Bombardier CRJ200

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bombardier CRJ200
CRJ-200 EC-IDC Air Nostrum.jpg
CRJ-200 de Air Nostrum no aeroporto de Santiago de Compostela
Tipo rexional/negocios
Fabricante Bombardier Aerospace
Primeiro voo 10 de maio de 1991
Introducido 1992
Construídos 1.021

Os Bombardier CRJ100 e Bombardier CRJ200 son unha familia de avións rexionais fabricados por Bombardier, e baseados no reactor de negocios Canadair Challenger.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O avión baseouse no deseño do Canadair Challenger, que Canadair mercou a Bill Lear en 1976.

A ancha fuselaxe do Challenger, que sentaba a 2 pasaxeiros en cada lado do corredor, suxeriu aos enxeñeiros de Canadair que este podería ser estirado para acomodar máis asentos, e iniciouse un plan para un Challenger 610E, que podería levar 24 pasaxeiros. Non se realizaría este estiramento ao ser cancelado o proxecto en 1981, pero a idea non desapareceu.

En 1987 iniciáronse uns estudos máis ambiciosos para unha configuración máis longa, lanzándose formalmente o programa Canadair Regional Jet na primavera de 1989. O nome de "Canadair" mantívose a pesar de que Bombardier mercara a compañía. O primeiro dos tres prototipos para o CRJ100 inicial realizou o seu primeiro voo o 10 de maio de 1991; un dos tres perdeuse nun accidente en xullo de 1993. O modelo obtivo a certificación a finais de 1992, entregándose a primeira unidade a finais dese ano.

Cara agosto de 2006 un total de 938 CRJ100 e CRJ200 (de todas as variantes) estaban en servizo, con 8 ordes en firme. Os principais operadores do avión son Air Nostrum (35), Air Wisconsin (70), Atlantic Southeast Airlines (110), Comair (40), Jazz Aviation (43), Lufthansa CityLine (26), Mesa Airlines (60), Mesaba Airlines (19), Pinnacle Airlines (145), PSA Airlines (35), Republic Airways Holdings (20) e SkyWest Airlines (159). Outras 20 aeroliñas operan pequenos números do modelo.