Banato (1941–1944)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Serbia entre 1941-1944. En verde, rexión autónoma de Banato.
Territorios de poboación xermánica no Banato e en Transilvania.
Reparto de Iugoslavia entre as potencias do Eixe (1941). Véxase o reparto do Banato entre Hungría (Bačka) e o protectorado alemán do Banato (Voivodina).

Unha parte do Banato histórico, entre os anos 1941 e 1944, foi unha rexión autónoma, formalmente adscrita ao estado serbio, coñecido como Goberno de Salvación Nacional ou, máis correntemente, como a Serbia de Nedić, pero de feito practicamente independente deste e gobernado pola minoría alemá alí residente.

Historia[editar | editar a fonte]

No curso da Segunda Guerra Mundial, o 6 de abril de 1940, tropas alemás, italianas, húngaras e búlgaras invadiron o Reino de Iugoslavia e, en poucos días, o goberno capitulou (18 de abril)[1].

Iugoslavia desapareceu, desmembrada entre os seus veciños. O III Reich, herdeiro dos pretendidos dereitos austríacos, anexionou o sur de Estiria (Steiermarke), e a parte de Carintia (Kärnten) que estaban integradas en Eslovenia; ademais, anexionou a Voivodina (parte do Banato serbio) que, formalmente, foi parte do protectorado alemán de Serbia.

Italia fixo realidade unha antiga aspiración do seu vello irredentismo, incorporando a outra provincia eslovena, Carniola (incluíndo a cidade de Liubliana, capital de Eslovenia), máis unha boa parte do litoral dálmata (a zona entre Zadar [Zara] e Split [Spalato], pertencente a Croacia, e Kotor [Cattaro], de Montenegro) e a rexión de Kosovo (Serbia), que foi incorporada á súa colonia albanesa.

Os búlgaros obtiveron a Macedonia iugoslava, excepto unha pequena porción que se uniu á Albania italiana (que ademais recuperou a súa saída ao Exeo, a costa de Grecia).

E os húngaros varias zonas fronteirizas do norte (o extremo oriental de Eslovenia, o triángulo formado entre os ríos Drava e Danubio, que pertencía a Croacia), máis a rexión de Bačka (a outra parte do Banato serbio).

Sobre solo iugoslavo só permaneceron dous estados teoricamente independentes. Croacia, que rompera os seus lazos con Belgrado ao producirse a invasión, constituíuse como reino, con inclusión da Eslavonia oriental (que pasara anteriormente a Serbia), é dicir, todo o territorio entre o Sava e o Drava, até as aforas de Belgrado, e de Bosnia-Herzegovina (pero sen a parte do litoral dálmata que pasara a Italia). Foi proclamado rei un italiano, o príncipe Aimone de Aosta, e foi gobernado ditatorialmente polo Poglavnik (Caudillo) Ante Pavelić.[2]

E ao leste quedou unha reducida Serbia, que recobrou unha sombra de soberanía baixo a protección alemá e o goberno autoritario do colaboracionista xeneral Milan Nedić (a chamada Serbia de Nedić), que incluía a Voivodina.[3]

Pero nesta parte do Banato os ocupantes alemáns estableceron unha rexión autónoma, practicamente independente, cun goberno entregado á minoría alemá autóctona, que se puxo incondicionalmente ás ordes do III Reich.[4]

Liberación[editar | editar a fonte]

Como noutros lugares da Europa ocupada, as duras condicións impostas polos alemáns provocaron a aparición da resistencia antifascista, que foi adquirindo progresiva importancia. Esta resistencia non tardou en manifestarse en Iugoslavia; ao principio, en forma de sabotaxes e, máis tarde, dun poderoso movemento guerrilleiro. Nun primeiro momento a iniciativa correspondeu aos chetniks, patriotas serbios monárquicos dirixidos polo coronel Draza Mihailović, que actuaban apoiados polos británicos. Pero, tras a invasión alemá da URSS, en 1941, foron os comunistas quen asumiron un maior protagonismo e mantiveron o peso dunha guerra sen cuartel. Dirixidos polo croata Josip Broz, Tito, foron capaces de organizar un auténtico exército regular, que recibiu o apoio dos aliados, e que foi quen de liberar por si mesmo (coa axuda do Exército Vermello a maior parte do territorio nacional.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Axis Invasion of Yugoslavia (en inglés) Consultada o 14/1/2012.
  2. [1] Tomasevich, Jozo (2001): War and revolution in Yugoslavia, 1941-1945: occupation and collaboration. Stanford University Press. (en inglés) Consultada o 14/1/2012.
  3. Nedić regime (en inglés) Consultada o 14/1/2012.
  4. Alemáns do Banato (Banater Schwaben) (en inglés) Consultada o 14/1/2012.
  5. Liberación de Iugoslavia (en inglés) Consultada o 14/1/2012.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Böhm, Johann (2003): Die Gleichschaltung der deutschen Volksgruppe in Rumänien und das Dritte Reich 1941-1944, Frankfurt am Main. ISBN 3-631-50647-3.
  • Tomasevich, Jozo (2001): War and revolution in Yugoslavia, 1941-1945: occupation and collaboration. Stanford University Press ISBN 0-8047-3615-4

Outros artigos[editar | editar a fonte]