Arqueoloxía de xénero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A arqueoloxía de xénero é un método de estudo das sociedades do pasado que examina, polo nesgo da súa cultura material, a construción social das identidades e das relacións humanas. A arqueoloxía de xénero ocupouse de recuperar a historia das mulleres nas poboacións antigas cuestionando que a representación do pasado se fixo sempre en torno ao home e sinalando que as relacións de xénero son unha parte integral de calquera teoría social. As pioneiras nesta matera foron escandinavas e anglosaxoas a finais dos anos 70 e principios dos 80 do século XX. Destacan os nomes da norueguesa Liv Helga Dommasnes e as estadounidenses Margaret Conkey, Janet D. Spector e Joan Gero. Non podemos interpretar o material acumulado durante miles de anos afirmando que todo el está relacionado con actividades masculinas, sinala Conkey.[1]

Teoría[editar | editar a fonte]

Figuriña de Kostenki

A arqueoloxía de xénero formúlase desde a vontade de realizar unha relectura reflexionada sobre os datos, a metodoloxía e o carácter do coñecemento propios da arqueoloxía e prové de instrumentos conceptuais, metodolóxicos e técnicos para interpretar a experiencia histórica feminina a través do estudo da cultura material.[2]

As aproximacións feministas á arqueoloxía expoñen a necesidade de reconceptualizar unha serie de conceptos clásicos para dar cabida ás actividades realizada polas mulleres ademais de recuperar o seu papel na historia. Tamén reivindican o valor e a redimensión das actividades de mantemento como as domésticas, tecnolóxicas ou de produción habitualmente descoidadas nos discursos teóricos tradicionais. Doutra banda sinalan que moitas actividades sociais foron atribuídas ao xénero masculino e asumidas así polos investigadores sen que en ningún caso sexan demostradas analiticamente.[3]

Baséase en dous aspectos: a crítica do determinismo biolóxico e a análise das relacións de poder entre os sexos. O primeiro aspecto fai referencia á idea de que, aínda que case todos os individuos posúen desde o seu nacemento un sexo biolóxico (xeralmente sexo masculino ou feminino, mais tamén intersexo), non hai nada de natural no xénero que é, de feito, unha construción social que varía segundo as culturas e os períodos. Con respecto ao segundo aspecto, os arqueólogos traballando no marco da arqueoloxía de xénero examinan nas súas investigacións a posición relativa dos homes, das mulleres e das nenas das sociedades do pasado a través da identificación e o estudo das diferentes formas de poder e de autoridade de cada un e de cada unha. Poden estar preservadas nos vestixios materiais e humanos aínda que non son sempre inmediatamente aparentes e a miúdo están abertas á interpretación. Centran igualmente a súa atención nas relacións entre estes individuos e outros grupos sociais (familiares mais tamén de clases, idades e relixións diferentes).

O arqueólogo Bruce Trigger sinalou que a arqueoloxía de xénero se distingue doutras variantes da disciplina que se desenvolveron en paralelo ao mesmo período (cara a 1980), como a arqueoloxía da clase obreira ou a arqueoloxía pública porque "en lugar de simplemente representar outro obxecto da investigación, a arqueoloxía de xénero impúxose como unha parte necesaria e integrante de todas as demais arqueoloxías"

Historia[editar | editar a fonte]

A arqueoloxía do xénero empezou cunha crítica ás presuncións androcéntricas da perspectiva Occidental.[3] As pioneiras foron escandinavas e anglosaxoas que compartiron experiencias e investigaciones en diversos foros. Entre eles, destaca a investigadora Alison Wylie, o encontro de Stavenger en Noruega en 1979 (Bertelson et alii, 1987), as reunións do grupo de mulleres do Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Cambridge nos anos oitenta (Arnold et alii, 1988), a conferencia de Wedge en 1989 organizada por Joan Gero e Margaret Conkey (Gero e Conkey, 1991), o Congreso de Chacmool sobre arqueoloxía e xénero tamén en 1989 (Waldy e Willows, 1991) e os celebrados na Appalachian State University en Boone (Carolina do Norte) e na universidade australiana de Camberra.[2]

En Noruega, arqueólogas como Liv Helga Dommasnes iniciaran a principio dos anos 1970 o estudo das relacións entre os sexos na (pre)historia e na propia profesión.[4] Culmina en 1979 na posta en marcha dun taller titulado « Were they all men ? » organizado pola Asociación Arqueolóxica Noruega e na creación dun xornal sobre estudos feministas e de xénero en arqueoloxía "K. A. N. Kvinner je Arkeologi i Norge » [trad. As mulleres na arqueoloxía en Noruega] que publicou artigos entre 1985 e 2005.[5][6]

