Arquidiocese católica latina de Westminster

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Arquidiocese de Westminster")
Arquidiocese de Westminster
Archidioecesis Vestmonasteriensis
New Coat of arms of the Archdiocese of Westminster.svg
Datos xerais
Erección 1622 (Vigairía apostólica de Inglaterra)
29 de setembro de 1850 (Arquidiocese de Westminster)
Localización Inglaterra, Reino Unido
Sufragáneas Brentwood
Anglia Oriental
Northampton
Nottingham
Estatísticas
Área 3.634 km2
Información
Ritos Rito romano
Xerarquía
Papa Francisco
Arcebispo Vincent Gerard Nichols
Auxiliar(es) John Stanley Kenneth Arnold
Alan Stephen Hopes
John Francis Sherrington
Outros datos
Páxina web rcdow.org.uk
Province of Westminster.png

A arquidiocese e as outras xurisdicións da súa provincia eclesiástica.

A arquidiocese de Westminster (en latín: Archidiœcesis Vestmonasteriensis) é unha arquidiocese católica latina en Inglaterra, erixida como vigairía apostólica no século XVII. A arquidiocese ocupa a parte de Londres ao norde do río Támesis e ao oeste do río Lea, así como o distrito de Spelthorne e o condado de Hertfordshire. A diocese foi erixida como sucesora da antiga diocese de Londres, suprimida en 1569.

As dioceses sufragáneas da arquidiocese de Westminster son as de Brentwood, Anglia Oriental, Northampton e Nottingham.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A presente arquidiocese deriva da antiga diocese de Londres, cuxo derradeiro bispo morrera na cadea en 1569, nos anos que seguiron á reforma inglesa. A diocese foi suprimida e non sería restabelecida co mesmo nome.

Vigairía Apostólica de Inglaterra[editar | editar a fonte]

En 1623, despois de 65 anos sen presencia católica formal no país, o papa Urbano VIII decidiu nomear un novo bispo con xurisdición sobre toda a illa de Gran Bretaña. Elixiu a William Bishop, que tomou o título de Vigario Apostólico de Inglaterra. Bishop entrou en segredo no país, na medianoite do 31 de xullo de 1623, mais finou tan só nove meses máis tarde.

Bishop foi sucedido por Richard Smith, tamén ordenado bispo, que chegou a Inglaterra en abril de 1625. Porén, foron emitidas dúas ordes de arresto contra el en agosto de 1631, e veuse forzado a renunciar e a fuxir a Francia, onde morreu en París en 1655. Despois de 1631 non houbo ningún bispo católico na illa durante 54 anos, e as súas funcións foron en certa medida cobertas por un deán e un capítulo sen moito estatus legal, estabelecido inicialmente por Bishop e confirmado por Smith.

Non foi até 1685 que foi nomeado un sucesor. Foi elixido John Leyburn, Doutor en Teoloxía na Sorbona e antigo presidente do Colexio Inglés de Douai, quen foi consagrado bispo en Roma o 9 de setembro de 1685. En 1623 Bishop dividira Inglaterra en seis áreas, nomeando ao cargo de cada unha delas a un superior co título de vigario xeral. Leyburn reduciu estas seis áreas a catro. No verán de 1687 viaxou polo norte do país e confirmou a máis de 20.000 católicos alí.

Vigairía apostólica do Distrito de Londres[editar | editar a fonte]

O 20 de xaneiro de 1688 o número de bispos en Inglaterra foi elevado a catro polo papa, dividindo o territorio da vigairía apostólica en 4. A vigairía orixinalveu reducido o seu tamaño, e tomou o título de vigairía apostólica do Distrito de Londres, continuando como vigario o mesmo John Leyburn.

Ao longo dos anos cedeu xurisdición nos territorios coloniais do Imperio, co establecemento das prefecturas apostólicas dos Estados Unidos en 1784, e de Nova Holanda en 1816.

Aínda que as vigarías foron novamente divididas co paso dos anos, e baixo persecucións intermitentes, a vigairía de Londres seguiu a existir até o 29 de setembro de 1850, cando o papa Pío IX promulgou a bula Universalis Ecclesiae, pola que se crearon 13 novas dioceses, entre elas a arquidiocese de Westminster.

Arquidiocese de Westminster[editar | editar a fonte]

O Arcebispo Vincent Nichols na cátedra arquiepiscopal.

A archdiocese de Westminster remprazou á anterior vigairía. O vigario, o bispo Nicholas Wiseman, recibiu o 29 de setembro de 1850 o título de Arcebispo Metropolitano de Westminster, e ao día seguinte foi nomeado cardeal.

Inicialmente as outras 12 dioceses foron erixidas como sufragáneas da de Westminster. Ademais, pola mesma bula, no territorio da vigaría foi erixida tamén a diocese de Southwark, hoxe arquidiocese.

O restablecemento da xerarquía foi acompañado de sínodos provinciais en 1852, 1855 e 1859, nos que se definiron un grande número de cuestións acerca dos capítulos, os rectores das misións, os colexios e os seminarios. Os sínodos foron presididos polo cardeal Wiseman, que introduciu en Londres a práctica devota das Corenta Horas, difundiu as vísperas cantadas e a adoración eucarística. Ao mesmo tempo, empeñouse na educación das clases pobres e fundou o primeiro reformatorio católico inglés.

O 28 de outubro de 1911 Westminster perde xurisdición metropolitana, logo da erección de tres novas provincias eclesiásticas en Inglaterra e Gales.

O 20 de xullo de 1917 a arquidiocese cede unha parte do seu territorio para a erección da diocese de Brentwood.

Episcopoloxio[editar | editar a fonte]

Vigarios Apostólicos de Inglaterra[editar | editar a fonte]

Vigarios Apostólicos do Distrito de Londres[editar | editar a fonte]

Arcebispos de Westminster[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]