Arvanitika

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O arvanitika (Αρbε̰ρίσ̈τε Arbëríshte, grego: Αρβανίτικα Arvanítika) é unha variedade lingüística da lingua albanesa, que pertence ao dialecto tosco e que falan os arvanitas, un pobo de Grecia que emigrou dende Albania. Tamén se pode clasificar como unha lingua independente por razóns sociolingüísticas.

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

O Arvanitica, relacionado co Albanés

O arvanitika fálase en 300 localidades gregas:

  • Ática: ata o século XIX case todas as vilas da prefectura eran de fala arvanitika, coa notable excepción de Megara. Varios barrios de Atenas eran de lingua exclusiva arvanitika. Tras o crecemento de Atenas e a súa zona de influencia os arvanitikas son hoxe minoritarios, aínda que a maioría das vilas estean aínda poboados por arvanitas, e cara 1970 o 80% dos habitantes das vilas de maioría arvanita falaban arvanitika.
  • Beocia: 60 vilas, a maioría na provincia de Thiva. En 1970 o 80% dos habitantes das vilas arvanitas falaban arvanitika.
  • Eubea: case todas as vilas da provincia de Karistos, agás a capital, e do sur da illa son arvanitas.
  • Andros: 10 vilas no norte da illa.
  • Élide: O arvanitika desapareceu arredor de 1940.
  • Peloponeso: A situación da lingua está peor que noutras zonas, en xeral só o fala a xente maior.

Falantes[editar | editar a fonte]

Non hai cifras oficiais sobre o número de falantes. O Ethnolouge dá 150.000 falantes, o lingüista Peter Turdgill falaba de 30.000 falantes en 1977 e unha enquisa feita en 2001 falaba de 340.000 falantes, aínda que neste caso tamén se inclúen os falantes doutras variedades do albanés. Todos os falantes son bilingües co grego, e o arvanitika está en grave perigo de desaparición polo cambio lingüístico dos arvanitas nas últimas décadas e pola política lingüística de helenización do estado grego para coas súas minorías. O número total de arvanitas é de 1 600 000, pero unha boa parte non ten conciencia da súa orixe arvanita, sentíndose só grego.

Dialectos[editar | editar a fonte]

  • Arvanitika de Tracia
  • Arvanitika do noroeste
  • Arvanitika do centro sur

Escrita[editar | editar a fonte]

O arvanitika, nas poucas ocasións nas que se escribe, emprega maioritariamente algunha versión do alfabeto grego, aínda que tamén se escribe en alfabeto latino. Non hai medios de comunicación en arvanitika, tan só se pode escoitar algunha canción tradicional en emisoras locais de radio e ler algunhas historias tradicionais en xornais locais. Realízanse uns poucos festivais folclóricos e musicais, graváronse algúns discos con cancións tradicionais arvanitas e algúns sacerdotes len o evanxeo en arvanitika.
Entre 1983 e 1994 a Liga Arvanita de Grecia editou o bimensual, Bessa, que aínda que publicado en grego recollía textos en arvanitika e moita información sobre a lingua.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira vaga de arvanitas en Grecia produciuse entre o século XII e XIV, pero vai ser sobre todo entre 1350 e 1450 cando chegue o groso da emigración albanesa, chamada polos bizantinos, venecianos e cataláns para repoboar as rexións desoladas e pouco habitadas da Grecia central e meridional. A partir do século XIX avanza a helenización dos arvanitas, o que favorece a pertenza á mesma Igrexa cos gregos e á creación do estado grego, que a través da escola e o servizo militar procura helenizar ás minorías. Dende 1950 produciuse unha vaga migratoria dos arvanitas novos caras as cidades e en especial cara Atenas, que aínda que antes da súa conversión en capital de Grecia estaba poboada principalmente por arvanitas no percorrer do século XIX converteuse nunha cidade de lingua case exclusivamente grega. En 1920 aséntanse en Salónica e Tracia moitos gregos procedentes do antigo Imperio Otomán, esfarelando as comunidades arvanitas desas zonas.
En 1982 fundouse a Liga Arvanita de Grecia, que tenta revitalizar a lingua organizando concertos de música tradicional e recitais de poesía, pero que a partir de 1992 baixou a intensidade da súa actuación.