Na comunidade arqueolóxica anglófona xurdiu a partir do desenvolvemento dos movementos feministas da segunda onda a principios dos anos 1980. As pioneiras en aplicar os enfoques, ideas e teorías feministas á teoría e a práctica arqueolóxica foron Margaret Conkey, Janet D. Spector e Joan Gero.[7][8] En 1984 Conkey e Spector publicaron un artigo referencia histórica nesta materia: Archaeology and the study of gender[9] e en 1991 Conkey e Gero publicaron Engendering Archaeology:Women and Prehistory.[10]

En España as primeiras reflexións sobre esta materia aparecen na contribución de moitas arqueólogas na reunión de Arqueoloxía Teórica celebrada en Santiago de Compostela en 1992 na que se organizou por primeira vez unha sesión sobre arqueoloxía e mulleres nun foro aberto de discusión disciplinar.[2] En 1994 Margarita Díaz Andreu e Nuria Sanz realizaron un primeiro estudo sobre como se produciu o acceso de mulleres á profesión de arqueoloxía.[11] Na Universidade Autónoma de Barcelona, no Departamento de Antropoloxía Social e Prehistória un grupo de arqueólogas empezaron a traballar en arqueoloxía do xénero.[3] No 2000 a arqueóloga Paloma González coordinou o monográfico Mujeres, espacio y arqueología, una primera aproximación desde la investigación española na revista Arqueología Espacial.[12]

Crítica[editar | editar a fonte]

Algúns arqueólogos criticaron abertamente a arqueoloxía de xénero. Un deles é Paul Bahn que publicou un artigo no que dicía:

A última epidemia - que garda un grande parecido cos bos vellos tempos da nova arqueoloxía (principalmente unha trampa para os rapaces) - é a arqueoloxía de xénero, que é en realidade arqueoloxía feminista (unha nova trampa para as rapazas). Si, a xente, as irmás estano a facer por si mesmas... Apenas pasa un mes sen que outra conferencia sobre "arqueoloxía de xénero" sexa celebrada nalgún lugar por unha gran cantidade de mulleres arqueólogas (ademais duns bravos ou modernos homes que aspiran á corrección política). Algúns dos seus obxectivos son loábeis, mais non se debe permitir que o carro se desprace demasiado lonxe, tal como o fixo a nova arqueoloxía, antes de que a falta de roupa das emperatrices sexa sinalada por cínicos alegres.[13]
Paul Bahn, 1992

A arqueoloxía de xénero e os estudos culturais[editar | editar a fonte]

Foi postulado que o xénero non é hereditario e enmárcase nun proceso social mentres que o sexo é bioloxicamente determinante e estático (Claassen 1992, Gilchrist 1991, Nelson, 1997).

Para algunhas persoas especialistas en arqueoloxía, con todo, o sexo non é «a base sobre a que a cultura elabora o xénero» (Morris, 1995, p. 568-569). En 1992, Claassen indica (p. 4) que se identificaron nesgos entre os métodos utilizados na identificación do sexo dos esqueletos... Cando un sexo é asignado a posteriori a un esqueleto de sexo descoñecido, é un acto cultural", demostrando así como a práctica arqueolóxica en si mesma está sometida a sesgos culturais.

Estes postulados teóricos cuestionan os métodos antropolóxicos de determinación do sexo dos restos humanos empregados até entón en Occidente dado que nos estudos interculturais os antropólogos non utilizan nun ou outro país as mesmas características físicas para determinar o sexo dunha persoa.

Este enfoque, que induce que o sexo non é un concepto aplicábel ao conxunto das culturas (refírese ao concepto cros-cultural en inglés) senón que é culturalmente asignado, está a ser cuestionado por utilización a grande escala da análise do ADN de restos humanos. No entanto, as conclusións extraídas destes traballos efectuados por arqueólogos occidentais estarían igualmente nesgados polas súas influencias culturais e concepcións do sexo, da bioloxía e do ADN.

