Batallón Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Batallón Galicia, ou Batallón de Milicianos de Galicia, Batallón Galicia nº 19, foi unha unidade militar operativa na fronte de Asturias durante a Guerra Civil Española.

Historia e características[editar | editar a fonte]

A finais de setembro de 1936, como resposta á publicidade das columnas galegas que avanzaban sobre Asturias, e para demostrar aos asturianos que había galegos antifascistas, creouse o Batallón de Milicianos de Galicia. Foi constituído coas Milicias Antifascistas Galegas e os membros da Confederación Regional Galaica e o seu organizador e primeiro comandante foi o anarquista José Penido Iglesias.

Nun principio formou parte das forzas do Rexemento Antifascista Máximo Gorki, pero cando este quedou baixo o control do Partido Comunista acentuáronse as diferenzas entre comunistas e anarquistas, maioritarios estes últimos na unidade, polo que o mando republicano decidiu que esta operara de forma independente.

En novembro de 1936 foron trasladados ao batallón varios gardas de Asalto comunistas que lograran fuxir de Galicia e case un cento de soldados de quinta de orixe galega pertencentes á gornición dos cuarteis rebeldes de Xixón. Quizais obrigado polas circunstancias ou por iniciativa propia, Penido abandonou a unidade por esas datas para pasar a facerse cargo dos hospitais de Xixón, ocupando a xefatura o cabo de Asalto ourensán Ramón Iglesias Pérez.

Entre o continuo goteo de galegos que se foron alistando na unidade durante a contenda, figuraron varias ducias de desertores das unidades franquistas recrutados á forza en Galicia e tamén vinte e tres destacados militantes libertarios galegos chegados ao porto de Xixón o 9 de xaneiro de 1937, logo de saír catro días antes do das Xubias na Coruña a bordo dunha motora pesqueira bautizada por eles mesmos como "La Libertaria". Entre os fuxidos encontrábanse Emilio Novás Naya, Odilo Masid Masid e José Moreno Torres, un dos máis coñecidos anarquistas galegos do período republicano.

O Batallón Galicia na fronte Norte[editar | editar a fonte]

O galegos recibiron o seu bautismo de lume na fronte Occidental de Asturias, onde dende setembro de 1936 participaron na maior parte dos combates librados contra as columnas que avanzaban desde Galicia, destacando pola súa dureza os que tiveron lugar en torno ao poboado do Escamplero, onde se detivo a fronte durante tres días, sufrindo a unidade moitas baixas sen poder impedir que as primeiras unidades moras alcanzaran a capital asturiana na xornada do 17 de outubro.

Despois da entrada dos franquistas en Oviedo, o batallón ocupou posicións no sector de Grullos e máis tarde no de Cogollo, trasladándose a finais de decembro ao de Colloto onde, despois de ser novamente numerado, pasou a formar parte das forzas da 6ª Brigada de Asturias baixo o mando do maior Ramón Garzaball.

A mediados de febreiro de 1937 producíronse as desercións de tres antigos gardas de Asalto pertencentes á unidade, circunstancia que foi aproveitada pola CNT para cesar aos mandos comunistas e convocar eleccións entre os milicianos, facéndose outra vez co control do batallón. Nos comicios resultou novamente elixido José Penido para o cargo de comandante, ocupando o de capitán axudante Emilio Novás Naya e o de tenente axudante José Moreno Torres, quedando as respectivas compañías ao mando dos capitáns Camilo Fernández Dopazo, Ramón Vázquez Rey, Enrique García Lago e Alfredo Viejo Bernall.

Unhas horas máis tarde o batallón foi trasladado a San Cucao de Llanera, onde permaneceu en situación de reserva en espera do comezo da ofensiva xeral sobre Oviedo preparada polo mando republicano para o día 21 dese mes. Os ataques deron comezo ao amencer dese día, operando os galegos por El Escamplero, onde xa o fixeran en outubro do ano anterior, participando ao día seguinte nun asalto sen éxito sobre a loma de La Trecha. Finalizada a ofensiva, a unidade trasladouse ao sector de Biedes – Las Regueras, onde alternou períodos de posición nos parapetos de La Trecha, con outros de reserva nos cuarteis de La Granda.

