Aethina tumida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aethina tumida é un escaravello da familia Nitulidae que é unha praga para a apicultura.[1] É endémico da África subsahariana, pero espallouse a outros continentes, chegando a América do Norte, Australia, e as Filipinas.

Pode ser unha praga moi destrutiva para as colonias de abellas do mel, causando danos nos panais e no mel e pole almacenados. Se a infestación por este escaravello é forte dabondo, pode causar que as abellas abandonen a colmea. A súa presenza pode ser tamén un marcador na diagnose do chamado trastorno de colapso da colonia das abellas do mel. Tamén pode ser unha praga para os panais almacenados e as abellas que están nos panais esperando ser extraídas. As larvas do escaravello poden facer túneles a través dos panais, alimentándose e defecando, provocando decoloración e fermentación do mel.

Distribución[editar | editar a fonte]

É natural da África subsahariana pero colonizou moitos outros lugares.

Detectouse en Calabria no sur de Italia en setembro de 2014. Actualmente está confinado na provincia de Reggio Calabria e en parte de Vibo Valentia, onde agora está naturalizado. En 2014 e 2019 ocorreron brotes de infestación no leste de Sicilia.[2]

Nos Estados Unidos de América descubriuse por primeira vez en 1996 e agora espallouse a moitos dos estados, incluíndo California, Connecticut, Florida, Xeorxia, Hawai, Iowa, Illinois, Indiana, Kansas, Louisiana, Maryland, Massachusetts, Míchigan, Minnesota, Missouri, Nebraska, Nova Jersey, Nova York, Carolina do Norte, Ohio, Oklahoma, Pennsylvania, Rhode Island, Carolina do Sur, Tennessee, Texas e Virxinia. No verán de 2015, o descubrimento de varios adultos e unha infestación en todos os estadios vitais no val Fraser da Columbia Británica (Canadá) motivou que se establecese unha corentena temporal.[3][4]

En México estableceuse polo menos en oito estados. Os niveis de infestación son especialmente altos en áreas tropicais como o Iucatán.[5]

Detectouse en Belize en 2016 no distrito Corozal.[6]

Tamén se espallou por Australia, sendo identificado primeiramente en Richmond, Nova Gales do Sur en 2002. Seguidamente afectou moitas áreas de Queensland e Nova Gales do Sur.[7] Parece plausible asumir que a importación de abellas, colonias de abellóns, raíñas, equipamento de colmeas ou mesmo terra constituíron vías para a invasión deste escaravello; porén, non está claro aínda como conseguiron chegar a ese país.[8]

Agora acadou xa as illas Filipinas no sur de Mindanao, e hai unha gran preocupación de que se espalle por todo o país se as colmeas e abellas se trasladan da área do sur de Mindanao onde foi xa identificado.[9]

Historia vital[editar | editar a fonte]

Aethina tumida era antes coñecido só nas rexións subsaharianas onde era considerado unha praga menor das abellas.

Pertence a unha familia de preeiros denominados nitúlidos. O adulto é de cor de marrón escura a negra e duns 5–6 mm de lonxitude. O adulto pode vivir 6 meses e pode observarse case en calquera parte da colmea, aínda que máis a miúdo se encontra na porción posterior da táboa de fondo da colmea. Os escaravellos femia poñen masas irregulares de ovos en gretas e fírgoas da colmea. Os ovos fan eclosión en 2 ou 3 días dando larvas de cor branca que medran ata os 10–11 mm de lonxitude. As larvas aliméntanse de pole e mel, danando os panais, e cómprenlles de 10 a 16 días para madurar. As larvas que están listas para pupar abandonan a colmea e entéranse no solo preto da colmea. O período de pupación pode durar aproximadamente 3 ou 4 semanas. Os adultos que acaban de saír buscan colmeas, e as femias xeralmente aparéanse e empezan a poñer ovos unha semana despois da súa saída da pupa. As femias adultas xeralmente son máis longas, de 5,7 mm, que os machos, de 5,5 mm de longo, pero ambos os dous son case idénticos en anchura, duns 3,2 mm, aínda que poden variar moito en tamaño, posiblemente dependendo da dieta, clima e outros factores ambientais.[10]

Danos nas colonias de abellas e ao mel almacenado[editar | editar a fonte]

Panel danado polas larvas do escaravello. As abellas adoitan abandonar as colmeas infestadas neste grao.

