José Penido Iglesias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJosé Penido Iglesias
Biografía
Nacemento12 de febreiro de 1894 Editar o valor em Wikidata
Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Mortevalor descoñecido Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónsindicalista , militar Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

José Penido Iglesias, nado en Santiago de Compostela o 12 de febreiro de 1894 (ou o 13 de febreiro de 1895 ?), foi un sindicalista e militar galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emigrou a América antes de rematar os seus estudos de medicina, e traballou como enfermeiro. Iniciouse no sindicalismo en América e despois en Asturias a onde retornou. Despois de ser algún tempo membro de Izquierda Republicana, empezou a militar na CNT. Obtivo o título de practicante na Universidade de Santiago de Compostela en 1934.[1]

No momento do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 estaba en Xixón onde era membro do grupo Tierra da Federación Anarquista Ibérica (FAI) e do comité da Agrupación confederal Galaica. Foi un dos organizadores do Batallón Galicia do que foi nomeado responsábel. Despois da militarización foi nomeado comandante da 3ª Brigada Mixta (13ª División) coa cal participou nos combates de Asturias, sobre todo na batalla do Mazucu, e despois en Euskadi, en Bilbao. Logo da caída da fronte norte conseguiu retornar á zona republicana en Barcelona e Madrid e foi nomeado responsable da 39ª Brigada Mixta e despois da 5ª División.

Detido ao final da guerra en Alacant, foi internado no campo de Albatera onde, empregado na enfermaría, facilitou os contactos que permitiron a reorganización da CNT e a falsificación de ordes de liberación. Foi encarcerado despois en Porta Coeli, condenado a 12 anos de prisión en Xixón e internado en Alfaro (1942) e Donostia.

En liberdade condicional en marzo 1943,[2] integrouse na CNT clandestina e foi elixido secretario do Comité rexional de Asturias. O 1 de xaneiro de 1945 foi detido no seu domicilio cos compañeiros de León Jacinto Rueda Pérez e Porfirio Blanco García que estaban en misión orgánica. Os tres foron transferidos ao cuartel da DGS en Madrid, pero foron liberados o 6 de xaneiro por falta de probas. Nese ano representou ao Comité Nacional no plenario da rexional norte celebrado en Barakaldo. En marzo de 1946 participou no plenario nacional da CNT onde foi nomeado delegado xeral no exterior en substitución de Manuel Vicario. Como tal asinou a moción presentada por Juan José Luque Argente que apoiaba os contactos cos monárquicos na loita contra o franquismo.

En Francia seguiu defendendo as teses da tendencia posibilista da CNT, colaborou nos periódicos Acción (1946) e Exilio (Aynes, 1946) e participou no plenario celebrado en Tolosa en decembro de 1947 no que defendeu a moción sobre as relacións coa UGT socialista. Ao ano seguinte cualificouse de anarco-monárquico, partidario da restauración, e con Miguel Vázquez Valiño e José Luís Chamorro Castro formou un Comité rexional de Galicia que editou en Tolosa o periódico Solidaridad (1948-1950).

Emigrou a Venezuela a finais dos anos corenta onde en 1956 presidiu o Centro Galego e a principios dos anos sesenta foi membro da dirección da Hermandad Gallega de Venezuela. Regresou a España en 1964 e instalouse en Madrid en 1966.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Eco de Santiago, 28-8-1934, p. 2.
  2. BOE, 16-4-1943, p. 3415.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]