No mes de abril incorporouse Jaime Machicado Llorente, que ocupou o cargo de comisario político, organizando a elección democrática dos comisarios das catro compañías da unidade, para os que resultaron elixidos Serafín Varela Platero, José Casas Fernández, Odilo Masid Masid e Manuel Ramos Escariz. José Penido foi ascendido ao mando da 3ª Brigada de Asturias, sendo substituído como Comandante por José Moreno Torres.

Despois de participar na infrutuosa operación lanzada polos republicanos o 1 de agosto sobre La Manga – Cimero, a 3ª Brigada de Asturias foi trasladada a Santander, despregando ao Batallón Galicia e ao nº 211 no porto de El Escudo, onde ambas unidades levaron a cabo unha brillante actuación ao ser atacado ese paso montañoso por forzas italianas a mediados dese mes.

Logo da retirada dos batallóns nacionalistas vascos, as unidades gobernamentais que non quedaran copadas na bolsa de Reinosa fóronse repregando cara Asturias, establecéndose os batallóns da 3ª Brigada (agora numerada como 183ª) nunha improvisada liña de defensa situada na marxe esquerda do río Deva, quedando despregados os galegos sobre os contrafortes do cerro Jana.

Para facer fronte ás ben equipadas brigadas de Navarra, neses momentos a unidade contaba cun total de 423 homes, dispoñendo unicamente de 380 anticuados fusiles de Lebel de tres tiros, 2 fusiles metralladores, 80 bombas de piña e 20 de fume. O 1 de setembro, cos republicanos duramente batidos pola artillaría e a aviación inimigas, forzas da 1ª Agrupación da 1ª Brigada de Navarra tomaron a vila de Panes, infiltrándose a continuación polo flanco dereito das posicións ocupadas polos batallóns da 183ª Brigada, que para non quedar copados víronse obrigados a realizar un primeiro repregue cara á zona de La Borbolla, onde estableceron unha nova liña defensiva sobre a ribeira esquerda do río Cabra, quedando o Batallón Galicia e o nº 211 despregados ao Norte de Llonín, onde enlazaban con forzas da División “B”16.

A pesar das duras acometidas lanzadas sobre eles por forzas pertencentes á 3ª Agrupación da 5ª Brigada de Navarra, os dous batallóns aguantaron ben e cando o día 8 foron relevados, fixérono sen ter cedido terreo. Despois de combater durante unhas horas no porto de La Tornería, a 183ª Brigada Mixta foi relevada e trasladada ao porto de Payares, onde pasou a formar parte da División “C”, mandada por Luis Bárzana, quedando despregada en El Techo, posición desde a que se dominaba a vila de Villamanín. Durante os días seguintes loitouse na estrada que leva de Busdongo a Payares, sobre a que os republicanos lanzaron varios contraataques, sufrindo os galegos un número considerable de baixas.

O 1 de outubro o batallón pasou a depender da 194ª Brigada Mixta da que tamén formaban parte o nº 241 e o nº 267, quedando as forzas do Galicia divididas entre as posicións de La Perruca, Alto de La Cerra, canto de Los Pobres e El Gobio, facéndose uns días máis tarde cargo da defensa da Loma del Ajo e Peñasagudas.

O día 8, os nacionais meteron presión sobre as posicións ocupadas polo Batallón nº 250, logrando apoderarse de tres lomas situadas nas estivacións de Peña Buján. Ás 18 horas contraatacou o Batallón Galicia polo flanco, logrando recuperar a posición perdida, causando ao inimigo un gran número de baixas, polo que a unidade foi felicitada publicamente polo xefe do XVII Corpo de Exército nun comunicado editado ese mesmo día. Tanto esforzo sería van, xa que os franquistas lograron recuperar as lomas perdidas ao día seguinte, contando para iso co apoio de numerosa artillaría e o concurso de 18 aparatos de bombardeo. Aínda contraatacaron os galegos durante a mañá do día 11, pero sen obter ningún resultado positivo, o que motivou que os gobernamentais se viran obrigados a repregarse cara a unha nova liña, que quedou establecida desde Los Castellanos e as súas estivacions, pasando polo alto de La Raya, ata a cota 1800, ocupando o Galicia as posicións comprendidas entre a Cota 1800 e a estrada, onde enlazaban co Batallón nº 250. Permaneceron alí ata o día 16, cando pasaron á liña de Peña Alba - Cota 1800 - Camiño a Coleao e Pico Retriñón. Dous días despois, con excepción da 2ª Compañía, o resto das forzas da unidade foron retiradas do fronte para descansar e de paso ser reorganizadas, situación na que as sorprendería o final da guerra no Norte.

