Acontecementos en Vitoria en 1976
Os acontecementos de Vitoria de 1976 refírense a un feitos ocorridos o 3 de marzo de 1976 na cidade alavesa de Vitoria, no País Vasco, durante a chamada etapa de Transición española. Neles produciuse o enfrontamento da policía armada, da cal o responsable máximo era o daquela ministro Manuel Fraga, con traballadores que realizaban unhas xornadas de folga e que se refuxiaron na igrexa de San Francisco de Agarrades no barrio de Zaramaga, co resultado da morte de 5 deles.
Índice |
[editar] Historia e características
Durante o mes de xaneiro de 1976 arredor de seis mil traballadores iniciaron unha folga en contra do decreto de topes salariais e en defensa de mellores condicións de traballo. Dous meses despois convocaron por terceira vez unha folga xeral que foi masivamente seguida o día 3 de marzo. Ese mesmo día a policía armada entrou na igrexa San Francisco de Agarrades en Vitoria, na que estaba previsto realizar unha asemblea de traballadores e, facendo caso omiso da decisión do párroco e do contido do Concordato, cominou ao desaloxo. Pouco despois do ultimato, as forzas da orde dispararon gases lacrimóxenos nun recinto pechado e ateigado de xente. O tropel de xente que foi saíndo do templo, foi agredido fisicamente, do cal se derivou o asasinato de Pedro María Martínez Ocio, traballador de Forjas Alavesas, de 27 anos, Francisco Aznar Clemente, operario de panadarías e estudante, de 17 anos, Romualdo Barroso Chaparro, de Agrator, de 19 anos, José Castillo, de Basea, unha sociedade do Grupo Arregui, de 32 anos. Dous meses despois morrería Bienvenido Pereda, traballador de Grupos Diferenciales, con 30 anos. Dous obreiros mortos no lugar dos feitos, catro feridos moi graves dos cales tres morrerían, e varios feridos máis, algúns con ferida de bala, foron o resultado da masacre.
Aquel xoves o Secretario Xeral do SPD de Alemaña cancelaba a entrevista con Fraga que participaba nunha campaña diplomática para vender internacionalmente unha reforma avalada pola monarquía. O sábado, Manuel Fraga Iribarne, entón Ministro da Gobernación, xunto con Rodolfo Martín Villa, Ministro de Relacións Sindicais, e o xeneral Campano, director da Garda Civil, tentaban, visitando aos feridos, reducir o impacto da súa decisión de usar a violencia contra os manifestantes.
Aínda prohibidos os dereitos de reunión, manifestación e de folga, os sindicatos, ilegais tamén, convocaron folgas en todo o territorio do Estado. Tiveron especial importancia no cinto industrial madrileño e en Vitoria. A resposta do goberno perante estas novas manifestacións foi a represión policial, que en Vitoria produciu cinco manifestantes mortos e varios centenares de feridos o 9 de marzo durante unha carga antidisturbios. Os altercados multiplicáronse e as folgas xerais de protesta sucedéronse durante varios meses.
Unha comisión do Parlamento Vasco considerou responsables políticos dos sucesos os "titulares dos ministerios actuantes neste conflito", é dicir: Manuel Fraga Iribarne, ministro de Gobernación (en Alemaña durante os sucesos, e polo tanto tamén como "ministro de xornada" o encargado de cubrir a súa ausencia física e de asumir responsabilidades Adolfo Suárez González), Rodolfo Martín Villa, ministro de Relacións Sindicais, e Alfonso Osorio, ministro de Presidencia.[1]
Décadas máis tarde, o 16 de xuño de 2011, foi rexeitada cos votos do PSE, PP e UPyD unha proposición non de lei no Parlamento Vasco sobre a necesidade de declarar "vítimas do terrorismo" as personas que resultaron afectadas nestes sucesos e instar o Goberno español a recoñecer a responsabilidade do Estado.[2]
[editar] Transcricións policiais dos feitos
A seguir figuran as conversas transcritas entre as patrullas responsables da carga na igrexa, segundo as gravaciones existentes da Banda de Radio da Policía:
«Charlie a J-1. Al parecer en la iglesia de San Francisco es donde más gente hay. ¿Qué hacemos? Si hay gente ¡a por ellos! ¡Vamos a por ellos!» «J-1 a Charlie. Charlie, a ver si necesitas ahí a J-2. Envíalo para aquí para que cubra la espalda de la iglesia.» «J-3 a J-1 Estamos en la iglesia. ¿Entramos o qué hacemos? Cambio».
«...Entonces lo que te interesa es que los cojan por detrás. Exacto».(Entrada á igrexa de San Francisco de Asís.)
[editar] Notas
- ↑ Resoluciones. Sobre los hechos ocurridos en Vitoria-Gasteiz el 3 de marzo de 1976 (Acuerdo del Pleno), Boletin Oficial do Parlamento Vasco, VIII lexislatura, 04/07/2008, nº 164, pp. 28245-28254.
- ↑ PSE, PP y UPyD rechazan incluir a las del 3 de marzo entre las "víctimas del terrorismo", Gara, 16 de xuño de 2011.