Esperando que a análise da cultura material e os estudos etnográficos das sociedades pasadas proporcionarán unha imaxe máis clara do/do rol(es) que o xénero xogou/xoga no seo destas sociedades, a arqueoloxía utiliza a inicios do século XXI tipos de datos máis variados e integran nas súas análises e interpretacións outros aspectos na recompilación de datos que non utilizaban antes. Por exemplo, os estudos de xénero analizaron a miúdo as sociedades desde o prisma macho/femia (Gilchrist 1991, Leick 2003). No entanto, outros traballos sobre o terreo, cuestionaron esta dicotomía masculino-feminino ampliando as categorías para incluír un terceiro ou cuarto xénero en certas sociedades non-occidentais (Herdt 1994, Hollimon 1997). Outros estudos sobre a cultura material ampliaron igualmente a finais do século XX o seu marco de investigación incluíndo os obxectos, as actividades e a organización espacial na paisaxe (Nelson, 1997).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Arqueología de género: una nueva lectura de las estatuillas paleolíticas | Tribuna Feminista". Tribuna Feminista (en castelán). 24 de setembro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2017. Consultado o 26 de xullo de 2017. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Colomer, Laia (1999). Arqueología y teoría feminista: estudios sobre mujeres y cultura material en arqueología (en castelán). Icaria Editorial. ISBN 9788474264524. Consultado o 26 de xullo de 2017. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Falcó Martí, Ruth (2003). "La arqueología del género: Espacios de mujeres, mujeres con espacio" (PDF). Universidad de Alicante. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de maio de 2019. Consultado o 25 de xullo de 2017. 
  4. Sørensen (2000). Polity Press, ed. Gender Archaeology. Cambridge. 
  5. Geller, Pamela L. (2009). "Identity and Difference:Complicating Gender in Archaeology". Annu. Rev. Anthropol. 38. p. 65–81. 
  6. Engelstad, Ericka (2001). "Gender, feminism, and sexuality in archaeological studies". International encyclopedia of the social & behavioral sciences (en inglés). p. 6002–6006. 
  7. "Is the archaeology of gender necessarily a feminist archaeology?" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2018. Consultado o 15 de maio de 2019. 
  8. Hays-Gilpin, 2000:92.
  9. Margaret Conkey e Janet D. Spector. "Archaeology and the study of gender" (PDF). Consultado o 25 de xullo de 2017. 
  10. Conkey, Margaret W., ed. (1995). Engendering archaeology: Women and prehistory. Blackwell. ISBN 0631175016. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2019. Consultado o 26 de xullo de 2017. 
  11. Díaz-Andreu, Margarita; Gallego, Nuria Sanz (1 de xaneiro de 1994). "Women in Spanish Archeology". Archeological Papers of the American Anthropological Association (en inglés) 5 (1): 121–130. ISSN 1551-8248. doi:10.1525/ap3a.1994.5.1.121. Consultado o 26 de xullo de 2017. 
  12. Marcén, Paloma González (2000). "Mujeres, espacio y arqueología: una primera aproximación desde la investigación española". Arqueología espacial (22): 11–22. ISSN 1136-8195. Consultado o 26 de xullo de 2017. 
  13. Paul Bahn (1992). "Bores, Bluffers and Wankas: Some Thoughts on Archaeology and Humour". 11.2 - Digging for a Laugh (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2016. Consultado o 25 de xullo de 2017. 

Bibliografía utilizada[editar | editar a fonte]

  • Bahn, Paul (1992). "Bores, Bluffers and Wankas: Some thoughts on archaeology and humour". Archaeological Review from Cambridge 11 (2) (Cambridge). 
  • Claassen, C. 1992. Questioning Gender: An Introduction. In Claassen, C. (ed.) Exploring Gender Through Archaeology. Selected Papers from the 1991 Boone Conference. Madison: Prehistory Press, 1-32.
  • Morris, R. 1995. All Made Up: Performance Theory and the New Anthropology of Sex and Gender. Annual Review of Anthropology 24, 567-592.
  • Trigger, Bruce G. (2007). A History of Archaeological Thought (Second Edition). New York: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-60049-1. 

Bibliografía adicional[editar | editar a fonte]

En inglés[editar | editar a fonte]

  • Gero, J., Conkey, W.(Eds). 1991. Engendering Archaeology. Oxford: Blackwell.
  • Joyce, R.A. 2008. Ancient Bodies, Ancient Lives: Sex, Gender, and Archaeology. Londres: Thames & Hudson.
  • Wright, R.P., 1996. Gender and Archaeology. Philadelphia: University of Pennsylvania Press.
  • Gilchrist, Roberta 1999 "Gender and archaeology : contesting the past" Londres, Nova York : Routledge
  • Hamilton, Sue. Whitehouse,Ruth D and Wright, Katherine I. (EDs.) 2007. "Archaeology and women : ancient and modern issues" Walnut Creek, Calif. : Left Coast Press
  • Milledge Nelson, Sarah (Ed.) 2006 "Handbook of gender in archaeology" Lanham, MD ; Oxford : AltaMira Press
  • Milledge Nelson, Sarahand Myriam Rosen-Ayalon (Eds.) 2002 "In pursuit of gender : worldwide archaeological approaches." Walnut Creek, CA : AltaMira Press.
  • Sørensen, Marie Louise Stig. 2000. Gender Archaeology. Cambridge: Polity Press

En español[editar | editar a fonte]

  • Martínez Pulido, Carolina, 2012. La senda mutilada: la evolución humana en femenino. Biblioteca Nueva. Madrid
  • Falcó Martí, Ruth, 2003. La arqueología del género: Espacios de mujeres, mujeres con espacio Cuadernos de trabajos de investigación, 6. Universidade de Alacant
  • Sánchez Romero, Margarita (2005) (ed.): Arqueología y género. Monografías de Arte y Arqueología nº 64, Universidade de Granada, Granada

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]