A fuxida[editar | editar a fonte]

Días antes da caída das frontes, as organizacións antifascistas dirixíronse aos seus afiliados na fronte para preparar o embarque dos militares que corrían máis risco de ser executados en caso de ser atrapados polas tropas franquistas.

O 18 de outubro a plana maior do Batallón estaba no Porto de San Isidro, nos límites entre Asturias e León, un incidente con algúns mandos comunistas do Batallón atrasounos e fixo que cando chegaron para embarcar en Xixón, o 20 de outubro, xa non había barcos para transportalos.

O grupo, formado polo comandante José Moreno Torres, Julián Carballo, Jaime Machicado, delegado político do Batallón, Moisés Erguido, Capitán Ayudante, Maximino Martínez, Tenente Axudante, Capitán da Terceira Compañía, Enrique García Lago, Oficial da 3ª Compañía, José Fernández Patiño, Emilio Novás, Comisario de Compañía, Sarxento de Habilitación, Rafael Villar e varios milicianos ata un número de 15 homes, optou por dirixirse á montaña, intentando alcanzar Galicia polos montes do interior.

Na noite do 29 ao 30 de outubro os fuxidos chegaron ao porto do Acevo, nos límites de Asturias e Galicia. Alí fixeron noite en dous grupos en sendas cantinas. O grupo de nove que durmía na cantina máis preto de Galicia foi sorprendido por falanxistas e gardas civís da zona, que os capturaron e executaron sumariamente. Oito deles serían guindados nos límites de Asturias e enterrados posteriormente nunha fosa común, mentres un noveno apelidado Díaz debeu quedar ferido e morreu a consecuencia das feridas ou fusilado o 4 de novembro, sendo soterrado no cemiterio de Fonsagrada.

O outro grupo, alertado polos disparos, non foi sorprendido polos falanxistas e gardas civís; enfrontáronse aos atacantes e mataron o falanxista Emilio Villar Robledo, á unha da madrugada do 30 de outubro de 1937. Despois dun breve tiroteo, Moreno e o resto de compoñentes deste grupo escaparon pola parte posterior da casa e internáronse no monte. O número de integrantes deste grupo non se coñece con exactitude, suponse que serían entre dous e seis homes. Posiblemente formaran parte del Julián Carballo Gómez, detido o 4 de novembro a once quilómetros de Tinéu e posteriormente executado; Julio Roca Gantes, tamén detido en Asturias, e Moisés Erguido Blanco e Víctor Paradela Ríos, que chegaron ata A Coruña.

José Moreno e outro dos compoñentes do grupo retrocederon tamén cara Asturias, refuxiándose días despois nunha casa en Monteserín Pequeno, no mesmo concello de Grandas de Salime. Alí foron capturados por falanxistas e gardas civís. Moreno foi conducido á cantina de "Carolo" da que escaparan, onde estivo detido ata a súa execución. Descoñecese a data exacta do seu asasinato, pero sábese que outros catro milicianos do Batallón Galicia, foron detidos e executados o domingo 31 de outubro de 1937. Eran canteiros orixinarios de Forcarei, Maximino Díaz Bugallo e Manuel Rivas Rey entre eles, outro, Manuel Bugallo Lois, sobreviviu ata o 4 de novembro, cando foi soterrado no cemiterio da Fonsagrada, xunto ao miliciano coruñés apelidado Díaz que quedara ferido na primeira caída.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]