma aviónica.

Todos os E-Jets levan catro asentos por fila e teñen un deseño de "dobre-burbulla", desenvolvido por Embraer para os seus reactores comerciais de pasaxeiros. Aínda que é referido comunmente cun sinxelo prefixo "E", os reactores son tecnicamente aínda Embraer Regional Jets ("ERJ"s), termo que se refire aos máis pequenos membros da familia Embraer ERJ. Embraer fixo desaparecer o prefixo ERJ nos seus anuncios dos inicios da fabricación do novo avión. As series E-190/195 teñen unhas capacidades semellantes ás versións iniciais do McDonnell Douglas DC-9 e do Boeing 737, que sempre foron considerados avións de pasaxeiros de primeira liña.

Os clientes de lanzamento do avión foron a aeroliña francesa Régional Compagnie Aérienne Européenne con 10 pedidos e 5 opcións do E-170; e a aeroliña suíza Crossair con 30 pedidos do E-170 e 30 do 30 E-190. O pedido máis grande de E-Jets realizouno JetBlue, ao mercar 100 E-190, e ter opción a 100 máis. JetBlue estableceu o récord do voo máis longo da familia E-190 o 6 de novembro do 2008, cando un dos seus avións voou dende Anchorage, Alaska ata Buffalo, Nova York, realizando un total de 4.989 km; tratábase dun avión baleiro nun voo non comercial. O avión finalmente regresou ao aeroporto JFK tras dous meses en servizo chárter coa candidata á vicepresidencia dos Estados Unidos Sarah Palin.

En novembro do 2011 Embraer anunciou que remotorizaría a familia E-Jet e entregaría o primeiro exemplar cos novos motores antes do ano 2018. O 8 de xaneiro de 2013 a compañía anunciou a elección dun motor Pratt & Whitney para estas novas versións. En febreiro do 2012 Embraer anunciou que estaba estudando o desenvolvemento dunha nova variante con 130 asentos.

Variantes[editar | editar a fonte]

E-170 e 175[editar | editar a fonte]

Os modelos E-170/E-175 no rango dos 80 asentos son os máis pequenos da familia E-Jet. Están impulsados por motores General Electric CF34-8E de 62,28 kN de potencia cada un. Os E-170 e E-175 compiten directamente co Bombardier CRJ-700 e o Bombardier CRJ-900 respectivamente, e en parte co turbohélice Bombardier Q400. Tamén buscan substituír no seu segmento de mercado a deseños anteriores coo o BAe 146 e o Fokker 70.

O Embraer 170 foi a primeira versión producida. O prototipo 170-001 foi dado a coñecer o 29 de outubro do ano 2001, realizando o primeiro voo o 19 de febreiro de 2002. Amosouse ao público en maio dese ano na convención a Asociación de Aeroliñas Rexionais. Despois dunha resposta positiva por parte da comunidade de aeroliñas, Embraer lanzou o E-175. O primeiro voo do alongado E-175 realizouse en xuño do 2003. A certificación para o 170 conseguíuse dous anos despois da súa estrea ao público; a entrega do primeiro exemplar ao cliente de lanzamento, LOT Polish Airlines, foi en marzo do 2004. O primeiro cliente estadounidense do EMB 170 foi US Airways, tras a certificación da FAA, e o avión entrou en servizo o 4 de abril do 2004 operado pola división MidAtlantic de US Airways, Inc. O primeiro E-175 foi entregado a Air Canada e entrou en servizo en xullo do 2005. O prototipo 170-001 realizou o seu derradeiro voo o 11 de abril do 2012. O seu destino foi o desguace nos Estados Unidos para pezas de reposto.

E-190 e 195[editar | editar a fonte]

Embraer E-195 de Air Europa no aeroporto de Vigo

Os modelos E-190/195 son variantes alongadas dos E-170/175 equipados cunha á e un estabilizador máis longos e un novo motor, o GE CF34-10E, de 82,30 kN de potencia. Este avión compite co Bombardier CRJ-1000. Ademais, estando no rango dos 110 asentos, compiten con avións de primeira liña como os Boeing 717-200 e 737-500/-600, o Airbus A318, e algúns dos próximos modelos da Bombardier CSeries.

O primeiro voo do E-190 foi o 12 de marzo do 2004, e o do E-195 o 7 de decembro do mesmo ano. O primeiro cliente do E-190 foi a aeroliña de baixo custe estadounidense JetBlue, cun pedido de 100 unidades e outras 100 opcións. A compañía británica Flybe lanzou o E-195, con 14 pedidos e 12 opcións.

Xa que os modelos 190/195 son do mesmo tamaño que avións de primeira liña, moitas aeroliñas opéranos como tales, equipando unha clase business nos mesmos, en lugar de operalos cunha compañía rexional asociada. Por exemplo, Air Canada opera 45 E-190 con 9 asendos de clase business e 88 de clase económica como parte da súa frota principal.

Embraer Lineage 1000[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Embraer Lineage 1000.

O 2 de maio do 2006 Embraer anunciou os seus plans para unha variante de negocios do E-190. Esta tería a mesma estrutura pero cun alcance aumentado por riba dos 8.000 km, e asentos de luxo para un máximo de 19 pasaxeiros. Foi certificado pola FAA estadounidense o 7 de xaneiro do 2009. Os dous primeiros exemplares de produción entregáronse en decembro do ano 2008.

Segunda xeración de E-Jets[editar | editar a fonte]

No ano 2011 Embraer anunciou que centraría a súa atención o desenvolvemento de versións renovadas da familia E-Jet en vez de en aións totalmente novos. As novas variantes estarían mellor posicionadas para competir coa Bombardier CSeries, e poderían estar impulsadas por novos motores de maior diámetro que ofrecerían melloras no consumo de combustible, ademais levarín un tren de aterraxe un pouco máis alto e probablemente unha nova á de aluminio ou fibra de carbono. Air Lease Corp nomeou provisionalmente ao renovado E-Jet como o E-198, e asesorou a Embraer para que alongue o E-190 cunha fila máis (sentando así a 118 pasaxeiros nunha única clase) e ao E-195 con dúas ou tres filas (levando de 130 a 134). Posteriormente, Embraer nomeouno "second generation". General Electric, Pratt & Whitney e Rolls-Royce eran os posibles proveedores dos motores. O motor turbofan de Pratt & Whitney foi seleccionado en xaneiro do 2013 para equipar ás novas versións de E-Jets. O Honeywell Primus Epic 2 foi elixido como o seu paquete de aviónica.

Notas[editar | editar a fonte]