Os danos principais ás colonias e ao mel almacenado débense á actividade de alimentación das larvas do escaravello. As larvas fan túneles a través dos paneis con mel almacenado ou pole, danando ou destruíndo celas seladas e panais. As larvas defecan no mel e o mel queda decolorado por esta causa. A actividade das larvas causa a fermentación e escumosidade do mel; o mel desenvolve un característico cheiro a laranxas podres. Os danos e a fermentación causan que o mel escoe fóra dos panais, creando un caos nas colmeas e salas de extracción. As infestacións fortes causan que as abellas deixen a colmea abandonada; algúns apicultores informaron o rápido colapso nesta situación incluso de colonias prósperas.[11]

Control[editar | editar a fonte]

Este escaravello considérase unha praga secundaria en Suráfrica, polo que non foi sometida a grandes controis. O escaravello atópase máis a miúdo en comeas febles ou fracasadas e raramente afecta a colonias vigorosas. Porén, as diferenzas nas actividades de limpeza da colmea das abellas que se encontran en Suráfrica e os EUA poden significar que haxa moitas respostas diferentes nas abellas. Algúns informes iniciais de FLorida a Carolina do Sur suxiren que os escaravellos poden ser máis daniños alí que en África. Utilizouse o para-diclorobenceno (PDB) para protexer paneis cargados de mel. Aprobouse o uso Coumaphos (un fosforotioato de Bayer Corporation) en colmeas para o control do escaravello nalgúns estados baixo rexistro de emerxencia.[12]

O control biolóxico por medio de nematodos do solo beneficiosos específicos deste escaravello é tamén efectivo. Estes nematodos beneficiosos aplícanse ao solo suspendidos en auga. Poden ser aplicados cun spray presurizado ou simplemente vertidos cunha lata para regar. Unha vez aplicados ao solo, os nematodos entérranse buscando os insectos causantes da praga, que nesa fase vital están no solo. Unha vez que os encontran, os nematodos entran nos seus corpos e liberan alí unha poderosa bacteria que rapidamente os mata. As bacterias liberadas disolven os tecidos internos do insecto, que se converten en comida para o crecemento e desenvolvemento do nematodo. Os nematodos maduros entón aparéanse e poñen ovos para producir máis vermes dentro do insecto morto. Poden formarse varias xeracións nuns poucos días. Despois de que comeron o interior do insecto, diminutos nematodos en estado infectivo abandonan a cuberta do insecto morto e empezan a buscar máis insectos. Poden saír ata 350.000 nematodos dun só insecto morto pasados só 10–15 días. As cifras dependen do tamaño do insecto.[13]

Actualmente no mercado hai varias trampas para estes escaravellos. As máis efectivas son a Beetlejail Baitable, a Hood Trap, a Freeman Beetle Trap, a West trap, a australiana, a AJ's Beetle Eater,[14] e a Beetle Blaster.[15] A maioría destas trampas utilizan aceite non tóxico para afogar os escaravellos. Isto permite que os apicultores eviten ter compostos tóxicos nas súas colmeas.[16]

Regulacións[editar | editar a fonte]

