Banda Municipal de Silleda
A Banda de Música Municipal de Silleda é unha agrupación musical con sede en Silleda. Fundada no século XIX[1], desapareceu en 1977, sendo reflotada 8 anos mais tarde. Actualmente, consolidouse como unha das grandes formacións do panorama bandístico.
Índice |
[editar] Historia
[editar] A Banda vella
Fundada na segunda metade do século XIX, foi coñecida como a Banda do Marco nos seus inicios. Siador, Ponte, Silleda ou O Castro, entre outras, foron as parroquias de orixe dos seus membros. Sería da última da que collería o nome e pasaría a denominarse Banda do Castro a partir de 1910.
Durante unha década estivo formada por unha decena de músicos, entre os que destacaron Ramón do Agriño, González (pai de Florentino González, o cal sería posteriormente director da agrupación), Xaquín de Negreiros, Salvador de Lázara, Benito Soto de Ponte (pai do clarinetista José Soto, membro da banda entre os anos 20 e os anos 70) ou José Castro '"O Saltón". A partir de 1920, a formación pasa a denominarse Banda de Silleda e a ter os seus ensaios no lugar do Foxo, na parroquia de Silleda.
Directores como o antes citado Florentino González, Luis López Brey ou o bombardinista Juan Vázquez Orza levarían a batuta da banda ata que na década de 1940 cando asumiría o cargo Francisco Beristain, que xa dirixira as de Alongos e Merza anteriormente. Sobre 1950, chegaría á banda o vasco Tomás Beteta, que se mantería no cargo 6 anos. Tras el, pasarían pola dirección Antonio Amigo Ramos, Antonio Vaquero ou Calatayud, entre outros. Dez anos despois de seu pai, asumiría a dirección Ernesto Beteta Garmendia, a quen seguiría o bombardinista José Villaverde Gómez, ex-membro da Banda de Orazo. Mais tarde, en 1968, a batuta cae en mans de Manuel Daniel Sánchez, ex-director da Banda de Bermés. Tras el, a agrupación sería dirixida por Ubaldo Núñez Rivas e, entre 1973 e 1977, de novo por José Villaverde, co cal desaparecería a finais de 1977. Silleda queda sen banda de música.
[editar] Recuperación e nova formación
Terían que pasar 8 anos para que de novo unha formación levase o nome de Silleda por toda Galicia. Sería en 1985 cando botase a andar de novo a banda. Pero habería que remontarse ao 14 de outubro de 1984, cando tres músicos acordaron, na Festa da Castaña en Breixa, xuntar de novo aos músicos que no seu momento formaran a banda. Entre estes tres músicos atopábase Félix Tomé Fernández, flautista da antiga formación e retornado da emigración, que puxo todo o seu empeño por rescatar a agrupación e xunto con Aurelio Cuiña Vence, coñecido como Lito de Cuiña, membro da empresa Cuiña, darlle o impulso necesario para conseguir o seu obxectivo. Músicos de Bermés, Mato, Vilatuxe e da formación desaparecida acuden á súa chamada e comezan os ensaios o 26 de xaneiro de 1985, tendo como local os antigos galpóns da Semana Verde de Silleda. Baixo a batuta de José Fernández García, procedente de Bermés, os 26 integrantes, entre os que destacaron o percusionista Remigio Montoto e o clarinetista José Suárez (no momento da formación ambos na Banda de Lalín), o bombardinista Jesús Ferreiro, o tuba Manuel Montoto (retornado da Artística de Merza) e o tamén clarinetista Luis Pardo, entre outros, comezan a actuar en maio dese mesmo ano co gallo da celebración da Semana Verde, onde tocarán 5 días. Festas como Saídres, Silleda ou O Castro servirán como escaparate da nova formación. Nos anos seguintes comeza a gañar de novo popularidade, superando as 50 actuacións por toda Galicia. Subvencionada pola Fundación Semana Verde, pasa a selo en 1989 polo Concello de Silleda. Nesta mesma data toma as rendas da formación o xoven músico Manuel Molinos, trompetista e profesor de conservatorio, actualmente director da Banda de Noia e da Coral Polifónica Trasdeza de Silleda. Coa batuta nas súas mans, a Banda acada un promedio de 75 a 80 actuacións por ano no trienio 1990-1992. En 1994 asume a dirección José Ángel Presa Carrera e tras el pasarían pola dirección Javier Viceiro Filgueira (1997), o valenciano Octavio Más Arocas (1999) e José Luis Represas Carrera (2004), ata o actual director, o alacantino Rafael Agulló Albors, que dirixe a formación desde 2006.
[editar] Notas
- ↑ Aínda que se toma a data de 1888 como a de fundación da banda, non se sabe con certeza a data exacta do seu nacemento.