Alytes cisternasii

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Alytes cisternasii
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Orde: Anura
Familia: Alytidae
Especie: Alytes cisternasii
Boscá, 1879

Alytes cisternasii[1] é unha especie de sapo da familia Alytidae (antes Discoglossidae) que é endémico de Portugal e o occidente de España, chegando aos límites de Galicia.[2] Encóntrase tipicamente en hábitats abertos como praderías e bosques abertos de aciñeiras e sobreiras. A perda de hábitat é unha das ameazas para a súa supervivencia.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Crece ata unha lonxitude duns 40 mm, e os machos son máis pequenos que as femias. O seu morro é arredondado e os ollos grandes con pupilas verticais. Teñen pequenas verrugas a miúdo de cor laranxa nas pálpebras superiores. As glándulas paratiroides son relativamente pequenas e o tímpano apreciable. Teñen moitos tubérculos polo corpo e concentracións de verrugas glandulares baixo os brazos, na área das inguas e nos nocellos. As extremidades son bastante curtas. A cor da parte superior é gris amarronada con manchas escuras e as verrugas adoitan ser avermelladas. As partes inferiores non teñen manchas e son brancas agrisadas.[3] Os seus dous tubérculos metatarsianos adoitan utilizarse como carácter distintivo con respecto a Alytes obstetricans (que ten tres xeralmente), pero hai excepcións nesta última especie.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

É nativo de Portugal e a parte occidental de España, pero non na parte norte, chegando aos límites de Galicia, e vive a altitudes de ata 1 300 m sobre o nivel do mar. O seu hábitat preferido son as zonas de matogueira de tipo mediterráneo, pasteiros e bosques de aciñeiras (Quercus ilex) e sobreiras (Quercus suber) pouco densos.[1]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

O apareamento ten lugar no outono e poñen os ovos en terra. Seguidamente, o macho recolle a masa de ovos e envólvea arredor das súas patas traseiras, e transpórtaas permanentemente ata que os embrións en desenvolvemento están listos para eclosionar. Pode transportar 180 ovos resultantes de catro postas feitas por diferentes femias. O macho deposita os cágados que están eclosionando en corpos de auga axeitados, onde continúan o seu desenvolvemento. A metamorfose ocorre uns catro meses despois cando os cágados miden uns 70 mm de longo.[3] De hábitos crepusculares e nocturnos, ten unha actividade outonal nunha parte importante da súa distribución central e oriental, sendo máis variable nas zonas costeiras e máis ao norte.

Status[editar | editar a fonte]

A IUCN considera esta especie como "Case ameazada". As principais ameazas ás que se enfronta son a degradación do seu hábitat terrestre, a contaminación e a perda de pozas e lagoas axeitadas para reproducirse, así como a introdución do cangrexo de río americano invasor Procambarus clarkii e de peixes non nativos que depredan os cágados. Tamén está ameazado por unha enfermidade infecciosa fúnxica chamada quitridiomicose.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Beja, Pedro; Bosch, Jaime; Tejedo, Miguel; Lizana, Miguel; Martínez-Solano, Iñigo; Salvador, Alfredo; García-París, Mario; Gil, Ernesto Recuero; Arntzen, Jan Willem; Marquez, Rafael; Paniagua, Carmen Diaz (2009). "Alytes cisternasii". Lista Vermella da IUCN (IUCN) 2009: e.T55266A11283060. doi:10.2305/IUCN.UK.2009.RLTS.T55266A11283060.en. Consultado o 3 January 2018. 
  2. Frost, Darrel R. (2015). "Alytes cisternasii Boscá, 1879". Amphibian Species of the World: an Online Reference. Version 6.0. American Museum of Natural History. Consultado o 10 September 2015. 
  3. 3,0 3,1 van der Meijden, Arie; Vredenburg, Vance; Mahoney, Meredith (2002-05-25). "Alytes cisternasii". AmphibiaWeb. Consultado o 2013-12-08. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]