En Nova Gales do Sur, Australia, a infestación de colmeas por este escaravello debe notificarse como unha praga da abella do mel segundo a Stock Diseases Act 1923. A multa máxima por non notificalo é de 11.000 dólares australianos.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hood, Michael (2004). "The small hive beetle, Aethina tumida: a review" (PDF). Bee World 85 (3): 51–59. doi:10.1080/0005772X.2004.11099624. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de maio de 2014. 
  2. "Aethina tumida - Dati epidemiologici". salute.gov.it. Ministero della Salute. Consultado o 13 de xaneiro de 2023. 
  3. Lee, Jeff (14 de setembro de 2015). "Beetle pest found in B.C. bee hive". The Vancouver Sun. Consultado o 23 de decembro de 2015. 
  4. Lee, Jeff (21 de outubro de 2015). "First Small Hive Beetle Infestation With Larvae Found In B.C.". Honey Bee Zen. Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2015. Consultado o 23 de decembro de 2015. 
  5. "Small Hive Beetle". BeeBase. Animal & Plant Health Agency. Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2017. Consultado o 17 de xuño de 2017. 
  6. "Press Release: Small Hive Beetle Survey – Beekeeping". Government of Belize Press Office. 16 de xuño de 2017. Arquivado dende o orixinal o 2022-02-26. Consultado o 17 de xuño de 2017 – vía Facebook. 
  7. Rhodes, J.; McCorkell, B. (maio de 2007). "Small Hive Beetle Aethina tumida in New South Wales Apiaries 2002-6" (PDF). NSW Department of Primary Industries. Consultado o 1 de novembro de 2010. O propósito é rexistrar o espallamento de... (SHB) en NGS desde a súa identificación en Richmond, NGS, en 2002. 
  8. Neumann, Peter; Elzen, Patti J. (2004). "The biology of the small hive beetle (Aethina tumida, Coleoptera: Nitidulidae): Gaps in our knowledge of an invasive species". Apidologie 35 (3): 229–247. doi:10.1051/apido:2004010. Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2021. Consultado o 25 de febreiro de 2023. 
  9. Cleofas R Cervancia ,Lilia I de Guzman, Elmer A Polintan, Aimee Lynn B Dupo e Anna A Locsin. Current status of small hive beetle infestation in the Philippines. Páxinas 74-77. Journal of Apicultural Research. Volume 55, 2016 - Número 1. Recibido o 12 de agosto de 2015, Aceptado o 20 de maio de 2016, Publicado en liña: 16 de xuño de 2016. https://doi.org/10.1080/00218839.2016.1194053 [1]
  10. Ellis J, Ellis A,. (2010). Small hive beetle, Aethina tumida (Murray). Featured Creatures.
  11. Animal Healt Surveillance. Infestation with Aethina tumida (Small hive beetle). [2]
  12. United States Environmental Protection Agency. EPA R.E.D. facts - Coumaphos [3]
  13. Sanchez, WinDi; Shapiro, David; Williams, Geoff; Lawrence, Kathy (8 de xullo de 2021). "Entomopathogenic nematode management of small hive beetles (Aethina tumida) in three native Alabama soils under low moisture conditions". Journal of Nematology 53: e2021–63. ISSN 0022-300X. PMC 8267404. PMID 34286283. doi:10.21307/jofnem-2021-063. 
  14. Ellis, Jamie. "Pests and Disease Videos". Dr. Jamie Ellis discusses the Small Hive Beetle. Honey Bee Research & Extension Laboratory University of Florida Entomology & Nematology Department. Arquivado dende o orixinal o 2011-07-18. Consultado o 2010-10-31. Outra trampa que se fixo moi popular é AJ's Beetle Eater... 
  15. Hood, Michael Integrated Pest Management Arquivado 2016-07-12 en Wayback Machine. Dept. de Entomoloxía, Solos e Ciencias das Plantas da Universidade de Clemson, Clemson, Carfolina do Sur, xuño de 2010
  16. Blythewood bee Co. The Hive Beetle - Another Destructive Hive Pest For Beekeepers. [4]
  17. Rankmore, Mick (2007). "NSW Apiaries Act 1985 - a guide to the main sections" (PDF). NSW Department of Primary Industries. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2011-03-22. Consultado o 2010-11-01. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]